O referendo de autonomía de Galicia de 1936 celebrouse o 28 de xuño, no que votou o 74,56% do censo electoral (1 343 135 electores inscritos), cunha alta participación para a época. Dos 1 000 963 votos emitidos, 993 351 foron a prol (o 99,24%), 6 161 en contra e 1 451 en branco.
O 15 de xullo de 1936, unha comisión en representación do Comité Central da Autonomía de Galicia entregaba ó Presidente das Cortes, Diego Martínez Barrio, o texto do Estatuto aprobado en referendo. Esta comisión estaba formada por unha nutrida representación de parlamentarios e políticos galegos, entre os que se encontraban Bibiano Fernández Osorio-Tafall e Enrique Rajoy Leloup (representando o Comité), os presidentes das catro xestoras provinciais (en función de Deputacións), os alcaldes das catro capitais de provincia e mailos de Santiago, Vigo, Ferrol e Viveiro e un grupo de deputados galegos da Fronte Popular (Castelao, Elpidio Villaverde, Fernández de la Vega, Ramón Beade, Alfredo Somoza, Celestino Poza, Guiance Pampín etc.).
En calquera caso, o estoupido da Guerra Civil o día 18 rematou brusca e definitivamente o proceso. O estatuto galego nunca chegou a entrar en vigor por mor do triunfo do bando nacional en Galicia tras o Golpe de Estado.