Miguel Vázquez Freire, nado en Corcubión en 1951, é un profesor e escritor galego.
Estudou Filosofía e Letras nas universidades de Santiago de Compostela e Complutense de Madrid, licenciándose na especialidade de Filosofía. Exerceu como profesor de Filosofía no IES Eduardo Pondal de Santiago de Compostela.[1]
Foi director da revista Golfiño e codirector da colección Merlín de Edicións Xerais de Galicia. Foi promotor de Pé de Imaxe e de Nova Escola Galega.[2]
Colaborou como crítico e comentarista de literatura infantil en diversas publicacións,[3] como a Revista Galega de Educación, Cuadernos de Pedagogía, CLIJ, El Urogallo e nas páxinas culturais e educativas de La Voz de Galicia e Faro de Vigo. Foi coautor dos materiais educativos de Filosofía de Xerais, desde 1990 ao ano 2003.[4]