A Igrexa católica bizantina ucraína, ou Igrexa greco-católica ucraína (en ucraíno: Українська греко-католицька церква, Ukrainska hreko-katolytska tserkva), é a maior Igrexa particular oriental da Igrexa católica. O primado da Igrexa é o arcebispo maior de Kíiv-Galicia e toda a Rus. A Igrexa é unha das sucesoras da aceptación do cristianismo polo gran príncipe Vladímir o Grande de Kíiv, en 988. A Igrexa tense estendido coa diáspora ucraína, e a día de hoxe ten uns 40 xerarcas nunha ducia de países en catro continentes, incluíndo outros tres bispos metropolitanos en Polonia, os Estados Unidos e o Canadá. Dende marzo de 2011 o arcebispo maior é Sviatoslav Shevchuk. Dentro da propia Ucraína, o catolicismo é unha confesión minoritaria, a segunda a distancia da maioría ortodoxa. En canto ao número de fieis, a Igrexa católica ucraína é a terceira igrexa do país, logo da Igrexa ortodoxa ucraína do patriarcado de Moscova e da Igrexa ortodoxa ucraína do patriarcado de Kíiv.
A Igrexa moveu a súa sede central de Lviv a Kíiv o 21 de agosto de 2005. O título da cabeza da Igrexa cambiouse de arcebispo maior de Lviv a arcebispo maior de Kíiv-Galicia. A día de hoxe, as xurisdicións territoriais da Igrexa son as seguintes: