Comezou a practicar remo aos 13 anos no Real Club Náutico de Vigo,[1] co adestrador Arturo Abruñedo,[2][3] e en 1973 proclamouse campión de España de skiff na categoría cadete, revalidando o título ao ano seguinte.[4] Posteriormente fichou polo Club Natació Banyoles e en 1976 entrou na historia do remo español ao conseguir no Campionato do Mundo de Remo Xuvenil celebrado na cidade austríaca de Villach, a primeira medalla dun remeiro español nun campionato mundial, europeo ou olímpico. Fíxoo no dobre scull, xunto ao catalán Salvador Vergés, obtendo a medalla de bronce por detrás dos equipos da Alemaña Oriental e da Alemaña Occidental.[5]
En 1977 proclamouse campión de España de dous con temoneiro, facendo parella con Vergés, e campión tamén en oito con temoneiro.[6] Ese mesmo ano disputou en Ámsterdam o seu primeiro Campionato do Mundo absoluto, no cúadruplo scull xunto a Vergés, Juan Solano e José Luis Corta, quedando ás portas das medallas ao obter a cuarta praza na final, por detrás das embaracións da RDA, Checoslovaquia e Bulgaria.[7][8]
Durante a seguinte década e media continuou sumando éxitos nacionais ata acadar a cifra de 19 títulos de campión de España (catro veces campión de dous con temoneiro, nove veces campión de oito con temoneiro, dúas veces campión de catro con temoneiro, dúas veces campión de cuádruplo scull, unha vez campión de dobre scull e unha vez campión de dous sen temoneiro).[6]
En 1980 disputou os seus primeiros Xogos Olímpicos, en Moscova. Participou na proba de catro con temoneiro, xunto a Vergés, Isidro Martín e Luis Lasúrtegui, e con Javier Sabriá no temón, e acadou a vitoria nas semifinais, logrando o pase directo á final. Nesta, estivo a piques de lograr unha medalla, pois acabou na cuarta praza, a catro segundos do barco polaco, que acabou terceiro. A proba foi gañada polo barco da RDA, mentres que na segunda posición acabou a Unión Soviética.[10] Na seguinte cita olímpica, Os Ánxeles 1984, participou na modalidade de dous con temoneiro, con Vergés e Sabriá, pero non conseguiu meterse na final, quedando no 10º posto.[11]
Nos Xogos Olímpicos de 1988 en Seúl, remou xunto ao sevillano Manuel Vera no dobre scull, chegando ata semfiinais. Non conseguiu o pase á final principal, pero si á final B, onde logrou a vitoria e con ela o sétimo posto e o seu segundo diploma olímpico.[12] Catro anos despois competiu nos seus cuartos Xogos Olímpicos, en Barcelona 1992, esta vez no cuádruplo scull xunto a José Antonio Rodríguez, Melquíades Verduras e Bruno López, acadando de novo a final B, e o décimo posto total.[13]
Posteriormente acudiu como adestrador do equipo español de remo a dous Xogos Olímpicos máis.[2] En 2013, sendo adestrador do Club Natació Banyoles, foi acusado de abusos sexuais a unha alumna do club, menor de idade,[14] sendo condenado en 2016 a catro anos de cárcere.[15]