Está situada na punta nordeste do concello de Ribadeo, e acolle o principal faro da contorna. Está unida a terra por unha ponte refeita con formigón armado no ano 1983.[1] Próximo a ela está o miradoiro da illa Pancha, incluído na ruta dos miradoiros.
Ten unhas 1,1 hectáreas e orografía escarpada e recortada, aínda que chá no seu cumio, onde está instalado o vello faro de illa Pancha, construído en 1857. O novo faro, na zona norte, é do último cuarto do século XX (1983).
A illa tivo unha estación meteorolóxica a finais dos anos 1920.[2]
Xeoloxía e bioloxía
A súa costa é rochosa e ten vexetación de plantas costeiras que lle dá unha cor moi variable ó longo do ano, incluída a invasora 'unlla de gato'.
Panchorro
Nas súas proximidades desenvólvese unha onda que polas súas características (ata 20 m de altura) é codiciada polos surfistas, pretendéndose organizar un campionato en función da súa aparición, o "IIla Pancha Challenge"[3][4].
Polémica sobre o hotel
No ano 2014 comezou o proceso para que o faro sexa usado coma hotel, contando con oposición veciñal[5][6][7]. Está catalogada como Zona 2, Área de Conservación, dentro do Plan Director da Rede Natura 2000, zonas que a priori non están autorizadas para uso turístico.[8] Pese ó anterior, en abril de 2017 o vello edificio comezou a ter actividade como apartamentos turísticos. En 2019 o colectivo de Ribadeo Por Nuestro Faro denunciou restricións de acceso.[9]. En agosto de 2021 a empresa hostaleira abriu unha cafetería con terraza.