José Pasín Romero, nado en Santiago de Compostela en 1878 e finado na mesma cidade o 10 de xullo de 1960, foi un sindicalista e político galego.
Obreiro ebanista de ideario republicano federal, organizou sociedades de distintas profesións, culminando na Federación de Obreros y Agricultores de Santiago y pueblos comarcanos. Fundou os periódicos La Defensa (1913) e Lucha Social (1919-21), órgano da Federación de Obreros y Campesinos, da que foi presidente. Tamén foi director de La Redención (voceiro da Federación de Agricultores de Padrón) na súa última época. A súa participación na folga xeral de 1917 levouno ao castelo de San Antón, onde estivo preso durante varios meses.
Foi o primeiro concelleiro obreiro de Santiago de Compostela nas eleccións municipais de 1909, vencendo a Felipe Romero Donallo. Continuou como concelleiro en Compostela nas sucesivas eleccións ata a ditadura de Primo de Rivera. Volveu ser elixido concelleiro en 1931, nas municipais que trouxeron a Segunda República, formou parte da Federación Republicana Gallega e chegou a ser primeiro tenente de alcalde ata a súa expulsión do Concello en 1934. En agosto de 1935 foi nomeado presidente de Vanguardia de Izquierda Republicana.
Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, varios falanxistas trataron de detelo, e estivo fuxido durante tres anos polas aldeas dos arredores. Dous dous seus fillos foron asasinados (Marcelino e Modesto) e outro, Luis, salvouse. Finou en Santiago de Compostela o 10 de xullo de 1960.[1]
Casou con Luisa Noya Martínez e foi pai de Marcelino, Modesto, Luis, Laura, Flora, Palmiro e Florentino Pasín Noya.