Lois de Évreux,[1] tamén coñecido como Lois de Francia e como Lois I de Évreux, nado o 3 de maio de 1276 e finado o 19 de maio de 1319 en Longpont-sur-Orge, Illa de Francia, foi o primeiro conde de Évreux e señor de Étampes.
Fillo do rei de Francia Filipe III o Atrevido (1245-1285) e de María de Brabante (1254-1321),[2] foi un príncipe real da dinastía dos Capetos.
Traxectoria
Lois foi educado cos seus irmáns e as súas irmás no castelo de Vincennes e no Palacio do Louvre. Non tiña mái que nove anos cando o seu pai Filipe III morreu subitamente de regreso da desastrosa Cruzada de Aragón. No seu testamento, o rei estableceu para Lois unha pensión anual e perpetua de 15.000 libras.
En 1297 o seu medio irmán, o rei Filipe IV o Fermoso cedeulle o señorío de Beaumont-le-Roger. Así mesmo, en 1298 (ou en 1300, segundo a fontes) concedeulle o título e conde de Évreux, e tamén lle asignou o condado de Longueville, que confiscara a Enguerrand de Marigny.
Lois de Évreux foi un personaxe discreto, destacando sobre todo polas súas calidades de diplomático. A súa influencia política real é dificilmente avaliábel. Unha das súas máis importantes misións diplomáticass foi o seu papel de negociador do tratado de Athis-sur-Orge, que puxo o fin á guerra de Flandres,[3] conflito armado que opuxo o condado de Flandres ao reino de Francia de Filipe IV de 1297 a 1305.
A diferenza de moitos dos seus contemporáneos, era un príncipe comprometido coa paz. Para el, un señor de sangue non é verdadeiramente "grande máis que na proporción en que se somete a Deus, ao soberano e ás leis".[4] Defendeu firmemente o dereito do Estado contra a Igrexa e axudou o seu irmán Filipe IV o Femoso na súa loita contra Bonifacio VIII. E, en 1314, opúxose a unha nova guerra contra os flamengos e empuxou o seu irmán á negociación, o que conduciu á "Convención de Marquette", que permitiu salvagardar a paz entre Francia e Flandres.
O 6 de outubro de 1298 o seu irmán Filipe IV cedeulle en apanaxe o Condado de Evreux, talvez para resolver as súas dificultades financeiras. Ao mesmo tempo recibiu os señoríos de Étampes, de Meulan, de Gien, de Aubigny e outros.
En 1308 o seu nome foi uns dos propostos como candidato do Reino de Francia ao trono do Sacro Imperio Romano Xermánico.
En 1316, á morte de Lois X de Francia e I de Navarra, Lois e Évreux uniuse ao seu sobriño Filipe, conde de Poitiers, na súa loita para obter a rexencia. [6] Filipe, convertido en rei baixo o nome de Filipe V, recompensou o seu tío erixindo o conde de Évreux en Par de Francia. Así mesmo, o conde de Evreux converteuse en conselleiro escoitado polo xove soberano.
En 1317 Lois tivo importantes diferenzas co seu irmán Carlos de Valois. En efecto, o de Évreux obtivera o prestixioso compromiso de matrimonio dunha das súas fillas co neto do conde Roberto III de Flandres, Lois de Crecy. Pero este proxecto foi abandonado despois da rebelión do pai deste último, Lois de Nevers. Valois aproveitou a oportunidade para obter a promesa dunha unión entre Lois e unha das súas propias fillas. Filipe V interveu para pechar o camiño ao seu tío Valois, e finalmente Nevers casou con Margarida, a segunda filla do rei de Francia.[7] Finalmente, co fin de apazugar o conde de Évreux, o rei acordou pedir para o seu fillo Filipe a man da pequena Xoana de Navarra, filla do defunto Lois X e eventual pretendente á coroa de Francia. Desta última unión nacería Carlos II o Malo.
Desexando "deixar o mundo", o conde de Évreux organizou a división dos seus bens entre os seus fillos no verán de 1318, e retirose á Abadía de Notre-Dame de Longpont. Non permaneceu alí máis que uns poucos meses, xa que morreu repentinamente, á idade de 43 anos, o 19 de maio de 1319. O seu corpo foi enterrado na igrexa do convento dos xacobinos en París,[9] xunto á súa esposa Margarida de Artois, mentres que o seu corazón se depositou na igrexa dos Cordeliers da mesma cidade.[10]
Matrimonio e descendencia
Lois de Évreux casou en 1301 con Margarida de Artois (c. 1285-1311), filla de Filipe de Artois e de Branca da Bretaña. O matrimonio tivo os seguintes fillos:
Lois tivo tamén un fillo natural, Xoán, barón de Polissac.
Lois de Évreux deu orixe á casa capetiana Casa de Évreux, ou de Évreux-Navarra.
Devanceiros de Lois de Évreux
Notas
- ↑ "Guía de nomes galegos". Real Academia Galega. Consultado o 2023-12-09.
- ↑ Louda, Jiri; Maclagan, Michael e Harmiges, Roger (1995): Les Dynasties d'Europe. Paris: Bordas. ISBN 2-0402-7115-5, táboa 65, p. 128.
- ↑ Non confundir coa guerra dos oitenta anos ou guerra de Flandres, guerra de secesión entre os actuais estados dos Países Baixos e España, iniciada en 1568 e que finalizou en 1648, co recoñecemento da independencia das sete Provincias Unidas.
- ↑ Un prince capétien illustre moine de Longpont (en francés).
- ↑ Posteriormente este Filipe foi o rei Filipe V de Francia e II de Navarra.
- ↑ Annuaire-bulletin de la Société de l'histoire de France, Volumen 2. Librairie Renouard, 1864.
- ↑ Xacobinos (jacobins) é o nome que se dá en Francia aos dominicos, por estar o seu Convento en París na rue Saint-Jacques.
- ↑ Hellot, Amédée, ed. (1884): Chronique parisienne anonyme du XIVe siècle. Nogent-le-Rotrou, Eure e Loir: Impr. de Daupeley-Gouverneur, pp. 39-40.
Véxase tamén
Bibliografía
Outros artigos
Ligazóns externas