Raúl García de Loza, nado en Lugo o 27 de xullo de 1946[1][2] ou 1947[3], é un antigo árbitro de fútbol e político galego.
Empregado de Telefónica, en 1975 ascendeu como árbitro á Segunda división, onde permaneceu durante cinco temporadas e arbitrou 56 partidos. o 21 de setembro de 1980 debutou en Primeira División de fútbol masculino de España como árbitro principal, asubiando un Murcia-Zaragoza que rematou con vitoria visitante[4]. Na súa etapa como árbitro de primeira liña foi moi coñecido pola polémica e chegou a ser sancionado pola Federación Española de Fútbol polas súas decisións erróneas e por facer declaracións aos medios en que opinaba de fútbol ou de posibles resultados[5][6]. En 1990 chegou a arbitrar a final de Copa do Rei, que naquela edición enfrontara a FC Barcelona e Real Madrid, e que tamén se viu envolto na polémica polo elevado número de cartóns amosados[7] e ao ano seguinte o partido final da Liga onde o Real Madrid caera derrotado en Tenerife e a Liga fora ás mans do FC Barcelona.
A pesar de chegar a ser árbitro internacional, non foi seleccionado para ningúns dos torneos máis importantes de seleccións, como a Eurocopa masculina ou o Mundial masculino. Ao retirarse ao remate da temporada 1993-94, cun Sevilla-Albacete, García de Loza asubiara 160 partidos en Primeira división, ademais de dous partidos do que daquela se chamaba Copa da UEFA. O partido máis importante arbitrado por García de Loza foi o disputado para o terceiro e cuarto posto entre as seleccións de fútbol feminino de Dinamarca e Italia, na Eurocopa feminina de 1991.
Residente na Coruña, nas eleccións municipais de 1999 presentouse nas listas do PP e saíu elixido concelleiro, se ben non chegou a desempeñar ningunha concellería e permaneceu na oposición durante catro anos. Unha década máis tarde, en 2014, e xa vivindo en Santiago de Compostela, recrutouno o alcalde Ángel Currás como concelleiro non electo para ocuparse da área de Deportes[8], logo de que o PP perdese unha gran cantidade de concelleiros acusados de prevaricación. Currás foi substituído por Hernández, e García de Loza seguiu como concelleiro de deportes ata as eleccións de 2015. Non integrou a lista dos populares na seguinte convocatoria.
Desde a década dos noventa García de Loza ten participado en distintos programas futbolísticos de televisión e radio, como experto arbitral.