Pere Ermengol de Rocafort ou Pedro Armengol, nado en La Guarida dels Prats en 1238 e finado o 27 de abril de 1304, foi un mercedario catalán adicado ao rescate de cativos.
Traxectoria
Criado nunha familia nobre, era fillo do barón de Rocafort Arnau de Eermengol. Orfo de nai a unha idade temperá desnvolveu un carácter combativo e altivo que o levou ao asasinato nunha liorta contra unha banda rival nunha cacería.
Convertido nun fuxitvo, dedicouse ao crime e á extorsión polas montañas del Prades e a serra de Montsant. Liscou da persecución das autoridades ata que o seu propio pai foi cunha partida na súa busca. Estreitado o cerco, no medio da pelexa, recoñeceu ao seu proxenitor ao ver que, lonxe de querer matalo, non respondía aos seus golpes. Isto provocoulle unha fonda transformación, Obtido o perdón do rei Xaime I o Conquistador, renunciou todos os bens que por herdanza do pai ían corresponderlle e ingresou na orde dos mercedarios disposto a arriscar a súa vida no rescate de cativos nos reinos inimigos, particularmente en terras do islam.
Así, no reino de Murcia rescatou en 1261, 231 cativos; no reino de Granada en 1262, 202 prisioneiros; e en Alxeria, en 1264, tamén unhas ducias. Para o rescate buscaban esmolas e chegaban a ofrecerse eles mesmos como reféns.
Aforcamento
En Bejaïa, Alxeria, no ano 1266, el e Frei Guillerme Florenti atoparon como prisioneiros dezaoito adolescentes cristiáns sen que os cartos recadados das esmolas lles alcancen para o rescate. Pere ofrécese como refén, mentres Guillerme parte para conseguir o que restaba para o pagamento. Como Guillerme se atrasou, Pere foi aforcado. Cando Guillerme foi recuperar o cadáver atopouse con que o seu compañeiro aínda vivía. Os cartos empregáronse para rescatar novos cativos.
Como consecuencia deste episodio, Pere ficou cunha desviación cervical e unha forte dor crónica.
Posteriormente fixo vida contemplativa en Barcelona ata que decidiu retirarse á súa vila natal.
Significación
A súa memoria é moi venerada en Cataluña como un santo nacional e a orde mercedaría teno como modelo de virtudes heroicas. Inocencio XI canonizouno en 1688.
As súas reliquias foron moi veneradas ata que o 23 de xullo de 1936 unhas asaltantes guindáronas ao lume. Uns poucos ósos foron rescatados sen calcinar e están gardados nunha urna na igrexa de Santiago da súa vila natal. A súa festa é o 26 de abril.
Ligazóns externas