En 1866 afirmou descubrir o mesmo Principio divino que utilizou Xesucristo e terse curado a si mesma de danos críticos na columna vertebral tras sufrir unha caída no xeo o 1 de febreiro dese ano en Lynn, Massachusetts. Na súa obra Retrospection and Introspection, atópanse "as experiencias que a guiaron, no ano 1866, ao desenvolvemento do sistema que denominou Ciencia Cristiá".[1]
En 1875 publicou a primeira edición do libro Science and Health with key to the Scriptures, o alicerce da relixión que fundou. Nel manifestou que "o Principio divino da curación se comproba na experiencia persoal de calquera investigador sincero da Verdade" e que tal foi o seu caso.[2] En 1879 fundou a Igrexa de Cristo, Científico.[3]
Ao longo da súa carreira, Mary Baker Eddy fundou numerosas publicacións. En 1898 fundou a Sociedade Editora da Ciencia Cristiá, encargada dende entón da publicación dos seus escritos e das revistas periódicas como The Christian Science Journal, o Christian Science Sentinel, Herald of Christian Science e o Caderno Trimestral da Ciencia Cristiá.[4]
Mary Baker Eddy propugnou a restitución, mediante a súa igrexa e o sistema de curación por ela desenvolvido, dun cristianismo máis acorde co primitivo e que restaurase o seu "perdido elemento de curación".[5]
Recoñecementos
A Asociación Feminina do Libro de Estados Unidos inclúe á súa obra Science and Health nunha lista de 75 libros de mulleres cuxas palabras cambiaron o mundo. O Salón Feminino da Fama dos Estados Unidos incluíuna en 1995 mencionando que "deixou unha marca indeleble na relixión, a medicina e o xornalismo".[6]
Críticas
A Igrexa da Ciencia Cristiá promove un sistema espiritual onde a enfermidade é considerada como non creada por Deus e polo tanto irreal, polo cal a cura dos males do corpo lógrase a través dunha mellor comprensión de Deus, o Espírito. Moitas persoas formáronse nesta escola e predicaban simplemente a través da fala. Esta idea alcanzou unha grande aceptación, volvendo a Igrexa da Ciencia Cristiá unha das institucións economicamente máis prósperas dos Estados Unidos no século XIX.[7]
↑Baker Eddy, Mary (1993). Manual de La Iglesia Madre, The First Church of Christ, Scientist, in Boston, Massachusetts. La Junta Directiva de la Ciencia Cristiana.