Narendra Damodardas Modi, nado en Vadnagar o 17 de setembro de 1950, é un político indio, primeiro ministro desde o 26 de maio de 2014. Foi ministro-xefe do estado de Guxarat desde o ano 2001 ata 2014, membro do Partido do Pobo Indio (BJP). Membro da organización Rashtriya Swayamsevak Sangh (RSS), cualificado como un nacionalista hinduísta polos medios e por el mesmo.[1][2] É unha figura controvertida na India e internacionalmente.[3][4][5][6] Criticouse a súa xestión á fronte do goberno de Guxarat pola violencia que se desatou entre hinduístas e musulmáns no seu estado en 2002[6][7], mais tamén gabouse a súa política económica, considerando que creara as condicións para o crecemento da economía guxaratí.[8]
Infancia e mocidade
Modi naceu no seo dunha familia de especieiros na pequena cidade de Vadnagar no distrito de Mehsana, entón no estado de Bombai, e na actualidade en Guxarat.[9] Era o terceiro de seis fillos da parella que formaban Damodardas Mulchand Modi e Heeraben.[10][11] De neno axudou na venda de té na estación de ferrocarril de Vadnagar e nos vagóns de tren[12] e xa na súa mocidade tiña un posto de té cun seu irmán preto dunha terminal de autobús[13], sen deixar os seus estudos, mesmo participando en espectáculos teatrais xa de neno. Consonte as tradicións da casta ghanchi os seus pais arranxaran un matrimonio concertado con Jashodaben Chimanlal, unha moza da vila próxima de Brahamanwada[14], aínda que segundo Joshodaben el nunca a considerou nin a tratou como a súa dona.[15]
Traballou logo nunha cantina do servizo de transportes por estrada de Guxarat, e alí permaneceu ata que se converteu nun pracharak (propagandista) a tempo completo da organización RSS en 1970[11][16][17]. Tras recibir adestramento da RSS en Nagpur, requisito para ter unha posición de responsabilidade no Sangh Parivar, conxunto de organizacións nacionalistas hinduístas, estivo á fronte da organización estudantil, Akhil Bharatiya Vidyarthi Parishad (ABVP), en Guxarat, organizando axitacións e distribución de propaganda durante o tempo que estivo en vigor o estado de emerxencia declarado por Indira Gandhi entre 1975 e 1977[11]. Durante os seus anos no RSS, Mode tratou a Vasant Gajendragadkar e Nathalal Jaghda, líderes do Jan Sangh, máis tarde fundadores da sección guxaratí do BJP.[17] Modi mantívose como pracharak no RSS mentres realizaba estudos de ciencia política na Universidade de Guxarat.[18]
Primeiros pasos en política
En 1987 entrou no BJP e xa nese ano era o secretario xeral da sección de Gujarat[19], facéndose coñecido a nivel nacional tras organizar a xornada da unidade (Ekta yatra) dirixida polo presidente do partido Murli Manohar Joshi en 1991[11]. A súa estratexia electoral foi fundamental para conseguir a vitoria para o seu partido nas eleccións estatais guxaratís de 1995.[17][20][21]
En 1995 entrou na Secretaría Nacional do BJP con cargo en cinco grandes estados[22], entre eles Haryana e Himachal Pradesh.[20]. En 1998 asumiu a Secretaría Nacional do BJP[11].
Ministro-xefe de Guxarat
En 2001 o ministro-xefe de Guxarat Keshubhai Patel tiña problemas de saúde e o BJP perdera escanos en eleccións parciais, en medio de acusacións de abuso de poder, corrupción e mala administración, ademais das críticas á actuación do seu goberno durante o terremoto que asolara partes de Guxarat en 2001.[23][24] Como resultado o BJP buscaba un novo candidato e Modi foi o elixido, substituíndo a Patel o 7 de outubro de 2001, coa responsabilidade de revalidar o seu posto nas eleccións de decembro de 2002. Como ministro-xefe desenvolveu unha política de redución do goberno e de privatizacións, malia as ideas de antiprivatización e antiglobalización do RSS[23]
Primeiro mandato (2001-2002)
Vaga de violencia de 2002
O 27 de febreiro de 2002 prendéronlle lume preto de Godhra a un tren no que viaxaban varios centos de pasaxeiros, entre os que había unha gran cantidade de peregrinos hinduístas, morrendo arredor de 60 persoas[25][26]. Difundíronse azueiras que facían responsables aos musulmáns motivando que se espallase por Guxarat unha vaga de violencia contra eles.[27] Estimándose entre 900 e 2.000 os mortos, con milleiros máis feridos.[28][29] O goberno de Modi decretou o toque de queda nas principais cidades o día 28, con ordes para as forzas de seguridade de dispararen sen previo aviso.[30][31] Non obstante, organizacións de dereitos humanos, os partidos da oposición e algúns medios de comunicación acusaron o goberno guxaratí de non facer o suficiente para atallar a violencia ou mesmo de apoiala nalgúns casos[30][31][32]. En abril de 2009 o Tribunal Supremo da India estableceu un equipo de investigación especial sobre unha posible implicación do goberno guxeratí e de Narendra Modi neses episodios de violencia[32] concluíndo en 2010 que non existe proba ningunha que Modi intencionalmente autorizara a violencia en Guxarat[33].
Eleccións de 2002
Como consecuencia da vaga de violencia, Modi convocou eleccións anticipadas oito meses antes do remate do seu mandato.[34] Gran parte da campaña estivo centrada no lugar dos musulmáns na sociedade guxaratí, e Modi buscando capitalizar os sentimentos hinduístas da maioría da poboación adoptou unha retórica antimusulmá, con frecuentes mencións ao terrorismo islámico[35][36][37]. Finalmente o BJP, dirixido por Modi, logrou 127 escanos nunha Asemblea de 182.[38]
Segundo mandato (2002–2007)
A pesar da retórica hinduísta empregada nas eleccións, as políticas desenvolvidas por Modi no seu segundo mandato levaron a unha redución da influencia de organizacións hinduístas como o Bharatiya Kisan Sangh (BKS) e o Vishva Hindu Parishad (VHP),[39], eliminando figuras radicais do seu goberno como Gordhan Zadaphia, ou tomando decisións como demoler 200 templos ilegais en Gandhinagar, o que irritou ao VHP[39][40], ou deixar de consultar das súas decisións a organizacións vencelladas ao movemento nacionalista hinduísta.[39]. Modi centrou a súa política no desenvolvento económico, cambios que levaron a que Guxarat se dese a coñecer como un destino atractivo para os investidores, reducindo a corrupción[23] e promovendo parques financeiros e tecnolóxicos.
Malia centrar as súas políticas no desenvolvemento económico, o naquel entón primeiro ministroAtal Bihari Vajpayee, quen pedira a Modi non facer discriminacións entre cidadáns tras do episodio de violencia de 2002 e que estaba a favor que deixase o seu posto [41][42] distanciouse de Modi e tras a derrota nas eleccións xerais indias de 2004 indicou que a pasada violencia en Guxarat fora unha das razóns da derrota electoral do BJP e recoñeceu que a non destitución de Modi inmediatamente despois dos feitos fora un erro.[43][44]
A medida que se aproximaban as eleccións estatais e xerais de 2007 e 2008 o BJP incrementou a súa retórica sobre o terrorismo[45]. Modi criticou ao primeiro ministro Manmohan Singh por non aplicar a lexislación antiterrorista e demándoulle ao goberno nacional que permitise aos estados adoptar leis máis duras[46], así como a execución de Afzal Guru,[47] un colaborador dos jihadistas paquistanís condenados por terrorismo pola súa participación no ataque ao Parlamento da India en 2001[48]. Nas eleccións estatais de 2007 o BJP renovou a maioría, con 122 dos 182 escanos da Asemblea, e Modi continuou no seu posto.[49]
Terceiro mandato (2007-2012)
Proxectos de desenvolvemento
Modi continuou a política iniciada por Patel de apoiar a creación de infraestrutura para a conservación das augas subterráneas, fundamental para o desenvolvemento da agricultura nun estado semiárido, así desde 2004[50] Guxarat mellorou o seu rendemento agrícola substancialmente, en gran parte debido a proxectos de melloras no fornecemento de auga subterránea nas rexións de Saurashtra e Kachchh no norte, polo aumento do uso da rega por goteo e polo establecemento de sistemas máis eficientes de subministración eléctrica ás granxas. Aínda que as medidas para a irrigación das rexións do centro e sur non tiveron éxito en acadar as súas metas[51] no período 2001–2010 Gujarat rexistrou unha taxa de crecemento anual no sector agrícola do 10,97%, o meirande entre os estados indios[52].
O goberno de Modi utilizou o slogan "Guxarat vibrante"[53][54][55] como símbolo dun desenvolvemento dinámico, crecemento económico e prosperidade, non obstante recibiu críticas por considerar que non se correspondía coa realidade por ter Guxarat índices baixos en desenvolvemento humano, pobreza, nutrición ou educación, así é o estado 13º en pobreza, o 21º en educación, categorízándose como "alarmante" no Índice estatal de fame da India[56], non obstante as autoridades guxaratís fan fincapé no aumento da educación feminina ou na diminuación da mortalidade materna.[57]
Polémicas
No ano 2010 durante un discurso electoral en Mangrol xustificou a execución extraxudicial de Sohrabuddin Sheikh mentres permanecía so custodia da policía estatal. Tras o que a Comisión Electoral da India considerou o discurso indulxente nunha actividade que podería agravar as diferenzas existentes entre comunidades[58]. Posteriormente a policía arrestou ao ministro do interior de Modi, Amit Shah por indicios de ordenar o asasinato de Sohrabuddin e outras dúas persoas, logo de pasar tres meses na cadea saíu en liberdade provisional resultando reelixido nun dos distritos electorais de Ahmedadbad.[59][60]
No ano 2012 a xustiza declarou culpable a Maya Kodnani, outra dos antigos ministros de Modi, por participar no masacre de Naroda Patiya durante a violencia de 2002.[61][62]. Nun primeiro o goberno de Modi anunciou que pediría a pena de morte para ela por medio dun recurso pero finalmente retirouno[63][64][65]
Xaxúns
Entre finais de 2011 e primeiros de 2012 Modi realizou unha serie de xaxúns como parte dunha misión de boa vontade, para se achegar á comunidade musulmá do Guxaratt.[66] e que segundo declarou fomentaría a paz, a unidade e a harmonía[67] A misión principiou o 17 de setembro de 2011 en Ahmedabad cun xaxún de tres días. Posteriormente gardou 36 xaxúns en 26 distritos e 8 cidades[68]. Así e todo eses xaxúns non foron ben recibidos por todos os musulmáns, rexistrándose varios incidentes[69][70][71].
Desacordos coa gobernadora
O 25 de agosto de 2011, a gobernadora de Guxarat, Kamla Beniwal designou a R. A. Mehta para o posto de Lokayukta, un valedor do pobo dedicado á loita contra a corrupción, e que permanecera vacante desde 2003. Mehta fora recomendado para o cargo polo presidente do Tribunal Superior de Guxarat en xuño de 2011[72] e Beniwal designouno sen consultar a Modi e o seu consello de ministros[73], o que creou tensións entre Modi e Beniwal. O 25 de setembro Modi acusou á gobernadora de establecer un goberno paralelo no estado co apoio do seu partido, o Congreso Nacional Indio e pediu a súa deposición[74]. Modi tamén acusou a Beniwal de delongar a posta en vigor dunha lei que reservaba a metade dos asentos nas corporacións locais ás mulleres[75].
Cuarto mandato (2012– )
Nas eleccións guxaratís de 2012, Modi gañou o seu asento polo distrito electoral de Maninagar[76], e o seu partido, o BJP gañou 115 dos 182 escanos da Asemblea, mantendo a maioría absoluta que establecera xa Modi no seu primeiro mandato[77]. En eleccións parciais posteriores, o BJP gañou outros catro escanos, sen Modi facer campaña polos seus candidatos[78], elevando o número de asentos do BJP a 119.
Candidatura a primeiro ministro da India
Ascenso no BJP nacional
En marzo de 2013 Modi entrou na dirección parlamentaria do BJP, a máxima instancia de decisión do partido, e asumiu o posto de presidente do Comité de Campañas Electorais Centrais[79][80] e o 10 de xuño o partido designouno para dirixir a campaña das eleccións parlamentarias de 2014 o que supuxo a renuncia de todos os seus postos no artigo de L.K. Advani, un dos líderes fundadores do BJP segundo The Times of India como protesta contra da designación de Modi[81], aínda que Advani retirou a súa renuncia ao día seguinte polas xestións do xefe do RSS Mohan Bhagwat[81]. En setembro de 2013 o BJP comunicaba que Modi era o seu candidato a primeiro ministro nas eleccións de 2014[82] pola coalición Alianza Democrática Nacional.
Eleccións xerais de 2014
Narendra Modi preséntase ás eleccións en dous distritos electorais, Varanasi (Uttar Pradesh)[83] e en Vadodara (Guxarat)[84]. A súa candidatura conta co apoio de líderes espirituais hinduístas como Ramdev e Morari Bapu,[85] e por economistas como Jagdish Bhagwati e Arvind Panagariya[86] mais a oposición do Nobel de economía Amartya Sen por estimar que como primeiro ministro non faría o suficiente para que as minorías se sentisen a salvo e que con Modi os índices de Guxarat en educación e saúde foran moi mal[87]. Tras a vitoria do seu partido o presidente nomeouno primeiro ministro, xurando o cargo o 26 de maio de 2014[88][89]
↑Campbell, John, Chris Seiple, Dennis Hoover, Dennis R. Hoover, Pauletta Otis, ed. (2012). Routledge, ed. The Routledge Handbook of Religion and Security. p. 233. ISBN978-0-415-66744-9.
↑Brasted, Howard V. (2005). Routledge, ed. Islam in World Politics. p. 119. ISBN978-0415324113.
↑Corbridge, Stuart (2012). Polity Press, ed. India Today: Economy, Politics and Society. p. 185. ISBN978-0745661124.
↑Hardgrave, Jr., Robert L. (2005). "Hindu Nationalism and the BJP: Transforming Religion and Politics in India". En Rafiq, Dossani; Rowen, Henry S. Prospects For Peace in South Asia. Stanford University Press. pp. 210–211. ISBN9780804750851.
↑Dasgupta, Manas (4 de abril de 2002). "Vajpayee's advice to Modi". The Hindu. Arquivado dende o orixinal o 20 de marzo de 2013. Consultado o 2 de abril de 2013.
↑Bobbio, Tommaso (2012). "Making Gujarat Vibrant: Hindutva, development and the rise of subnationalism in India". Third World Quarterly33 (4). pp. 657–672. doi:10.1080/01436597.2012.657423.
↑Ibrahim, Farhana (2007). "Capitalism, Multiculturalism and Tolerance: A Perspective on'Vibrant Gujarat". Economic and Political Weekly. pp. 3446–3449. JSTOR4419936.
↑Mehta, Nalin (2010). "Ashis Nandy vs. the state of Gujarat: authoritarian developmentalism, democracy and the politics of Narendra Modi". South Asian History and Culture1 (4). pp. 577–596. doi:10.1080/19472498.2010.507028.
↑Shah, Ghanshyam (2013). "Politics of Governance: A Study of Gujarat". Studies in Indian Politics1 (1). pp. 65–77. doi:10.1177/2321023013482788.
↑Jaffrelot, Christophe (2013). "Gujarat Elections: The Sub-Text of Modi’s ‘Hattrick’—High Tech Populism and the ‘Neo-middle Class’". Studies in Indian Politics1 (1). pp. 79–95. doi:10.1177/2321023013482789.