Qumimperlé está situada no sueste do departamento de Finistère, a 19,7 km de Lorient e a 44 km de Quimper.
O nome Quimperlé ven de "kemper", que significa confluencia en bretón, e de "Ellé", un dos ríos que atravesan a localidade. Efectivamente, o Ellé e o Isole conflúen á altura de Quimperlé para dar lugar a La Laïta, unha ría de 15 km que foi navegábel noutro tempo e que permitiu a aparición dun porto en Quimperlé.
A nivel urbano distínguese claramente a cidade baixa, situada na confluencia dos ríos e polarizada historicamente pola abadía da Sainte-Croix, da cidade alta, xurdida ao redor da igrexa de Saint-Michel.
Demografía
Serie de poboación histórica de Quimperlé (Fonte/s: INSEE)
Ano
1793
1800
1851
1901
1936
1954
1968
1975
1990
2007
2012
Poboación
4 549
5 617
6 114
9 036
9 335
10 030
10 698
10 907
10 748
10 877
12 052
Historia
Durante a Alta Idade Media debeu existir un primeiro asentamento bretón que foi destruído no ano 868 debido a unha incursión normanda. A cidade, unha vez reconstruída, tomou o nome actual.
Segundo a tradición, o 14 de setembro de 1029 foi fundada a abadía beneditina da Sainte-Croix, que se arrequeceu rapidamente e espertou a cobiza dos condes de Cornualla e despois dos duques da Bretaña. Non en van o xeógrafo árabe Al Idrisí aseguraba en 1154 que "Kimberlik" era «unha cidade ben situada, pequena e animada, que posúe mercados activos e moitas industrias». No século XIII o duque Xoán I o Vermello mandou construír unha muralla para protexer a cidade baixa.
Durante o século XVI Quimperlé non se librou das perturbacións orixinadas polas guerras de relixión francesas, e incluso chegou a ser brevemente ocupada en 1594 polo exército español comandado por Juan del Águila. No século XVIII o comercio marítimo debilitouse debido á sedimentación na La Laïta, porén a actividade industrial aumentou, impulso que se acentuaría no século XIX.