Durante as décadas de 1970 e 1980, a Comisión de Dereitos Humanos avanzou na redacción dun código de conduta para empresas multinacionais, pero a comezos da década de 1990, a oposición dos países desenvolvidos e a actuación dos grupos de presión das empresas, levaron á disolución do corpo.[4]
Os escándalos causados pola reiteración de violacións de dereitos humanos por empresas multinacionais levou ás Nacións Unidas a crear novas iniciativas. O 20 de agosto de 1998 a Subcomisión de Promoción e Protección dos Dereitos Humanos das Nacións Unidas estableceu un Grupo de Traballo sobre Empresas Multinacionais para establecer un estándar básico de obrigas.[12] O 13 de agosto de 2003 a Subcomisión aprobou por unanimidade o documento elaborado polo Grupo de Traballo titulado Normas sobre Responsabilidades das Empresas Transnacionais e outras Empresas Comerciais na Esfera dos Dereitos Humanos.[13]
Entre as novidades achegadas polas Normas destacouse o principio de corresponsabilidade dos Estados e as empresas para promover e protexer os dereitos humanos.[14]
As Normas foron elevadas á Comisión de Dereitos Humanos da ONU, onde foron recibidas con hostilidade por varios países membros e finalmente rexeitadas co argumento de que carecían de "fundamento legal", ordenando á Subcomisión non realizar ningún tipo de vixilancia relativa ao respecto dos dereitos humanos por parte das empresas.[19]
En 2005, nun intento de superar as divisións xeradas polo debate sobre as responsabilidades do sector empresarial en materia de dereitos humanos, a Comisión de Dereitos Humanos solicitou a designación dun representante especial do secretario xeral (RESG) sobre o tema dos dereitos humanos e as empresas multinacionais, que levou a que en xullo de 2005 fose nomeado nesa posición o profesor John Ruggie, para traballar durante un período de dous anos, que logo foi estendido un ano máis. Ao ano seguinte, a Comisión de Dereitos Humanos da ONU foi abolida debido á súa inoperancia e substituída por un novo organismo denominado Consello de Dereitos Humanos, posto baixo dependencia directa da Asemblea Xeral das Nacións Unidas, decisión aprobada por unha abafadora maioría de países, contra só catro votos en contra, entre eles Estados Unidos e Israel.[16][20]
En 2008, ao completar os seus tres anos de traballo, Ruggie presentou ante o Consello de Dereitos Humanos un marco conceptual para desenvolver o debate sobre a cuestión titulado "Protexer, Respectar, Remediar", que foi coñecido como o "Marco Ruggie".[19] A partir deses tres principios, o "Marco Ruggie" distingue a obriga do Estado de "protexer" os dereitos humanos, da "responsabilidade" das grandes empresas de "respectar" os dereitos humanos, para finalmente desenvolver os mecanismos que os Estados e as empresas debían desenvolver para "remediar" rápida e efectivamente calquera violación causada aos dereitos humanos. A Comisión aprobou o informe de Ruggie e estableceu un novo mandato de tres anos, coa misión de facer operativo e promover o Marco.[21] O Consello solicitou a Ruggie que realizase recomendacións concretas sobre como podían os Estados previr os abusos do sector privado, elaborar un corpo de responsabilidades empresariais e explorar opcións para desenvolver remedios efectivos e dispoñibles para as persoas cuxos dereitos humanos fosen afectados por actividades das empresas.[22] Durante os seguintes tres anos Ruggie realizou consultas con diferentes grupos de interese, incluíndo gobernos, sindicatos globais, ONGs e organizacións de empregadores. O obxectivo de Ruggie era crear "un punto focal sólido ó redor do cal as expectativas dos actores puideran confluír, un marco que aclarara as responsabilidades e proporcionaran os fundamentos sobre os cales o pensamento e a acción puideran construírse no tempo".[23] Finalmente, en xuño de 2011, Ruggie presentou ó Consello de Dereitos Humanos os seus Principios Reitores sobre as Empresas e os Dereitos Humanos. Nese momento Ruggie declarou:
A contribución normativa dos Principios Reitores non repousa na creación dunha nova lei internacional de obrigas se non na elaboración das implicacións dos estándares e prácticas existentes para os Estados e as empresas; integrándoas nun modelo único, coherentemente lóxico e comprensivo; e identificando onde o actual réxime se queda curto e como pode ser mellorado.[24]
En xuño de 2011 o Consello aprobou por unanimidade os Principios Reitores elaborados por Ruggie, deu por terminado o seu mandato e formou un Grupo de Traballo para difundir e aplicar os Principios. Dispuxo tamén que o Grupo estivese formado por cinco expertos independentes, cun mandato de tres anos. O 4 e 5 de decembro de 2012 organizouse en Xenebra o primeiro Foro sobre Empresas e Dereitos Humanos.[25]
Os tres piares: protexer, respectar, remediar
Os Principios Reitores están organizados en tres capítulos, cada un deles correspondente a un piar:
Protexer os dereitos humanos, como obriga dos Estados;
Respectar os dereitos humanos, como responsabilidade das empresas;
Remediar os danos causados polas violacións aos dereitos humanos, mediante mecanismos eficaces e accesibles, aplicados polos Estados e as empresas.
↑Subcomisión de Promoción y Protección de los Derechos Humanos (20 de agosto de 1998). Resolución 1998/8.
↑Amnesty International (2007). Las Normas de Derechos Humanos de la ONU para Empresas: Hacia la responsabilidad legal. Amnesty International Publications.
↑"The UN Guiding Principles on Business and Human Rights and Conflict-Affected Areas: State Obligations and Business Responsibilities" 94 (887). Outono de 2012: 961–979. doi:10.1017/S1816383113000350.