Francisco Javier Losada de Azpiazu, nado na Coruña en 1955, é un político galego. Foi alcalde da Coruña dende o 24 de marzo de 2006 ata o 11 de xuño de 2011.
Traxectoria
Médico de formación, é membro da executiva galega do PSdeG-PSOE. Formou parte da corporación municipal coruñesa dende o ano 1983 desenvolvendo diversos cargos, entre eles Educación, Cultura, Economía, Planificación e Urbanismo e a Tenencia de Alcaldía.
Tras as eleccións ao Parlamento de Galicia 1997 foi elixido deputado para a 5.ª lexislatura (1997–2001), mais oficializou a súa baixa o 17 de febreiro de 1999, sendo substituído por Marisol Soneira Tajes.[1]
O 24 de marzo de 2006 sucedeu na alcaldía a Francisco Vázquez Vázquez, tras ser este designado embaixador no Vaticano. Tamén relevaría o excalde dos seu cargos no Senado e o comité executivo da FEMP[2].
Nas eleccións municipais do 2007 o PSdeG-PSOE obtivo 11 concelleiros, perdendo así a maioría absoluta. Desde entón Javier Losada liderou un goberno de coalición co BNG.
Nas eleccións de 2008 presentouse como senador, e foi elixido pola provincia da Coruña.
Nas eleccións municipais do 2011 o PSdeG-PSOE obtivo 8 concelleiros, 3 menos ca nas anteriores eleccións, e perdeu a alcaldía da Coruña ao obter a maioría absoluta o PPdeG, á fronte do que estaba o candidato Carlos Negreira. Ese mesmo ano 2011, nas eleccións xerais revalidou o mesmo resultado que obtivera no Senado e resultou de novo o representante socialista na Cámara Alta.
Javier Losada foi secretario xeral dos socialistas coruñeses durante doce anos, entre 1999 e 2011, así como membro da Executiva Nacional Galega do PSdeG-PSOE e do Comité Federal do PSOE.
Foi tamén membro fundador da Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) e ocupou a presidencia de distintos organismos como a Empresa Municipal de Aguas de La Coruña EMALCSA, o Consorcio para la Promoción de la Música o o Consorcio de Turismo.
Dende xuño do ano 2018, coa chegada de Pedro Sánchez ao goberno, converteuse en Delegado do Goberno en Galicia,[3] cargo que deixou en 2021 cando foi substituído por José Miñones. En 2023, foi nomeado membro do Consello de Estado.[4]
Notas
Véxase tamén
Outros artigos
Ligazóns externas
|
---|
Antes da Restauración | | |
---|
Restauración | |
---|
Segunda República | |
---|
Franquismo | |
---|
Democracia | |
---|