A Misión Biolóxica de Galicia é un centro do Consello Superior de Investigacións Científicas situado na parroquia de Salcedo no concello de Pontevedra. Na actualidade conta con 13 científicos e 7 investigadores postdoctorais entre o seu persoal. As súas instalacións constan de tres edificios principais e varios secundarios, dispostos nunha parcela de doce hectáreas propiedade da Deputación de Pontevedra. O financiamento da Misión Biolóxica provén fundamentalmente dos orzamentos xerais do Estado e da Deputación de Pontevedra.
A Misión Biolóxica de Galicia foi creada pola Xunta para Ampliación de Estudios e Investigacións Científicas en abril de 1921. A súa primeira sede foi a Escola de Veterinaria de Santiago de Compostela, dirixida por Cruz Gallástegui. A Misión permaneceu en Compostela ata 1926, cando desapareceu a Escola de Veterinaria. En 1927 a Deputación de Pontevedra ofreceulle un novo local á Misión Biolóxica, que se traslada primeiro a Campolongo e máis adiante ó pazo que foi do arcebispo Malvar en Salcedo, onde permaneceu ata hoxe.
O edificio orixinal da propiedade era o pazo de Gandarón, que contaba ó comezo cun hórreo, un pombal, dous miradoiros e varios celeiros e cortellos. Para adaptalo ó seu novo uso, o edificio sufriu reformas que o transformaron en oficinas e laboratorios. Posteriormente construíronse naves destinadas para a cría de porcos, que máis adiante foron reconvertidas en laboratorios e oficinas.
O obxectivo xeral da Misión Biolóxica é desenvolver material xenético para a agricultura que teña menores necesidades de abonado e rego, que sexa tolerante ó estrés biótico e abiótico e que teña maior calidade. Paralelamente inténtase profundar no coñecemento daqueles procesos xenéticos que interveñen na adaptación e na evolución, na resistencia ó estrés e na calidade das especies vexetais cultivadas.