Medio dólar do 75 aniversario do Estado de California

Medio dólar do
75 aniversario do Estado de California [1][2][3]
A/: Buscador de ouro de xeonllos, traballando. Data.

Lendas: LIBERTY / IN GOD WE TRUST / CALIFORNIA'S DIAMOND JUBILEE / 1925.

R/: Oso gris, tomado da bandeira do Estado de Califirnia.

Lendas: E PLURIBUS UNUM / UNITED STATES OF AMERICA / HALF DOLLAR

O medio dólar do 75 aniversario do Estado de California (en inglés: California Diamond Jubilee half dollar) é unha moeda de prata dese valor facial emitida en 1925 pola Casa da Moeda dos Estados Unidos en conmemoración do 75 aniversario do establecemento do Estado de California.

O Comité de Cidadáns de San Francisco desexaba emitir unha moeda conmemorativa para recadar fondos para a celebración da efeméride. Para tal efecto, un congresista de California xuntou a proposta de autorización desta moeda a outro proxecto de lei xa existente, que foi aprobado polo Congreso a principios de 1925.

Aínda que os deseños do escultor Joseph Jacinto Mora tiveron un acollemento hostil na Comisión de Belas Artes dos Estados Unidos, o Comité de Cidadáns non os cambiou e foron finalmente aprobados. Desde entón, a moeda foi amplamente gabada pola súa beleza.

Todos os exemplares do medio dólar do 75 aniversario de California foron cuñados en agosto de 1925 na Ceca de San Francisco, e a súa distribución levouse a cabo o mes seguinte. A súa comercialización non foi tan exitosa como se esperaba: só se cuñaron 150.000 moedas das 300.000 autorizadas, e delas case a metade non se venderon, polo que acabaron sendo refundidas.

Contexto histórico da efeméride

O oso gris da bandeira de California inspira ou reverso.

As terras nas que se constituíu o Estado de California foron visitadas por primeira vez polos europeos cando o explorador español Juan Rodríguez Cabrillo chegou alí en 1542. O seu informe á coroa española suscitou pouco interese e non foi ata a chegada do mariño inglés Francis Drake en 1579 que os españois se animaron a colonizar a zona. Así e todo, durante os 275 anos seguintes, California tivo poucos colonos, sobre todo en torno á cadea de misións que se fundaron alí, tanto baixo o dominio español como, posteriormente, baixo o mexicano.[4]

Segundo o autor numismático Arlie R. Slabaugh, "a chegada dos colonos americanos trouxo dous cambios a California que continúan hoxe en día: os inmigrantes (tanto estranxeiros como estadounidenses) e a actividade". En 1846, os colonos americanos rebeláronse contra o dominio mexicano e fundaron a República da Bandeira do Oso, en cuxa bandeira aparecía un oso gris. Mais a república durou pouco; comezara a guerra entre México e os Estados Unidos, e California foi ocupada polas forzas estadounidenses. Unha semana antes da sinatura do Tratado de Guadalupe Hidalgo, en xaneiro de 1848, James W. Marshall descubriu ouro en Sutter's Mill, o que desencadeou a coñecida como Febre do Oro de California, así como a creación do Estado de California en 1850.[4]

Aprobación da emisión

A creación da moeda partiu do desexo do Comité de Cidadáns de San Francisco, presidido por Angelo J. Rossi, de dispor dun medio dólar conmemorativo para vender como vía de recadación de fondos para unha celebración local en conmemoración do 75 aniversario de California como un dos estados da Unión.[5][6]

Angelo J. Ross, presidente do Comité de Cidadáns de San Francisco, impulsor da creación do medio dólar conmemorativo.[7]

O 9 de xaneiro de 1925 presentárase un proxecto de lei no Senado para a creación dun medio dólar de prata e dun dólar de ouro conmemorativos da Batalla de Bennington e da independencia de Vermont no período da guerra da independencia dos Estados Unidos. O proxecto foi aprobado polo Senado despois de que unha emenda eliminara o dólar de ouro.[8] Cando ese proxecto se debateu na Cámara de Representantes o 16 de febreiro de 1925, o congresista californiano John E. Raker propuxo unha emenda para engadir unha moeda conmemorativa do 75 aniversario do Estado de California. O representante Albert Henry Vestal, presidente da Comisión de Moeda, Pesos e Medidas da Cámara de Representantes, opúxose enerxicamente e afirmou que a Casa da Moeda se opuña a producir "estas moedas especiais". Engadiu que, debido a isto, o representante de Washington Albert Johnson accedera a retirar o seu proxecto de lei para unha moeda conmemorativa na honra de Fort Vancouver, no Estado de Washington. No entanto, o congresista Raker insistiu e a súa emenda para a inclusión da nova moeda de California foi aprobada. O representante Johnson presentou, daquela, unha nova emenda para engadir tamén ao proxecto de lei un medio dólar conmemorativo do centenario de Fort Vancouver e, para desgusto de Vestal, tamén foi aprobada.[9] O proxecto de lei foi aprobado pola Cámara de Representantes, e o Senado aceptou as emendas da Cámara sen debate o 17 de febreiro de 1925.[2][10]

O secretario do Tesouro, Andrew W. Mellon, insistiu ao presidente Calvin Coolidge para que vetase a lei, con escritos como este:[11]

O Goberno federal está a permitir que o seu sistema de cuñaxe de moeda se comercialice en beneficio de calquera celebración, sexa ou non de ámbito nacional... Creo que mesmo para un aniversario de importancia nacional non se lle debe pedir ao Tesouro que corrompa o seu sistema monetario [...] Cada caso é un precedente para o seguinte, e debemos pór algún límite á desviación da nosa moeda, do seu propósito lexítimo como medio de pagamento polo público en xeral para as súas transaccións comerciais a un medio de beneficio para organismos particulares.

Malia estas presións, o presidente Coolidge asinou o proxecto de lei, que se converteu así na Lei do 24 de febreiro de 1925, pola que se autorizaban as tres moedas.[5][12] Foi a primeira vez que a lexislación sobre moedas conmemorativas abranguía máis dunha emisión.[13] A lei autorizaba un total de 300.000 para a moeda conmemorativa do 75 aniversario de de California, e as pezas serían retiradas ao seu valor nominal en nome do Comité de Cidadáns pola San Francisco Clearing House Association ou a Los Angeles Clearing House Association.[12] Este último grupo de bancos encargárase xa en 1923 da distribución do medio dólar do Centenario da Doutrina Monroe.[14]

Preparación

Robert J. Grant era director da Casa da Moeda dos EEUU en 1925.[15]

O 4 de maio de 1925, o presidente do Comité de Cidadáns de San Francisco, Rossi, envioulle unha carta ao director da Casa da Moeda dos EEUU, Robert J. Grant, na que sinalaba que houbera un certo atraso na preparación do deseño do novo medio dólar, e que o senador de California Samuel M. Shortridge instara o Comité a seguir adiante sen demora. Rossi xuntou esbozos do escultor uruguaio-californiano Jo Mora, coa promesa de que a continuación se presentaría un deseño acabado e un modelo.[16] Os membros do Comité de Cidadáns elixiran a Mora por unanimidade, considerando que era o único artista que podía captar o espírito da efeméride conmemorada.[5][17] Ao que se recibiron, os esbozos e a carta foron enviados á Comisión de Belas Artes, encargada desde 1921 de emitir ditames sobre o deseño das moedas, e logo a un dos seus membros, o escultor James Earle Fraser, que fora o deseñador da moeda de 5 centavos Buffalo. Fraser escribiu a Rossi o 18 de maio, para lle comunicar a desaprobación dos deseños por parte da Comisión: "o oso é demasiado curto, e o conxunto inexperto e afeccionado".[5] Fraser recomendou que se contratase a Chester Beach —autor do deseño da moeda da Doutrina Monroe de 1923— ou a Robert I. Aitken —que creara a moeda de 50 dólares da Exposición Panamá-Pacífico de 1915—, xa que ambos eran de California e poderían crear "algo que sería moito máis interesante e cun maior sentido do que California é realmente".[18]

Jo Mora (1876-1947), deseñador da moeda de medio dólar conmemorativa do 75 aniversario de California.

Malia as recomendacións de Fraser, o Comité de Cidadáns seguiu a confiar en Mora,[5] que realizou de camiño os esbozos acabados.[18] Os autores Anthony Swiatek e Walter Breen, no seu traballo sobre as moedas conmemorativas estadounidenses, suxiren que o Comité de Cidadáns non contratou a Beach nin a Aitken por falta de tempo e tamén por non querer pagar os seus elevados honorarios.[19] Os modelos acabados enviáronse á Ceca de Filadelfia o 17 de xuño e remitíronse á Comisión de Belas Artes.[18] Para daquela, Fraser xa non era membro da Comisión,[17] e quen os recibiu foi o escultor Lorado Taft, xunto cunha nota na que se dicía que o Comité de Cidadáns non contratara a Aitken por mor do alto custo e porque os novos deseños eran pouco mellores que os anteriores. Porén, tanto Taft como outro membro, Louis Ayres, recomendaron a súa aceptación. Ayres suxeriu que se colocase o lema nacional IN GOD WE TRUST "nalgunha posición na que non parecese que os buscadores de ouro o estaban a fritir en aceite".[5] O historiador numismático Don Taxay afirmou que este consello non se seguiu, á falta dunha posición alternativa na que colocar o lema.[18]

Logo de aceptados os deseños, a Casa da Moeda creou cuños de traballo baseados no modelo de xeso, en xullo de 1925. Estes cuños enviáronse desde Filadelfia ata a Ceca de San Francisco, onde se cuñaron 150.000 moedas en agosto, ademais doutras 200 reservadas para a súa inspección e proba na reunión de 1926 da Comisión de Ensaios dos Estados Unidos.[5][20]

Deseño

Descrición

Fotografía dun buscador de ouro de California (1850), similar á imaxe do anverso do medio dólar conmemorativo do 75 aniversario de California.[21]

Na creación do medio dólar, Mora utilizou motivos que evocan a California na época da creación do estado en 1850. O anverso representa un buscador de ouro medio axeonllado, coa súa tixola, procurando anacos de ouro aluvial. Pola súa banda, o reverso parte dunha adaptación da bandeira de California, coñecida como a "bandeira do oso", amosando a figura dun un oso gris camiñando cara á esquerda.[22] Mora deixou o campo da moeda sen puír, o que lle outorga á moeda un aspecto texturizado.[1][2][5][17]

Valoración da crítica

O deseño do medio dólar do 75 aniversario de California foi moi admirado pola crítica logo da aparición da moeda. Swiatek considerouno como "unha das miñas obras de arte numismáticas favoritas".[13] Segundo o comerciante de moedas e escritor Q. David Bowers, "o Comité de Cidadáns [...] ignorou sabiamente as críticas de Fraser". [22] Eric Brothers, no seu artigo de 2014 sobre a moeda, escribiu que "encarnaba a imaxinaría por excelencia de California na década de 1850".[17] David M. Bullowa, que estudou as moedas conmemorativas para a American Numismatic Association na década de 1930, considerouna "un medio dólar moi viril e ben executado, no que o anverso e o reverso están definitivamente relacionados entre si" [22] O seu contemporáneo, B. Max Mehl, escribiu en 1937 que se trataba dunha "moeda fermosa [...] O anverso é unha obra de arte moi fina". Porén, confundiu o animal do reverso cun oso polar e expresou a súa perplexidade: "Viaxei por California e percorrina de punta a punta, e nunca vin un oso".[22]

Deseño oficial en branco e negro do oso e a trama da Bandeira de California, obra de Don Greame Kelley, similar ao utilizado por Jo Mora para o reverso.[23][24]

O historiador da arte Cornelius Vermeule, na súa obra sobre a cuñaxe de moeda estadounidense, considerou a moeda de California como "unha das maiores obras de cuñaxe numismática dos Estados Unidos". Cualificou o deseño de audaz e eficaz, e admirou sinaladamente o animal, do que afirmou que "os músculos, os ósos e os guechos de pelaxe expresan a enorme determinación do oso". Na súa opinión, a rotulaxe é especialmente acertada, xa que se utilizan dous tamaños de letra diferentes e, aínda que están presentes os tres lemas habituais nas moedas estadounidenses (LIBERTY, IN GOD WE TRUST e E PLURIBUS UNUM), a colocación "está tan habilmente lograda que parece difícil decatarse de que se utilizan as tres [...] inscricións".[25]

Distribución e comercialización

O primeiro espécime cuñado do medio dólar conmemorativo do 75 aniversario de California entregóuselle ao De Young Memorial Museum de Golden Gate Park, en San Francisco.[26] O cuño utilizado para as primeiras cuñaxes tratouse especialmente para producir un efecto esmerilado, que se desgastou aproximadamente despois das 75 primeiras cuñaxes, segundo expón Swiatek no seu posterior volume sobre moedas conmemorativas.[27] Pola súa parte, o numismático Kevin Flynn suxire que as primeiras 100 pezas amosan estas superficies especiais e que isto se levou a cabo por petición de Rossi, para a súa presentación a personalidades.[28] Coñécese un exemplar que carece da habitual marca de ceca —un "S" no exergo do reverso, baixo o D de DOLLAR—;[5] o máis probable é que se trate dunha peza cuñada en proba, preparada polo gravador xefe da Casa da Moeda, John R. Sinnock, e vendida posteriormente por el ou os seus herdeiros.[20]

Sábese que polo menos un exemplar do medio dólar saíu da Ceca de San Francisco o 26 de agosto de 1925, xa que se amosou nunha reunión da Sociedade Numismática da Costa do Pacífico que tivo lugar ese día.[20] Os 494 cativos nacidos en California o 9 de setembro de 1925, o día en que se celebraba o 75 aniversario dese estado, recibiron como agasallo un exemplar do medio dólar.[26] Unhas poucas pezas montáronse en insignias para seren utilizadas por funcionarios e moitas vendéronse nunha celebración que tivo lugar en San Francisco, entre o 6 e o 12 de setembro, en conmemoración do 75 aniversario. Aínda que varios milleiros foron adquiridas por coleccionistas e comerciantes de moedas, crese que a maior parte foron parar a mans de non coleccionistas. Segundo Bowers, "os esforzos de distribución non estiveron especialmente ben coordinados" e 63.606 pezas foron devoltas á Casa da Moeda para a súa fundición, o que deixou un total de 86.594 pezas distribuídas á poboación, incluídas as reservadas para a Comisión de Ensaios.[5][29]

Cotización no mercado

O medio dólar conmemorativo do 75 aniversario do Estado de California sufriu unha suba gradual de prezo ao longo dos anos, cos únicos contratempos dos descensos de prezos posteriores ás burbullas das moedas conmemorativas de 1936 e de 1980.[30]

A edición de 2015 do catálogo A Guide Book of United States Coins, de Richard S. Yeoman, atribúelle un prezo de entre 200 e 1.300 dólares, en función do seu estado de conservación.[31] No entanto, un espécime nunhas condicións particularmente excelentes acadou os 17.250 dólares nunha poxa que tivo lugar en 2009.[32]

Notas

  1. 1,0 1,1 "½ Dollar California Diamond Jubilee". Numista.com
  2. 2,0 2,1 2,2 "California Diamond Jubilee Half Dollar". United States Mint.
  3. "Diamond Jubilee Half Dollar". Earlycommemorativecoins.com
  4. 4,0 4,1 Slabaugh, A. R. (1975). Páxina 69.
  5. 5,00 5,01 5,02 5,03 5,04 5,05 5,06 5,07 5,08 5,09 "United States 1925-S California Diamond Jubilee Half Dollar". En Coin Week. 30 de maio de 2023.
  6. Swiatek, A.; Breen, W. (1981). Páxina 35.
  7. ""Hizzonors" from all sections attend mayors conference...". Library of Congress.
  8. Taxay, D. (1967). Páxina 89.
  9. Taxay, D. (1967). Páxinas 89-90.
  10. Congressional Reccord - Senate. Vol. 66. Part 4. 17 de febreiro de 1925. Páxina 3.930.
  11. "Insurance of Commemorative Coins". En Hearings before the Committee on Banking and Currency House of Representatives. Washington, 5 de xuño de 1947. Páxina 6.
  12. 12,0 12,1 Flynn, K. (2008). Páxina 350.
  13. 13,0 13,1 Swiatek, A. (2012). Páxina 150.
  14. Bowers, Q. D. (1991). Páxina 179.
  15. "Robert J. Grant". Library of Congress.
  16. Taxay, D. (1967). Páxina 103.
  17. 17,0 17,1 17,2 17,3 Brothers, E. (2014). Páxina 69.
  18. 18,0 18,1 18,2 18,3 Taxay, D. (1967). Páxina 106.
  19. Swiatek, A.; Breen, W. (1981). Páxinas 35-36.
  20. 20,0 20,1 20,2 Swiatek, A.; Breen, W. (1981). Páxina 36.
  21. Brinkley, D. (1998). History of the United States. Viking, Nova York. Páxina 151. ISBN 978-0670869664
  22. 22,0 22,1 22,2 22,3 Bowers, Q. D. (1991). Páxina 178.
  23. "Senate Bill No. 1014 introduced by Senator Tenney. Amended in Senate 1953 March 6". California Historical Society. Digital Library.
  24. Crab, R. (1953). "Bear on California Flag Faces a Face-Lifting Job". En Oakland Tribune. Vol. 158. Nº 65. 6 de marzo. Páxina 13.
  25. Vermeule, C. (1971). Páxina 171.
  26. 26,0 26,1 Swiatek, A. (2012). Páxina 151.
  27. Swiatek, A. (2012). Páxinas 151-152.
  28. Flynn, K. (2008). Páxina 65.
  29. Bowers, Q. D. (1991). Páxinas 179-180.
  30. Bowers, Q. D. (1991). Páxina 180.
  31. Yeoman, R. S. (2014). Páxina 294.
  32. Swiatek, A. (2012). Páxina 153.

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Ligazóns externas

Strategi Solo vs Squad di Free Fire: Cara Menang Mudah!