La Vall de Boí é un municipiocatalán da provincia de Lleida, situado na comarca da Alta Ribagorça. No seu centro atópase o val de Boí, que dá nome ao municipio. É un conxunto de vales e serras da parte nororiental da comarca, da que é o municipio máis extenso, entre o Val de Barravés e a Vall Fosca.
A cabeceira do municipio é Barruera, que lle dera nome ata 1996. Inclúe a entidade municipal descentralizada de Durro i Saraís, procedente do antigo municipio de Durro, actualmente integrado no de La Vall de Boí.
O municipio está formado por dez entidades de poboación: Barruera, Boí, Caldes de Boí, Cardet, Cóll, Durro, Erill la Vall, Pla de l'Ermita, Saraís e Taüll.
Historia
A historia do val iníciase seguramente a principios do século IX coa creación dos primeiros condados cristiáns. Pertencente nun principio ao condado de Tolosa (finais do século VIII), que toma estas terras baixo a protección de san Guillerme, curmán de Carlomagno, a súa historia quedou unida á do condado de Ribagorça, cuxos condes foron os seus señores feudais durante dous séculos. Foi establecida a Baronía de Erill cuxos membros residían no castelo de Erill-Castell do que non queda ningún vestixio. Durante o século XI, o val foi incluído no condado de Pallars ata que finalmente foi anexionado pola coroa de Aragón durante o século XII.
Durante moitos séculos foi un val illado e descoñecido. Alcanzou o seu máximo desenvolvemento durante o século XIII en que unha pequena poboación chamada Taüll chegou a contar con catro igrexas. A situación do val, limítrofe con outros condados, permitiu a creación de numerosos castelos, hoxe en día moi mal conservados. As numerosas igrexas que se construíron no área mostran a alta densidade de poboación que tivo no seu momento esta zona pirenaica.