Trátase dun dos edificios máis complexos da Idade Media galega xa que conserva elementos e pezas de moi diferentes épocas. Foi declarado Ben de Interese Cultural coa categoría de monumento histórico e zona arqueolóxica polo Decreto 192/1994, do 10 de xuño.[2]
Este mosteiro é considerado por moitos estudosos como un dos máis antigos de Galicia. A primeira referencia documental corresponde a unha doazón de terras que o rei de Galiza, Don García, concede en abril de 1067 ao mosteiro, cuxo abade era entón Tanoy.[3] Trátase da primeira proba da beneditización en Galicia, na terra de Abeancos, neste mosteiro xa que nun primeiro documento de 1067, faise referencia a san Bieito e á aplicación da regra beneditina. En 1077Afonso VI de León fai unha concesión a este mosteiro e volta a aparecer sub regula beati Benedicti, o que confirma o dato do anterior documento.[4]
Mantivo a súa independencia até 1515, ano no que o papa León X anexionouno mediante unha bula a San Martiño Pinario. Dende entón até a exclaustración, foi priorado deste mosteiro compostelán.
Pouco máis se coñece da súa historia. Trala desamortización instalouse nas dependencias do mosteiro no ano 1843 unha fábrica de cravos e arame (promovida por industriais franceses) que aproveitaba a forza da auga do torrente que pasaba so o antigo mosteiro. As casas dos obreiro, hoxe en ruínas, foron construídas coas pedras do antigo mosteiro.[5]
As pezas máis antigas son as utilizadas como remate do beirado do presbiterio e pertence á arte hispanovisigoda.
Os arquiños da cabeceira, con sinxelas decoracións xeométricas, e as ventás de dobre derramo do testeiro e a nave son de finais do século XI, tratándose dunha das primeiras obras románicas galegas conservadas. Porén, no beirado da nave o estilo dos canzorros é dun románico máis moderno e común nas igrexas galegas, con formas que representan cabezas humanas, animais ou motivos vexetais e xeométricos.
O extremo occidental da nave e froito dunha ampliación a principios do século XIX. As portas laterais presentan arcos semicirculares que semellan arcos de ferradura anteriores reformados.
Outros elementos salientábeis do exterior da igrexa, amais do aparello pseudoisódomo, propio das igrexas do século X, son os ocos das xanelas con arcos de medio punto no que se abren esveltas troneiras e as portas dos muros norte e sur con arcos de medio punto. A fachada principal ou occidental é posterior ao resto da fábrica.
O aparello empregado na construción dos muro amosa a mestura de estilos e fases construtivas, está presente o cadeirado, perpiaño e a cachotaría.
Interior
A igrexa é de planta aproximadamente rectangular, co muro norte lixeiramente desviado. A súa única nave, con cuberta de madeira, prolóngase nunha ábsida máis estreita, sensibelmente de planta cadrada, cuberta con bóveda de canón peraltada, a que se accede por un arco triunfal tamén peraltado. Este último provén de semicolumnas unidas onde destacan os capiteis con motivos mozárabes. O resto do testeiro está cuberto de pinturas murais que arrodean o arco toural; a máis primitiva destas pertence ao primeiro terzo do século XVI de estilo renacentista. As restantes pinturas corresponde ao século XVIII, cun San Xurxo ou Santiago, San Gregorio e San Bartomeo. Outras pinturas peor conservadas aparecen nas paredes norte e sur.[6]
No seu interior consérvase un Calvario gótico ou de transición ao gótico, coa figura central de Cristo e a ambos os lados a Virxe mais San Xoán, en madeira policromada, obra orixinal dun artista supostamente de orixe inglesa pertencente ao século XII ou XIII.[7]
Da fábrica prerrománica consérvase o arco triunfal, sostido por columnas con bases e capiteis visigóticos (semellantes ás da igrexa de Santa Comba de Bande),[8] un deles adornado cun tríscele. Entre capitel e columna non hai ningunha moldura, adquirindo un gran desenvolvemento e un perfil troncocónico. A ornamentación recobre totalmente ambos os capiteis con motivos xeométricos tallados en arestado bisel. O seu estudo permitiu discernir algunhas formas empregadas en obras galegas visigóticas, coma un esquema en forma de flor de lis que a vincula co obradoiro de Saamasas.
Tamén destaca un relevo do século IX ou X con similitudes estilísticas do estilo asturiano que representa un cuadrúpede, de fauces abertas e rabo sobre o lombo; tras el, unha personaxe, con túnica curta, golpéalle as ancas. A técnica de labra e a súa colocación é semellante ás dos relevo de San Xes de Francelos.
Cegarra, Basilio (1999). "Santo Antoniño de Toques". Guía e rutas da arte. A Coruña. Guías Galaxia. Vigo: Editorial Galaxia. pp. 127–128. ISBN84-8288-326-7.
Freire Naval, Ana Belén (2002). "Aproximación al estudio artístico del antiguo priorato de S. Antolín de Toques (A. Coruña)". Estudios Mindonienses(en castelán) (18): 1233–1254.