Rio Branco é a capital e cidade máis importante do estado brasileiro do Acre, situado na Rexión Norte do Brasil. Orixinouse a partir dun pequeno poboado creado para extracción de caucho na rexión, o Seringal Empresa, en 28 de decembro de 1882.
O seu nome débese a unha homenaxe a José Maria Paranhos Junior, Barón do Río Branco, diplomático brasileiro que negociou coa Bolivia o Tratado de Petrópolis, o cal garantiu a pose da rexión para o Brasil. En 1920 a cidade pasou a ser capital do entón Território do Acre.
Rio Branco é a capital de estado situada máis a oeste do Brasil, non moi distante das fronteiras co Perú e Bolivia. Ligase ós puntos de fronteira e tamén a Brasilia por estradas asfaltadas. A cidade vive principalmente do comercio e servizos, e ten unhas poucas industrias. Non é moi coñecida polas persoas do sueste e do sur do Brasil (principais orixes dos turistas brasileiros, por seren tamén as rexións economicamente máis ricas) debido á súa grande distancia destas rexións (ata São Paulo, por exemplo, son 3.642 km), e a non constar de grandes itinerarios turísticos do país. Espérase que terá un gran crecemento cando conclúa a ligazón por estrada asfaltada entre o Brasil e o Perú, dando acceso ós portos peruanos no océano Pacífico.[Cómpre referencia]