Rodeada pola Serra do Curral, que lle serve de marco natural e referencia histórica, foi planeada e construída para ser a capital política e administrativa do Estado mineiro baixo influencia das ideas do positivismo, nun momento de forte chamamento da ideoloxía republicana no país. Sufriu un inesperado e acelerado crecemento de poboación, chegando a máis de 1 millón de habitantes con case 70 anos de fundación. Entre as décadas de 1930 e 1940, houbo tamén o avance da industrialización, ademais de moitas construcións de inspiración modernista, principalmente as casas do barrio Cidade Xardín, que axudaron a definir a fisionomía da cidade.
Historia
Comezos modestos
En 1701, Joao Leite da Silva Ortiz estableceu a Fazenda do Cercado nas ladeiras da que sería chamada Serra do Curral, porque axiña a facenda se converteu na base do núcleo coñecido como Curral del Rei, que para 1707-11 xa tiña recoñecemento oficial (carta de sesmaria). En 1750 foi creado por orde da Coroa Portuguesa o distrito de Nosa Señora da boa Viaxe do Curral del-Rei. O distrito era entón sede da freguesía do mesmo nome, instituída en 1718 en torno á capela alí construída por Francisco Homem del-Rei. A freguesía foi instituída oficialmente en 1748.
Unha pequena capela foi erixida en 1718 (despois Igrexa de Nosa Senhora de Boa Viagem e hoxe catedral, o único predio conservado) no centro da poboación coñecida xa como Arraial do Curral del Rei. Para fins do século XIX contaba 4000 habitantes e, trala proclamación da República, mudou o nome ao de Arraial de Belo Horizonte (1890)[1][2].
A fins do século XIX, a entón capital de Minas Xerais, Ouro Preto, presentaba dificultades de acomodar unha expansión urbana, debido á súa localización, carecía da infraestrutura dunha cidade moderna e a súa topografía imposibilitaba o desenvolvemento que pretendían as autoridades republicanas no seu impulso á descentralización federal. Iso xerou a necesidade da transferencia da capital para outro sitio. Unha comisión dirixida por Aarao Reis apuntou a escolla do lugar do Arraial de Belo Horizonte para unha nova capital (posición central, ben comunicada, clima benigno, rico en auga), comezando en 1894 as obras segundo proxecto do mesmo enxeñeiro e urbanista. O municipio foi desmembrado de Sabará e ao principio foi denominado Cidade de Minas. A capital do estado foi oficialmente transferida en 12 de decembro de 1897 durante o goberno de Crispim Jacques Bias Fortes, xa co nome de Belo Horizonte. En 1897 tivo lugar a inauguración oficial (aínda sen terminar) co nome de Cidade de Minas, que en 1901 foi modificado ao definitivo de Belo Horizonte.
O proxecto da nova capital de Minas
O plan de Aarao Reis buscaba unha síntese entre a cuadrícula colonial americana e os exemplos paradigmáticos do urbanismo do século que finaba: o París de Haussmann e Washington coas súas grandes arterias diagonais, ademais dunha grande avenida perimetral (Av. do Contorno). Esta separaba a área propiamente urbana da área suburbana con trazado irregular de transición cara a área rural.
Nos encontros das avenidas diagonais ábrense prazas cos edificios oficiais e representativos. Un gran parque municipal completaba o deseño. Inda que materializado na súa maior parte o plan era unha concepción do século XIX, elitista (os antigos habitantes do arraial e obreiros foron excluídos, aparecendo as primeiras favelas), encapsulada e ideal para un século novo que viña cheo de retos e novidades.
Estaba proxectado para unha poboación de 100 000h que xa en 1940 (inda que ata 1922 o crecemento foi mínimo pola crise financeira) a cidade dobrara.
A necesidade de expansión non tivo o seu reflexo nun planteamento acorde co inicial. A ausencia dunha conexión vial apropiada entre a trama regular central, illada pola Av. do Contorno, e a suburbana supuxeron un atranco engadido. Así, o crecemento maiormente foi levado a cabo sen orde nin xeito [3].
Pampulha
A excepción máis notable dese desenvolvemento desordenado e anónimo foi a erección do conxunto de Pampulha, un barrio ao norte. Dende 1940 era prefeito da cidade Juscelino Kubitschek (despois presidente do país e impulsor de Brasilia), que deseguido encargou ao arquitecto Oscar Niemeyer o plan de acondicionamento do contorno dunha lagoa artificial embalsada nese tempo. O resultado foi un conxunto arquitectónico e paisaxístico de lecer (1943[4]) que supuxo o lanzamento da arquitectura moderna brasileira na escena internacional e por extensión a de Niemeyer e outros artistas que colaboraron, sinaladamente o paisaxista Roberto Burle Marx.
A área de Pampulha tense convertido na actualidade nunha zona de equipamentos culturais, educativos e o futuro parque tecnolóxico.
Metrópole
Na década de 1950 a poboación duplicouse, pasando de 350 millóns a 700 millóns de habitantes. Na década de 1960, edificios antigos foron demolidos e a cidade recibiu os seus primeiros rañaceos[5][6][7]. A poboación chegou a 1 millón de habitantes, e as terras libres case desapareceron. A poboación das cidades próximas, como Sabará, Ibirité, Contagem, Betim, Ribeirão das Neves e Santa Luzia, comezou a crecer máis que Belo Horizonte. Pronto os límites da prefeitura foron superados, comezando a conformarse a área metropolitana que continúa a expansión da terceira metrópole do Brasil[8].
Durante a década de 1980 a cidade comezou a preservar os seus edificios históricos, e comezou a construción do metro da cidade. Pero a cidade tamén comezou a sufrir os efectos da contaminación da auga na lagoa de Pampulha, que que deixou de utilizarse para abastecer a cidade[9]. En 1984 tiveron lugar importantes manifestacións, dirixidas polo entón gobernador Tancredo Neves, que pedían o fin da ditadura militar no Brasil. O 2 de xaneiro de 1984 se inaugurou o aeroporto internacional na veciña cidade Confins, bautizado como Aeroporto Internacional Tancredo Neves tras a súa morte en 1985[10].
Economía
Belo Horizonte ten hoxe o 5º máis grande Produto interior bruto de entre as cidades brasileiras. O sector terciario (comercio e servizos) responde do 80% da súa economía. O sector industrial responde por case todo o resto.
A súa rexión metropolitana posúe o 5º maior parque industrial da América do Sur, destacando a produción de automóbiles e as súas pezas, siderurxia, electrónica e construción civil.