Mário José Gomes de Freitas Centeno, nado na freguesía de Olhão o 9 de decembro de 1966, é un economista e político portugués, gobernador do Banco de Portugal desde 2020.
Anteriormente foi Ministro de Finanzas do Goberno de Portugal desde o 26 de novembro de 2015 até o 15 de xuño de 2020, e presidente do Eurogrupo desde o 13 de xaneiro de 2018 ao 13 de xullo de 2020.
Traxectoria
Centeno é licenciado en Economía e máster en Matemáticas aplicadas polo Instituto Superior de Economía e Xestión da Universidade de Lisboa, e doutor pola Escola de Negocios Harvard da Universidade Harvard.[1][2][3][4][5]
Foi economista do Banco de Portugal desde 2000, e director adxunto do Departamento de Estudos Económicos deste departamento entre 2004 e 2013. Entre 2004 e 2013 tamén foi membro do Comité de Política Económica da Unión Europea. Entre 2007 e 2013 foi presidente do Grupo de Traballo para o Desenvolvemento de Estatísticas Macroeconómicas no Consello Superior de Estatística. Tamén é catedrático de Economía no Instituto Superior de Economía e Xestión da Universidade de Lisboa.[1][2][3][4][5]
A partir de 2014 foi profesor do Instituto Superior de Economía e Xestión da Universidade de Lisboa e traballou como asesor do Banco Central de Portugal. Ademais, exerceu de asesor económico do líder socialista António Costa, e encargado de coordinar o programa económico do partido socialista para as eleccións lexislativas de 2015.[6]
Tras a elección de António Costa como primeiro ministro de Portugal, en novembro de 2015, Centeno foi designado ministro de Finanzas de Portugal.
O 4 de decembro de 2017, co apoio de Portugal, España, Francia, Alemaña e Italia, foi elixido presidente do Eurogrupo, asumindo o cargo o 13 de xaneiro de 2018.
O 9 de xuño de 2020 Centeno anunciou a súa saída do goberno, con efectos a partir do 15 de xuño de 2020, sendo substituído por João Leão no Ministerio de Finanzas.[7]
En 2020 abandonou seus cargos tras ser nomeado polo Consello de Ministros de Portugal como gobernador do Banco de Portugal o 16 de xullo.[8]
Notas
- ↑ 1,0 1,1 "Mário Centeno - Ministro das Finanças". Governo de Portugal (en portugués). Consultado o 17 de novembro de 2021.
- ↑ 2,0 2,1 "Ministro das Finanças: doutorado em Harvard, polémico, liberal" (en portugués). Expresso. 24 de novembro de 2015. Arquivado dende o orixinal o 11 de decembro de 2017. Consultado o 17 de novembro de 2021.
- ↑ 3,0 3,1 "Um liberal de esquerda talhado em Harvard" (en portugués). Diário Económico. 25 de novembro de 2015. Arquivado dende o orixinal o 03 de marzo de 2016. Consultado o 17 de novembro de 2021.
- ↑ 4,0 4,1 "Centeno: (Re)made in USA" (en portugués). Visão. 20 de novembro de 2015. Consultado o 12 de novembro de 2021.
- ↑ 5,0 5,1 "Mário Centeno, de "ministro-sombra" a ministro das Finanças" (en portugués). Público. 24 de novembro de 2015. Consultado o 17 de novembro de 2021.
- ↑ Khalip, Andrei (25 de novembro de 2015). "Bank of Portugal economist Centeno named finance minister" (en inglés). Reuters.
- ↑ Simões, Lígia (9 de xuño de 2020). "Oficial. Mário Centeno deixa o Governo. João Leão nas Finanças". O Jornal Económico (en portugués). Consultado o 17 de novembro de 2021.
- ↑ "Mario Centeno, nuevo gobernador del Banco de Portugal". abc (en castelán). 16 de xullo de 2020. Consultado o 17 de novembro de 2021.
Véxase tamén
Ligazóns externas