Quimicamente, a hemina difire do composto hemo relacionado hematina principalmente en que o ion coordinante é un ión cloruro na hemina, mentres que este é un hidróxido na hematina.[1] O ión ferro no hemo é ferroso (Fe2+), mentres que este é férrico (Fe3+) tanto na hemina coma na hematina.
A hemina prodúcese endoxenamente no corpo humano, por exemplo durante a substitución dos glóbulos vermellos vellos. Pode formarse inapropiadamente como resultado de hemólise ou lesión vascular. Varias proteínas do sangue humano únense á hemina, como a hemopexina e a albumina sérica humana.
Uso farmacolóxico
Unha forma liofilizada da hemina utilízase como axente farmacolóxico en certos casos para o tratamento de ataques de porfiria, especialmente na porfiria aguda intermitente. A administración de hemina pode reducir os déficits de hemo en ditos pacientes, suprimindo así a actividade da ácido delta-amino-levuliínico sintase (un encima clave na síntese das porfirinas) por retroalimentación bioquímica, que á súa vez reduce a produción de porfirinas e de precursores tóxicos do hemo. En ditos contextos farmacolóxicos, a hemina é formulada normalmente con albumina sérica humana antes da súa administración por un profesional da Medicina, para reducir o risco de flebite e estabilizar o composto, o cal é potencialmente reactivo se se lle permite circular en forma libre. Tales formas farmacolóxicas da hemina véndense con diversos nomes comerciais, como Panhematin[2] e Normosang.[3]
Uso forense
A hemina pode producirse a partir da hemoglobina no denominado test de Teichmann, no que a hemoglobina se quenta con ácido acético glacial (saturado con solución salina). Isto pode usarse para detectar trazas de sangue.
Outros
A hemina considérase o "factor X" necesario para o crecemento da bacteria Haemophilus influenzae.[4]
Historia do seu illamento
A hemina cristalizouna por primeira vez do sangue en 1853 Ludwik Karol Teichmann. Teichmann descubriu que os pigmentos sanguíneos poden formar cristais microscópicos e os da hemina son rómbicos. Por iso, os cristais de hemina denomínase por veces "cristais de Teichmann". Hans Fischer sintetizou a hemina, trabsllo polo que foi galardoado co Premio Nobel de Química de 1930.[5] O procedemento de Fischer consistía en tratar sangue desfibrinado cunha solución de cloruro de sodio en ácido acético.[6]