--
---
O pidgin inglés-massachusett foi un pidgin ou lingua de contacto baseada no inglés que se desenvolveu no século XVII en Nova Inglaterra e Long Island como medio de comunicación entre os falantes nativos de linguas algonquinas e os colonos ingleses que empezaron a asentarse nas áreas litorais na década de 1620.[4] O uso do pidgin inglés-massachusett coexistiu nas comunidades de fala massachusett cos seus dialectos orixinais, así como co pidgin massachusett, outra lingua de contacto que estaba baseada no massachusett. A diferenza do pidgin massachusett, que foi confundido coa lingua massachusett polos colonos ingleses, a documentación do inglés-massachusett é bastante numerosa. Como poucos dos colonos podían ou estaban dispostos a dominar a lingua massachusett ou a súa variedade pidgin, os que comerciaban e vivían directamente ao lado das aldeas indias comunicáronse neste pidgin inglés.[5] O uso do inglés-massachusett suplantou o uso do pidgin massachusett e probablemente mesmo superou a lingua nativa na comunidade. Nun proceso susceptible de descrioulización, os falantes do pidgin inglés-massachusett comezaron a axustar a súa lingua ao inglés dos seus veciños, e dende o século XIX, todos os descendentes dos pobos de fala massachusett foron falantes monolingües de inglés.[6]