Manuel López Rodríguez, tamén coñecido como Manuel L. Rodrigues ou Manuel Lôpez Rodrigues, nado en Noia o 11 de febreiro 1978, é un poeta, artista e editor galego.
Nado en Noia, comezou a escribir poesía con 16 anos,[1] moi influído pola estética modernista e romántica no instituto Virxe do Mar, onde cursou o BUP. Nesta época uniuse a un grupo de amigos estudantes: músicos, poetas, pintores etc. que se xuntaban na cervexaría M15. Recitou por vez primeira na Biblioteca Municipal de Noia, onde leu poemas de Mareas de luz, libro premiado semanas antes nun certame dos centros de ensino de Noia. O ano anterior fora accésit dese mesmo certame.
Nos anos 1996 e 1997 fundou o Grupo Literario-artístico Avilés e cofundou a Tertulia Literaria Adamajuana.[2] No 1998 botou a andar, con outros creadores, o Colectivo Literario Sacou,[3] grupo que o levou a recitar por toda Galiza,[4] e a traer a Noia unha manchea de autores[5] así como a organizar as Xornadas de Defensa da Cultura Galega.[6]
Cara 1999, e tras comezar os estudos en Compostela, decidiu abandonar a estética neomodernista por outra de corte máis urbana, política e social. A primeiros do 2000 organizou, cos compañeiros do Colectivo Sacou, as I Xornadas de Defensa da Cultura Galega[7]. En 2000 foi parte do xurado do Certame de poesía Francisco Añón. Ao ano seguinte incorporouse á Asociación Cultural Éteatro.[8] Un tempo despois entrou como membro da Asociación Audiovisual Paradiso.[9] Participou, xunto a Ramón Blanco Fernández, e en representación do Colectivo Sacou, no recital de poetas novos do World Poetry Day en Santiago de Compostela.[10] No verán, e dentro das II Xornadas de Defensa da Cultura Galega, xestionou e comisionou a 1ª Mostra de Arte Independente Galega.
En febreiro de 2003 participou, recitando un poema de Antón Avilés de Taramancos, no Concerto expansivo[11] organizado por Burla Negra, en apoio á plataforma Nunca Máis, contra o desastre do Prestige. En novembro inaugurou, na Casa da Cultura, as IV Xornadas de Defensa da Cultura Galega presentando a Ana Romaní, Pilar Sampedro e Manolo Barreiro nun debate sobre a dinamización cultural de Antón Avilés na vila.[12] Participou tamén no espectáculo poético-teatral Agora rei... bebamos.[13]
A partir do 2005 volveu mudar o xeito de escrita abandonando a poesía social e urbana por outra de corte máis formal. Participou na antoloxía 37 poemas por man propia da Colección Bourel, xestionada por Antonio Piñeiro.[14] En 2008 publicou o seu primeiro libro, Antítese nativa, gañador do XIV Premio de poesía Suso Vaamonde.[15] Ao ano seguinte incorporouse como membro da ACC Terra de Outes.[16] En 2010 fundou a iniciativa editorial Acha Escrava Editora, que abriu coa segunda edición ampliada de Antítese nativa.[17]
En 2013 organizou o I Encontro de Poetas en Idioma Galego, no Salón de Plenos do Concello de Noia, e posteriormente, no 2014, a segunda edición do "Encontro" na igrexa-museo Santa María a Nova, en Noia.[18] En 2016 organizou coa Lanzadeira de Alcor, plataforma creada por el, diversas presentacións de libros na Casa da Cultura de Noia con autores como Eduardo Estévez, Helena Villar Janeiro, Marta Dacosta, Francisco Castro etc. e o ciclo In-verso en Compostela con dous recitais colectivos, un de poetas medianamente consagrados[19] e outro de poetas novos.[20] Ese mesmo ano, no mes de xullo, ten cabida o 3º Encontro de Poetas en Idioma Galego na Serra de Outes[21]
No 2019 botou a andar o proxecto artístico Mostra Branca, onde mesturaba pintura, poesía e fotografía, expoñendo en diversas cidades e vilas da Galiza.
En 2020 publicou tres poemarios: Rompe, Desde onde non nace e Vangarda ule. Unha peza da súa autoría foi seleccionada para a exposición colectiva de autores galegos Barbantiarte 2020.[22]
No 2021 publicou os libros Nas pulsacións e Para que non me esqueza.
No 2022 gañou os premios de poesía Lueiro Rey, Francisco Añón, Rosalía de Castro e Díaz Castro. Publicou o micropoemario "Arquitectónica" na revista madrileña Olga. Participou na mostra artística colectiva Barbantiarte 2022 coa peza S/t (Serie 3).
No 2023 publicou os libros Neste mesmo intre e Cruz(eiro) e gañou o Certame de poesía Johán Carballeira.