A Orde dos Irmáns da Benaventurada Virxe María do Monte Carmelo (en latín: Ordo Fratrum Beatissimae Mariae Virginis de Monte Carmelo), máis coñecida como Orde Carmelita,[1] é unha orde mendicante católica, que ten a súa orixe nas comunidades eremíticas que existían no século XII no Monte Carmelo, en Palestina. En 2020, a rama masculina da orde sumaba 2077 frades, dos que 1310 eran tamén sacerdotes.[2] Os membros desta orde engaden as siglas O.carm ao final do seu nome.
Orixe
O Primeiro Libro dos Reis, un libro histórico da Biblia, relata como o profeta Elías reuniu unha comunidade de homes no Monte Carmelo, que en arameo significa "xardín", e dende alí traballou na defensa da pureza da fe no Deus de Israel, vencendo ao desafío dos sacerdotes de Baal.
Inspirándose en Elías, estabelecéronse moi pronto alí comunidades monásticas cristiás, e cando os cruzados chegaron en 1099, atoparon xa relixiosos estabelecidos, de rito maronita e que seguían a regra de San Basilio. Arredor de 1154 retirouse alí o nobre franco San Bertoldo, chegado a Palestina xunto ao seu curmán Aimery de Limoges, patriarca latino de Antioquía, e reuniu aos eremitas para levar unha vida cenobítica. Os relixiosos edificaron unha pequena igrexa en medio das súas celas e a dedicaron á Virxe María, tomando o nome de "Irmáns de Santa María do Monte Carmelo".
Bertoldo converteuse no primeiro prior da orde. Cando rematou a terceira cruzada, algúns cruzados e peregrinos uníronse a el, para levar unha vida eremítica.
Notas
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para carmelita.
- ↑ "Order of Our Lady of Mt. Carmel (Institute of Consecrated Life - Men) [Catholic-Hierarchy]". www.catholic-hierarchy.org. Consultado o 2022-09-26.
Véxase tamén
Ligazóns externas: