A illa de Rodas menciónase nos Feitos dos Apóstolos, nos viaxes de San Paulo, e considérase que el é o fundador da Igrexa na illa, acompañado por Silas.[1] Descoñécese con exactitude cando Rodas tivo o seu primeiro bispo, mais a sé episcopal converteuse moi cedo en metropolitana, e a súa provincia eclesiástica estendíase, logo de 732, sobre a maior parte das illas do mar Exeo. Segundo a tradición no século I tivo o seu primeiro bispo, Prócoro, aínda que decoñécese cando foi creada a diocese.[1]
Até a ocupación da illa polos Cabaleiros de Rodas, a metrópole viviu un período de florecemento, e os seus bispos participaron nos concilios ecuménicos: Theodósios no V, Isídoros no VI e Léon no VII.[1]
Durante a época en que a illa foi gobernada polos Cabaleiros de Rodas, a metrópole entrou nun período crítico. O metropolita de Rodas foi despoxado do seu cargo, e foi instalado un arcebispo latino para sustituilo.[1] O Patriarcado Ecuménico continuou a nomear bispos de Rodas, aínda que os latinos non permitiron que tomaran posesión da sé.[1] En 1369 a administración da metrópole foi asignada á metrópole de Side.[1]
En 1522 Rodas foi ocupada polos turcos. O metropolita Eftimios foi aforcado (c. 1525) baixo a acusación de instigar un movemento revolucionario.[1] Durante o período otomán, porén, a vida da Igrexa foi relativamente tranquila, aínda que non escapou ás arbitrariedades dos conquistadores.[1] Durante os anos da Revolución e os que seguiron, a Igrexa sufriu persecucións e os seus privilexios foron abolidos. O firmán do sultan Mahmud II restaurounos en 1835, mais foron abolidos novamente na época dos Mozos Turcos.[1]
En 1912 Rodas, como o resto de illas do Dodecaneso, estivo baixo dominio italiano.[1] Nun comezo respectaron a Igrexa, mais a partir de 1923 comezou unha campaña de italianización das illas, enviando colonos italianos ás mesmas e procurando o seu casamento con gregos e a Igrexa ortodoxa foi substituída pola católica.[Cómpre referencia] O peso da ocupación caeu especialmente sobre o metropolita Apostolos Trifonos, quen renunciou en 1946.[1] Logo da incorporación do Dodecaneso a Grecia, a Metrópole de Rodas entrou no seu período moderno da historia.