María I ou María de Anjou (latín: Maria Andegavensis, húngaro: Anjou Mária, croata: Marija Anžuvinska, croata: Maria Andegaweńska) nada arredor de 1371 e finada en Buda o 17 de maio de 1395) foi raíña de Hungría e Croacia entre 1382 e 1385 e dende 1386 ata a súa morte. Era filla de Lois I «o Grande», rei de Hungría e de Polonia, e da súa esposa Isabel de Bosnia. O matrimonio de María con Sexismundo de Luxemburgo, membro da dinastía imperial de Luxemburgo, decidírase antes do seu primeiro aniversario. Unha delegación de prelados e señores polacos confirmou o seu dereito a suceder o seu pai en Polonia en 1379.
Foi coroada «rei» de Hungría o 17 de setembro de 1382, sete días despois da morte do seu pai. Isabel de Bosnia asumiu a rexencia e eximiu os nobres polacos de xurar lealdade a María en favor da súa irmá máis nova Heduvixes, a principios de 1383. A idea dun monarca feminino foi impopular entre a nobreza húngara, xa que a maioría deles consideraban un primo non achegado de María, Carlos III de Nápoles, como o rei lexítimo. Para fortalecer a posición de María, a raíña nai quería que a súa filla casase con Lois, irmán máis novo de Carlos VI de Francia. O compromiso foi anunciado en maio de 1385.
Carlos III de Nápoles desembarcou en Dalmacia en setembro de 1385. Sexismundo de Luxemburgo invadiu a Alta Hungría, o que obrigou a raíña nai a entregarlle a María como esposa en outubro. Porén, non puideron evitar que Carlos III entrase en Buda. Despois de que María abdicase, Carlos III foi coroado rei o 31 de decembro de 1385, pero foi asesinado por incitación de Isabel de Bosnia en febreiro de 1386. María foi restaurada no trono, mais os partidarios do rei asasinado capturárona a ela e a súa nai o 25 de xullo. A raíña nai foi asasinada en xaneiro de 1387, mais María foi liberada o 4 de xuño de 1387. María permaneceu oficialmente como cogobernante xunto a Sexismundo, quen logo foi coroado rei, e a influencia da súa esposa sobre o goberno xa era mínima. María e o seu fillo prematuro morreron despois de que o seu cabalo os lanzase durante unha viaxe de caza.
Nada na segunda metade de 1371, era filla de Lois I, rei de Hungría e Polonia, e da súa segunda esposa, Isabel de Bosnia.[1][2] Era a segunda filla dos seus pais.[2] Non tiveran fillos durante máis dunha década antes da irmá máis vella de María, Catarina, nada en 1370.[2][3] María e Catarina tiveron outra irmá, Heduvixes, en 1374.[3][4]
Como Lois I non enxendraba fillos varóns, a expectativa de que legaría ás súas fillas Hungría, Polonia e as súas pretensións sobre Nápoles e Provenza convertíaas en cónxuxes desexábeis para os membros das familias reais europeas.[3] Antes do primeiro anviersario de María, o seu pai fixo unha promesa ao emperador xermánico Carlos IV de que ela casaría co seu segundo fillo, Sexismundo.[2][5] Lois I confirmou a súa promesa nunha acta en xuño de 1373.[2][6] Ambos estaban estreitamente emparentados, porque a avoa paterna de María, Isabel de Polonia, era a irmá do bisavó de Sexismundo, Casimiro III de Polonia.[2] O papa Gregorio XI emitiu a dispensa necesaria para o matrimonio o 6 de decembro de 1374.[7] Os principais señores húngaros e polacos aprobaron a promesa de Lois I sobre o matrimonio de María e Sexismundo o 14 de abril de 1375.[2]
A súa irmá máis vella, Catarina, comprometida con Lois de Francia, morreu a fins de 1378.[3][8] Lois I confirmou a súa promesa anterior do matrimonio de María e de Sexismundo ao irmán deste, Venceslau, en Zólyom en 1379.[8][9] Lois I e Venceslau tamén acordaron que recoñecerían a Urbano VI como o papa legítimo en lugar de Clemente VII.[8] María comprometeuse formalmente con Sexismundo en Nagyszombat o mesmo ano.[9][5] Sexismundo, que fora nomeado entre tanto margrave de Brandeburgo,[10] chegou a Hungría nese ano.[11]
Lois I convocou os prelados e señores polacos a Kassa en setembro de 1379 e intentou convencelos de recoñecer o dereito de María de sucedelo en Polonia.[5][12] O cronista contemporáneo Jan de Czarnków, que estaba ensañado contra o rei húngaro, rexistrou que os polacos cederon ante as demandas de Lois I só despois de que lles impedira abandonar a cidade pechando as súas portas.[5][13] Nunha reunión co duque de Austria, Leopoldo III, a principios de 1380, Lois I aparentemente dixo que legaría Hungría á súa filla máis nova, Heduvixes, que estaba comprometida co fillo do duque, Guillerme.[14] Por petición do rei húngaro, unha delegación de nobres polacos novamente homenaxeou a Sexismundo e María o 25 de xullo de 1382.[15] Segundo o historiador Oscar Halecki, Lois I tiña a intención de dividir o seu reino entre as súas dúas fillas sobreviventes,[16] pero Pál Engel e Claude Michaude indican que o rei húngaro enfermo quería legar tanto a Hungría como Polonia a María e Sexismundo.[5][17]
Lois I morreu o 10 de setembro de 1382.[18] O cardeal Demetrio, arcebispo de Esztergom, coroou a María como «rei» coa Santa Coroa húngara en Székesfehérvár o 17 de setembro, un día despois do enterro do seu pai.[1][19] O título de María e a súa rápida coroación en ausencia do seu prometido, Sexismundo, demostran que a súa nai e os partidarios da súa nai querían dar énfase ao papel de María como monarca e pospor ou mesmo obstaculizar a coroación de Sexismundo.[20]
A raíña nai Isabel asumiu a rexencia.[19] O nádor Nicolao Garai e o cardeal Demetrio foron os seus principais conselleiros.[19] A maioría dos baróns de Lois I conservaron os seus cargos; a raíña nai só despidiu o mestre de copeiros, Xurxo Czudar, e o seu irmán Pedro, viavoda de Rutenia.[21] Segundo o historiador do século XV Jan Długosz, os irmáns Czudar entregaron fortalezas aos lituanos, quen lles «subornaran grandemente».[22][23] A raíña nai encarcerou a Pedro Czudar antes do 1 de novembro; as súas cartas só indicaban que «obviamente fora desleal» sen especificar as razóns do seu arresto.[24]
As cédulas reais emitidas durante os primeiros seis meses do reinado de María daban a entender que ela herdara legalmente do seu pai a coroa.[21] porén, a maioría dos nobres húngaros opuxéronse firmemente á idea dunha monarca feminina.[19] Consideraban a Carlos III de Nápoles como o lexítimo herdeiro de Lois I, porque Carlos era o último descendente varón da casa capeta de Anjou.[19][25] Carlos III non podía anunciar publicamente as súas pretensións sobre Hungría, porque o seu rival no Reino de Nápoles, Lois I, duque de Anjou (tío de Carlos VI de Francia), invadira o sur de Italia o ano anterior. [26][27]
Os nobres da Gran Polonia ofrecéronse a homenaxear a María ou Heduvixes nunha reunión en Radomsko o 25 de novembro, mais estipularon que a raíña e o seu marido debían vivir en Polonia.[28] A asemblea de nobres da Pequena Polonia aprobou unha resolución similar en Wiślica o 12 de decembro.[28] Nesta última ocasión, como resposta á demanda da raíña nai Isabel, os nobres tamén prometeron que non homenaearían a ninguén máis que a María ou Heduvixes.[28][29] O prometido de María, Sexismundo, quen estaba en Polonia, regresou a Hungría.[29] o arcebispo de Gniezno Bodzanta, a familia Nałęcz e os seus aliados na Gran Polonia favoreceron un príncipe nativo, Siemowit IV de Masovia.[28] Para evitar unha guerra civil,[19] a raíña nai enviou representantes á próxima asemblea de nobres polacos en Sieradz a finais de febreiro de 1383.[30] O 28 de marzo, os seus representantes absolveron os polacos do seu xuramento de lealdade a María de 1382 e anunciaron que a raíña nai enviaría a súa filla máis nova, Heduvixes, a Polonia.[30][31]
Xoán de Palisna, prior de Vrana, alzouse en rebelión contra o goberno de María e a súa nai na primavera de 1383.[31][32][33] As raíñas nombearon a Estevo Lackfi ban de Croacia.[26] O exército real marchou a Croacia e sitiou Vrana, o que forzou a Xoán de Palisna a fuxir a Bosnia.[31][32] Os defensores de Vrana rendéronse ante María, que estivera presente durante o asedio xunto coa súa nai, o 4 de novembro.[31] Para fortalecer a posición da súa filla contra Carlos III de Nápoles, a raíña nai Isabel enviou representantes a Francia e iniciou negociacións sobre o matrimonio de María co irmán máis novo de Carlos VI de Francia, Lois, quen unha vez estivo comprometido coa súa outra filla, Catarina.[34] María e a raíña nai abandonaron Croacia e Eslavonia a principios do ano seguinte.[35] A raíña nai substituíu a Estevo Lackfi con Tomás Szentgyörgyi, quen empregou medidas draconianas para pór fin a unha conspiración contra as raíñas en Zadar en maio de 1384.[36]
Aínda que a última dieta se celebrou a principios dos anos 1350, as raíñas convocaron unha dieta para tratar coas queixas dos nobres húngaros.[26] O 22 de xuño de 1384, María ratificou os decretos do seu pai de 1351 que recoñecían privilexios da nobreza.[26] As negociacións do matrimonio de María en Francia causaron unha nova fenda dentro da nobreza húngara, porque os Lackfi, Nicolao Zámbó, Nicolao Szécsi e outros altos oficiais nomeados durante o reinado de Lois I continuaron a apoiar o prometido de María, Sexismundo, de acordo coa vontade do anterior rei húngaro.[37] A raíña nai substituíunos con seguidores de Nicolao Garai en agosto de 1384.[38] Os prelados tamén se opuxeron ao matrimonio francés, porque os franceses apoiaban a Clemente VII, considerado polo clero húngaro como un antipapa.[39] A irmá de María, Heduvixes, foi enviada a Polonia e o 16 de outubro de 1384 foi coroada raíña.[18][40] O cardeal Demetrio, que acompañara a Heduvixes a Polonia, non asistiu á corte das raíñas despois do seu regreso a Hungría.[41] O goberno real non puido funcionar correctamente durante a súa ausencia porque era o gardián do selo real.[41]
Lois I de Anjou morreu o 10 de setembro de 1384, o que permitiu ao seu rival, Carlos III de Nápoles, estabilizar o seu goberno en Italia meridional durante os seguintes meses.[42][38] A consolidación de Carlos III en Nápoles tamén contribuíu á formación dun grupo de nobres que apoiaba as súas pretensións en Hungría.[38][43] Xoán Horvat, ban de Macsó, e o seu irmán, Paulo, bispo de Zagreb, eran as principais figuras dese movemento.[44] Sexismundo de Luxemburgo intentou convencer a raíña nai de que aceptase o seu matrimonio con María, mais ela non o aceptou.[45] Abandonou Hungría a principios de 1385.[35]
As raíñas e os seus partidarios iniciaron negociacións cos representantes da oposición, mais non se chegou a ninguna reconciliación na reunión de Požega na primavera de 1385.[46][47] Despois da chegada a Hungría dunha delegación francesa en maio de 1385, María estaba comprometida con Lois de Francia.[48] A partir dese momento, Lois de Francia asinaba as súas cartas como «Lois de Francia, rei de Hungría», segundo Jean Froissart.[48] no mesmo mes, a raíña nai despidiu a Estevo Lackfi, acusándoo de alta traizón.[49] Tamén enviou cartas a Zagreb e outros lugares do reino, nas que prohibía aos seus habitantes apoiar os Lackfi, Nicolao Szécsi, o bispo Paulo Horvat e os seus familiares.[49] Xoán e Paulo Horvat e os seus aliados ofreceron formalmente a coroa a Carlos III de Nápoles e invitárono a Hungría en agosto.[35][50] Tamén nese mesmo mes, María confirmou a adquisición de Kotor por parte de Tvrtko I de Bosnia en Dalmacia.[51] Sexismundo irrumpiu na Alta Hungría, acompañado polos seus primos, Jobst e Prokop de Moravia, e ocupou o condado de Pozsony.[35][38] A raíña nai substituíu a Nicolao Garai con Nicoaos Szécsi como nádor e nomeou a Estevo Lackfi voivoda de Transilvania e Nicolao Zámbou mestre do tesouro.[52]
En setembro de 1385, Carlos III de Nápoles desembarcou en Senj en Dalmacia e marchou a Zagreb.[51] Sexismundo de Luxemburgo chegou a Buda e convenceu a raíña nai de dar o seu consentimento para o seu matrimonio con María.[51][38] A cerimonia tivo lugar nesa mesma cidade en outubro, mais Sexismundo non foi coroado rei nin recibiu ningunha función gobernamental.[38][53] A raíña nai convocou unha nova dieta e María ratificou novamente as liberdades dos nobres, pero o réxime das raíñas seguía sendo impopular.[53] Sexismundo abandonou Buda e hipotecou os territorios ao oeste do río Vág aos seus primos moravos.[53] Mentres tanto, Carlos III de Nápoles partiu de Zagreb e anunciou que quería restablecer a paz e a orde pública en Hungría.[53]
Moitos membros da nobreza uníronse a Carlos III de Nápoles, quen marchaba cara a Buda.[54] María e a súa nai recibírono cerimoniosamente antes de chegar e el entrou na capital acompañado das dúas raíñas a principios de decembro de 1385.[55][56] María abdicou sen resistencia a mediados de decembro por temor a que Carlos III a matase.[55] O novo gobernante primeiro adoptou o título de gobernador, pero a dieta declarouno rei.[57] Carlos III (xa Carlos II) foi coroado rei de Hungría en Székesfehérvár o 31 de decembro.[18] De acordo co cronista contemporáneo Lorenzo de Monacis, María e a súa nai, que asistiron á coroación de Carlos II, visitaron a tumba de Lois I durante a cerimonia e botáronse a chorar a causa dos acontecementos recientes.[57]
Carlos II non detivo a María nin a súa nai, que continuaron a vivir no palacio real en Buda.[58] A raíña nai Isabel e Nicolao Garai decidiron en segredo desfacerse de Carlos II.[59][60][61] Convenceron a Blaise Forgách, mestre dos copeiros, para que se unise a eles e prometéronlle o dominio de Gimes se asasinaba o rei.[62] Por petición da raíña Isabel, Carlos II visitouna a ela e á súa filla o 7 de febreiro de 1386.[62] Durante a reunión, Blaise Forgách atacou o rei, feríndoo gravemente na cabeza.[62][63] Carlos II foi levado a Visegrád, onde morreu o 24 de febreiro.[59]
María foi restaurada no trono coa súa nai gobernando no seu nome.[61] A raíña nai informou os cidadáns de Kőszeg dende o 14 de febreiro que «a raíña María recuperara a Santa Coroa».[64] Porén, os irmáns Horvat alzáronse en rebelión en nome do fillo do rei asasinado, Ladislau I de Nápoles.[65] o esposo de María, Sexismundo, e o seu irmán, Venceslau, invadiron a Alta Hungría en abril.[18] Despois de semanas de negociacións, as raíñas recoñeceron o status de Sexismundo como consorte nun tratado que se asinou en Győr a principios de maio.[59][66] Tamén confirmaron a hipoteca de Sexismundo sobre as terras ao oeste do Vág a favor de Jobst e Prokop de Moravia.[66] Logo da sinatura do tratado, as raíñas regresaron a Buda e Sexismundo dirixiuse a Bohemia, o que suxire que non estaba satisfeito co tratado.[67]
A raíña nai Isabel, quen segundo o historiador do século XV Johannes de Thurocz estaba «impulsada pola locura», decidiu visitar os condados do sur do reino controlados por partidarios de Ladislau I de Nápoles.[59][65] A raíña nai e María partiron cara a Đakovo, acompañadas por Nicolao Garai e un pequeno séquito arredor do 15 de xullo.[59][65][68] Porén, Xoán Horvát, Xoán de Palisna e os seus servidores emboscaron e atacaron as raíñas e o seu séquito en Gorjani o 25 de xullo.[59][65] O pequeno séquito das raíñas loitou contra os atacantes, mais foron asasinados ou capturados.[69] Blaise Forgách e Nicolao Garai foron decapitados e as súas cabezas lanzadas á carruaxe das raíñas.[70] Isabel tomou responsabilidade da rebelión e rogou aos atacantes que perdonasen a vida da súa filla, segundo o relato de Johannes de Thurocz.[70][71]
María e a súa nai foron encarceradas[65] no castelo de Gomnec, unha fortaleza do bispado de Zagreb.[72] En ausencia das raíñas, os baróns do reino convocaron unha dieta cun «selo dos regnicoles» acabado de tallar[59] (sigillum regnicolarum; réginicole é un antigo vocábulo xurídico francés que designa os habitantes naturais dun reino ou estado, en oposición a aubain ou «estraño»). En nome da raíña María, prometeron un perdón xeral, mais os Horvat rexeitaron someterse.[59] As dúas raíñas foron trasportadas a Krupa e de alí ao castelo de Novigrade na costa do mar Adriático.[65][72] Os baróns ou a dieta elixiron como nádor a Estevo Lackfi e rexente a Sexismundo de Luxemburgo.[73] Os seguidores de Xoán Horvat estrangularon a raíña Isabel en presenza de María a principios de xaneiro.[73] No mesmo mes, Sexismundo invadiu Eslavonia, mais non puido vencer os rebeldes.[73][68]
Aproveitando a anarquía en Hungría, as tropas polacas invadiron Hálych e Lodomeria en febreiro.[74] só Ladislau II de Opole, que reclamaba ambos os dous reinos, protestou contra esa acción.[75] Sexismundo foi coroado rei o 31 de marzo cando decidiu que o reino xa non podería existir sen un gobernante efectivo.[73] Un dos seus seguidores, Iván de Krk, asediou o castelo de Novigrad coa axuda dunha frota veneciana ao mando de Giovanni Barbarigo.[65][76] Capturaron o castelo e liberaron a María o 4 de xuño de 1387,[77] quen estaba especialmente agradecida con Barbarigo; ela nomeouno cabaleiro e outorgoulle 600 floríns de ouro anuais.[77]
María reuniuse co seu marido en Zagreb o 4 de xullo.[68] Permaneceu oficialmente como cogobernante xunto a Sexismundo ata o final da súa vida, mais a súa influencia no goberno era mínima.[78] As concesións de terras de Sexismundo sempre foron aprobadas co gran selo de María durante o primeiro ano do seu goberno común, mais a partir de entón os beneficiarios rara vez buscaron a confirmación dela.[77] As cartas reais contaban os seus anos de reinado, pero non dende a súa coroación senón a do seu esposo.[77] Porén, María convenceu o seu esposo para ordenar a tortura e execución a Xoán Horvat, capturado en xullo de 1394, aínda que Sexismundo estaba disposto a perdoarlle a vida.[79][80]
María estaba embarazada cando se aventurou soa nunha cacería por un bosque de Buda o 17 de maio de 1395.[61] O seu cabalo tropezou, lanzouna e aterrou sobre ella.[81] O trauma induciu o parto e deu a luz prematuramente un fillo.[61] A raíña sucumbiu ás feridas fatais; ao estar lonxe de calquera asistencia médica, o seu fillo tamén morreu.[61] Foi enterrada na catedral de Várade.[1] A irmá de María, Heduvixes, reclamou a Coroa, mais Sexismundo retivo o poder sen moita dificultade.[78][82]