Era irmán do escultor Isidoro Brocos y Gómez, profesor da Academia de Belas Artes da Coruña. Terminados os estudos, aos dezaoito anos, pretendeu gañarse a vida na Arxentina, mais dous anos despois estaba no Brasil ilustrando o semanario O Mequetrefe, de Río de Xaneiro. Introduciu no país a técnica do xilogravado aplicándoa nas súas ilustracións.
De xenio inquedo, antes de dous anos mudouse a París, onde ingresou na Escola de Belas Artes, tendo como mestre ó alemán Henri Lehmann. Incontento, marchou a Madrid, regresando ó pouco a París e despois marchando a Roma, onde encontrou ó seu protector, o artista español Pradilla. Frecuentou durante cinco anos a Academia Chigi ata 1890. Nesa época xa era un artista maduro, autor de excelentes obras e frecuentador do Salon parisiense. Na condición de pintor con formación completada, retorna a Río de Xaneiro por invitación de Rodolfo Bernardelli, daquela director da Escola Nacional de Belas Artes, sucesora da vella Academia Imperial.
Profesor da Escola Nacional de Belas Artes durante a Primeira República Brasileira, fixou con realismo os tipos e as escenas brasileiras. Practicou diversos xéneros de pintura e foi autor de libros como A questão do ensino de Bellas Artes (1915) e Retórica dos pintores (1933).
Galería de imaxes
As tradicións do Apóstolo Santiago en Galicia, 1897.