O Ministro de Estado de Mónaco ou Primeiro Ministro de Mónaco é o título do xefe de goberno de Mónaco, aínda que é nomeado e está subordinado ao Príncipe de Mónaco. Durante o seu mandato, é o responsable de dirixir a acción do goberno e está ao cargo das relacións internacionais. Como representante do Príncipe, tamén dirixe os servizos executivos, está ao mando da policía e preside (con poder de voto) o Consello de Goberno.
O cargo foi creado en 1911, a través da Constitución de Mónaco. Até a reforma constitucional de 2002 esixíase que a persoa que ocupase o cargo tivese cidadanía francesa, e era seleccionado de entre distintos candidatos propostos polo goberno francés. Desde 2002, o Ministro de Estado pode ser francés ou monegasco, e é elixido polo Príncipe tras consultar ao goberno francés.