Old Trafford, tamén coñecido como "O teatro dos soños", é o estadio do Manchester United F.C. Está situado no distrito de Trafford, na cidade de Manchester (Inglaterra). Ten a categoría de estadio 5 estrelas da UEFA.
Historia
Cando o club foi fundado como Newton Heath en 1878, xogou os seus partidos en casa nun pequeno campo en North Road en Newton Heath. Con todo, a miúdo os equipos visitantes queixábanse do estado do terreo, que era "un pantano nun extremo e unha canteira de rocha no outro". Os vestiarios tampouco eran para estar orgullosos, e atopábanse a dez minutos a pé do estadio, no Pub Three Crowns en Oldham Road. Máis tarde foron trasladados ao Shears Hotel, outro pub en Oldham Road, mais era preciso un troco se o club quería continuar na liga de Fútbol. Os Heathens mantivéronse no seu terreo de North Road durante quince anos, entre 1878 e 1893, cando ano despois de entrar na Football League, trasladáronse a un novo fogar en Bank Street, nas inmediacións de Clayton.
Old Trafford, comezado a construír en 1909, foi finalmente inaugurado o 19 de febreiro de 1910 e o Manchester United mudouse dende o seu vello estadio en Clayton. Situado distrito suburbano de Trafford, pertencente ao condado metropolitano do Gran Manchester, o seu enderezo é: Sir Matt Busby Way, Old Trafford, Manchester, England M16 0RA. Old Trafford é coñecido como O Teatro dos Soños, alcume posto por Bobby Charlton, histórico xogador do club.
A súa construción supuxo a enorme suma para a época de £60.000. En 1939 na semifinal da FA Cup entre os Wolves e Grimsby Town F.C. remataría cunha entrada de 76.962 espectadores, unha marca que aínda segue en pé. A azotea sur do soporte orixinal de Leitch foi substituída nos anos 30. As esquinas do sur do soporte tamén foron cubertas e unha azotea parcial foi agregada no lado norte. O estadio foi gravemente danado durante a segunda guerra mundial debido aos bombardeos levados acabo pola Alemaña Nazi en 1941 e durante algún tempo debeu xogar no estadio Maine Road, do clásico rival local Manchester City até o fin da remodelación do recinto en 1949.
Nos anos 60, 70 e 80, só 58.000 espectadores podían entrar en Old Trafford, e co informe de Taylor, que requiría que os estadios de equipos de primeira categoría de Inglaterra tiveran a tódolos espectadores sentados, a capacidade foi reducida a 44.000, sempre demasiado pequena para os seareiros do United. Con todo, unha serie de continuas reformas e ampliacións, rematadas no ano 2006, elevaron a súa capacidade até os seus actuais 76.212 asentos.