Jésus de Montréal é un filme franco-canadense de 1989 escrito e dirixido por Denys Arcand, e protagonizado por Lothaire Bluteau, Catherine Wilkening e Johanne-Marie Tremblay. O filme conta a historia dun grupo de actores en Montreal que interpretan unha obra da Paixón nunha igrexa do Quebec, combinando crenzas relixiosas con teorías non convencionais dun Xesús histórico.
O filme tivo boas críticas e recibiu numerosos premios, como o premio Genie ao mellor filme e o Premio do Xurado do Festival Internacional de Cinema de Cannes de 1989. Ademais foi candidato ao Óscar ao mellor filme en lingua non inglesa na 62ª edición dos premios. Os críticos do Festival Internacional de Cinema de Toronto considerárono un dos dez mellores filmes canadenses de todos os tempos.
En Montreal, un actor descoñecido chamado Daniel é contratado por un lugar de peregrinación católico para representar unha obra sobre a paixón de Cristo nos seus xardíns. O párroco, pai Leclerc, pídelle que "modernice" a obra clásica que a igrexa estivo a realizar. A pesar de traballar cun material que outros consideran que é un clixé, Daniel vese inspirado e comeza unha intensa investigación académica sobre a historicidade de Xesús, ao que interpreta el mesmo co nome talmúdico de Yeshua Ben Pantera. Cando se interpreta a obra, recibe excelentes críticas, mais o pai Leclerc considéraa pouco convencional e controvertida, o que fai que se distancie de Daniel.