O baxkir[2] (Башҡорт теле, Başqort tele, باشقۇرت تئلئ) é unha lingua da familia turca falada polo pobo baxkir. É cooficial xunto co ruso na República de Baxkortostán e conta con preto de 1,2 millóns de falantes en Rusia. O baxkir ten tres dialectos: meridional, oriental e setentrional.
Falantes
O censo de 1989 declaraba que había 1 047 000 falantes nativos da lingua baxkir vivindo na URSS. Outros 26.737 dicían que o baxkir era a súa segunda lingua. Aproximadamente 300.000 baxkires declararon que o tártaro era a súa lingua nativa. No censo de 2002 houbo declarados 1 379 727 falantes.
A maioría dos falantes do baxkir habitan na república rusa de Baxkortostán, así como nos veciños Tartaristán e Udmurtia. Un número substancial de falantes viven no Krai de Perm e en Chelyabinsk, Oremburgo, Sverdlovsk e óblast de Kurgan. Existen importantes minorías baxkires en Kazakhstán e Uzbekistán.
Alfabeto e dialectos
Inda que os baxkires eran orixinariamente tribos úgricas ou finesas, adoptaron a lingua bolgar. Trala invasión mongol de Rusia, o kypchak fíxose máis habitual, xa que era o idioma falado pola maioría das tribos da Horda Dourada.
O baxkir moderno, do mesmo modo que o tártaro, que é similar, toma as súas raíces do grupo de linguas kypchak. Hoxe en día o idioma ten moitos dialectos, que son moi similares ó tártaro. No pasado, os baxkires usaban o tártaro coma lingua escrita. No século XV substituíuno o Chagatay (porén, segundo algúns historiadores[Cómpre referencia], foino pola variedade tártara antiga do Chagatay), que se utilizou ata 1923. Tanto o tártaro coma o chatay usaban a escritura árabe.
En 1923, creouse un sistema escrito para a lingua baxkir. Tamén se creou unha linguaxe literaria propia. Ó principio utilizouse un alfabeto árabe modificado. En 1930 foi substituído por un alfabeto baseado no latino e este á súa vez por outro adaptado do cirílico en 1938.
O alfabeto utilizado polo baxkir é o mesmo que o alfabeto ruso, co engadido das seguintes letras: Ә ә Ө ө Ү ү Ғ ғ Ҡ ҡ Ң ң Ҙ ҙ Ҫ ҫ Һ һ.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos
Ligazóns externas