Coñecido polo seu papel de Gómez Addams en The Addams Family e en AddamsFamily Values. O seu derradeiro papel foi interpretando ao activista Chico Mendes, nun filme xunto á actriz Sônia Braga.[2] Gañou un Globo de Ouro e un Screen Actors Guild Award en 1994 e un Emmy Award póstumo en 1995. Foi nomeado un dos mellores actores que nunca estiveron nomeados a un Oscar. En recoñecemento ao seu amplo impacto a favor dos dereitos humanos, a National Endowment for the Hispanic Arts ofrece anualmente o Premio Raúl Juliá á Excelencia[3] recibido entre outros pola actriz Sandra Bullock.[4]
Traballo humanitario
Durante a súa vida, Juliá continuou coa labor solidaria realizada polos seus pais durante a súa infancia, dedicándose a actividades sociais e educativas. As súas contribucións foron recoñecidas cunha invitación para unirse ao New York Council for the Humanities.[5] Gran parte do traballo benéfico de Juliá centrouse na mocidade en risco, a comunidade latinoamericana e as artes, patrocinou programas de escritura de guións nos institutos e apoiou a actores novos.[6] Para promocionar outros artistas latinoamericanos, Juliá prestou activamente o seu apoio á Organización Hispana de Actores Latinos (HOLA, polas siglas en inglés) e cofundou Visiones Luminosas.[7] Juliá colaborou con cineastas independentes de Porto Rico actuando nas súas producións gratuitamente ou recibindo un salario reducido.[8] Juliá tamén promoveu a aceptación e cooperación interracial como membro de Racial Harmony e serviu como presidente da Joseph Papp Celebrity Coalition for Racial Harmony.[9]
Como parte do seu traballo para The Hunger Project, Juliá fixo doazóns mensuais a un banco de alimentos.[10] Tamén promoveu o programa en televisión e radio, exerceu de narrador de vídeos bilingües sobre o Proxecto e participou en múltiples galas benéficas en nome da organización.[10][11] En 1994, o goberno do Salvador recoñeceuno polo seu activismo polos Dereitos humanos.[12] Durante a súa visita ao país, visitou a tumba de Romero, describindo posteriormente a súa experiencia nunha peza publicada en Freedom Review.
Vida persoal
Juliá estivo casado con Magda Vasallo desde 1965 até que se divorciaron en 1969. Despois estivo casado con Merel Poloway desde 1976 ata a súa morte en 1994.