Sir Peter Robert Jackson, nado en Pukerua Bay o 31 de outubro de 1961, é un guionista, produtor e director de cine neozelandés.
Traxectoria
Jackson comezou a súa carreira realizando pequenas películas no seu tempo libre. Unha delas, Bad Taste, acadou notoriedade no Festival de Cannes, comezando así a súa carreira profesional no cine. Ó contrario que outros directores de Nova Zelandia, Jackson permaneceu no seu país para realizar alí os seus proxectos.
Na súa segunda película Meet The Feebles, empregou marionetas. Pero o salto a fama como director de culto chégalle con Braindead, unha película a medio camiño entre a comedia e o terror coa que conseguiu varios premios. Jackson tamén realizou o filme Heavenly Creatures, protagonizado por Kate Winslet e baseado en feitos reais. Con esta película conseguiu o seu primeiro nomeamento ós Óscar como Mellor Guión e foi premiado no Festival de Venecia. En 1995 rodou Forgotten Silver, unha especie de documental sobre as aventuras dun cineasta, e ó ano seguinte fixo o filme de suspense The Frighteners protagonizado por Michael J. Fox.
Peter Jackson é principalmente coñecido por dirixir a triloxía cinematográfica sobre O señor dos aneis. As tres películas foron rodadas simultaneamente durante tres anos e estreadas sucesivamente nos Nadais de 2001 a 2003. Coa terceira conseguiu once premios Óscar, entre eles o de Mellor Película, igualando a outras coma Ben-Hur ou Titanic.
Universal Studios contratou a Peter Jackson para dirixir o remake do clásico King Kong por 20 millóns de dólares máis o 20 % dos beneficios, o que o converteu no director mellor pagado da historia. Jackson declarou en varias ocasións que a versión de 1933 foi a película que o animou a dedicarse ó mundo do cine.
Filmografía
Director
Produtor