Recrea poeticamente a vida e morte do burro Platero na vila andaluza de Moguer. É ben célebre o primeiro parágrafo:
Platero é pequeno, peludo, suave; tan dondo por fóra, que se diría de algodón todo el, que non leva osos. Só os espellos de azibeche dos seus ollos son duros tal que dous escaravellos de cristal preto. Déixoo ceibe, e vaise ó prado, e acariña tépidamente, co seu fuciño, rozándoas tenramente, as floriñas rosas, celestes e amarelas... Chámoo docemente: ¡Platero!, e ven onda min, cun trotiño ledo que semella que se rí, cun non sei que cascabeleo ideal...
Características
A edición orixinal tiña 63 capítulos. En 1917 apareceu a edición completa, composta por 138 capítulos, da man de Editorial Calleja. Axiña acadou unha boa aceptación, adoptándose como libro de lectura escolar cara a 1920 e converténdose nunha das obras máis lidas en España e América Latina. O poeta tiña a intención de ampliar o texto até os 190 capítulos (de feito na década de 1920 chegou a escribir tres adicionais), e mesmo pensou nunha segunda parte denominada Otra vida de Platero, da que esbozou algúns títulos.
Se ben pola súa sinxeleza e transparencia é un texto apto para a literatura infantil, trátase dun texto adulto cunha certa crítica social. A obra, formada por breves capítulos, está adicada «a la memoria de Aguedilla, la pobre loca de la calle del Sol que me mandaba moras y claveles».
Baixo o subtítulo de Elegía andaluza, fálase da vida do burro Platero, compañeiro do poeta, como pretexto para a descrición poética da vila de Moguer, das súas paisaxes e dos seus personaxes. Platero é tamén o símbolo e o paradigma do asno andaluz mediterráneo, mais tamén do animal doméstico universal como forza útil de traballo e medio de transporte ao tempo que compañeiro, amigo e confidente.
Narración
O libro ten varios niveis de lectura: unha crónica da vida cotiá en Moguer a comezos do século XX, mais tamén un diario íntimo poético. Ten varios elementos destacados: o personaxe narrador, o espazo e o tempo. A acción desenvólvese ao longo dun ano calquera, coas estacións e os diferentes momentos do día claramente determinados, mais trátase dun ano calquera, atemporal e mítico. A natureza (os animais e vexetais, as paisaxes...) son frecuentemente humanizadas, con descricións nas que destacan as súas cualidades cromáticas.
Amais de polas súas características literarias, indisociables do contido evocado, a obra foi considerada unha obra de autor mitificada como modelo de lingua e estética, ao igual que Pinocho para a literatura italiana ou O principiño para a literatura francesa.
Amais, foi adaptada a outras artes: en 1960 o compositor italiano Mario Castelnuovo-Tedesco musicou 28 capítulos na peza Platero y yo: élégie andalouse pour narrateur et guitare (opus 190). En 1964 foi levado ao cinema polo director Alfredo Castellón. En 1974 o compositor Cristóbal Halffter escribiu unha adaptación para coro, voz solista e recitante.