A República Federal de Iugoslavia foi un estado federal formado polas repúblicas de Serbia e de Montenegro en 1992 e que no ano 2003 foi renomeado por Serbia e Montenegro. A capital foi a cidade de Belgrado.
Tras a caída da República Federal Socialista de Iugoslavia entre 1991 e 1992, só Serbia e Montenegro acordaron manter o estado iugoslavo, e estableceron unha nova constitución para unha nova Iugoslavia en 1992. Coa caída do comunismo na Europa do Leste, o novo estado seguiu a onda de cambios e non reviviu a estrutura do partido comunista (que fora disolta en 1990). O novo estado deixou a simboloxía comunista: a estrela vermella foi retirada da bandeira, e o escudo de armas comunista foi substituído por unha aguia bicéfala coas armas de Serbia e de Montenegro. Outros cambios foron introducidos como renomear a policía ata entón Milicija (Милиција) por Policija (Полиција); as dúas repúblicas terían as súas propias forzas. O novo estado estableceu un goberno baseado nun sistema dun só presidente, que sería elixido de xeito democrático, así coma un parlamento democrático.
No 2002 os gobernos das dúas repúblicas que conformaban a federación chegaron a un novo acordo co propósito de mellorar a cooperación entre as dúas. O 4 de febreiro do 2003, aprobouse unha nova Carta Constitucional, o estado foi reestruturado, e cambiouse o nome polo de Unión dos Estados de Serbia e Montenegro. Porén diversos grupos comezaron a premer pola independencia de Montenegro, que finalmente foi aprobada o 21 de maio de 2006 e declarada o 3 de xuño de 2006.