Aos 13 anos trasladouse a Vigo, onde traballou como aprendiz de tipógrafo en Faro de Vigo e El Pueblo Gallego. Logo marchou á Arxentina de onde regresou en 1917. Ingresou na Agrupación Socialista de Pontevedra e en 1918 dirixiu Acción Obrera. En 1920 foi elixido presidente da Agrupación Socialista, presidente da Federación Obreira local e concelleiro de Pontevedra e dirixiu Nueva Aurora. En setembro de 1920 marchou outra vez a Arxentina, permanecendo en Buenos Aires ata 1922. Ao regreso estableceu unha imprenta propia "La Popular" con José Benito García Santiago. Acusado de militancia comunista, foi detido o 14 de abril de 1924 con Francisco Otero Juncal, Amando Guiance Pampín e Valeriano Barros.[2] Participou na reorganización da Agrupación Socialista de Pontevedra "La Internacional" en maio de 1931 e dirixiu La Hora (1931-1933).
Foi elixido presidente da AS de Pontevedra en 1933. Pertenceu ao Comité Revolucionario Provincial de Pontevedra durante a folga xeral revolucionaria de 1934 polo que foi detido e a súa imprenta "La Popular" asaltada e destruída. En 1936 foi membro da Comisión Xestora da Deputación Provincial, presidente do Comité Provincial da Fronte Popular, presidente da Asociación Tipográfica e presidente da Federación Provincial Socialista de Pontevedra. En abril de 1936 foi elixido compromisario do PSOE por Pontevedra para a elección do novo Presidente da República.
Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, foi detido o 20 de xullo e recluído na Escola Normal convertida en prisión. O 22 de outubro foi trasladado á Illa de San Simón onde permaneceu ata o 31, cando foi trasladado a Pontevedra. Xulgado en consello de guerra sumarísimo o 1 de novembro, foi condenado a morte. Foi fusilado na estrada de Campañó o 12 de novembro de 1936.[3]