Antes da carreira, o Tribunal da Fédération Internationale de l'Automobile (FIA) confirmou a legalidade dos difusores deseñados polos equipos Brawn GP, Williams e Toyota[2]. Despois desta decisión, Renault e McLaren decidiron correr cun deseño de difusores máis actualizado nos seus coches durante o conxunto da carreira[3][4]. Foi un movemento apresurado por parte de ambos os dous equipos, con axustes no Renault de Alonso por primeira vez o sábado antes da carreira[5].
Ferrari anunciou que o seu director de equipo Luca Baldisserri foi apartado das operacións de pista para ser substituído polo enxeñeiro de carreira Chris Dyer[6]. O remodelado foi emprendido despois de que Ferrari non obtivese ningún punto nas dúas primeiras carreiras da temporada[7]. Ferrari tamén anunciou que ambos os seus condutores, Kimi Räikkönen e Felipe Massa, non utilizarían o sistema KERS na carreira, citando problemas de fiabilidade e seguridade[8]. BMW Sauber, por outra parte, declaraba que Robert Kubica utilizaría o KERS por primeira vez durante a sesión de práctica do venres. Kubica non utilizara o sistema nas dúas primeiras carreiras xa que no equipo tiñan preocupacións por que o peso adicional o puxese nunha desvantaxe[9]. Non obstante, Kubica escollía non correr co dispositivo despois desta práctica, ao igual có equipo Renault, reducindo a cantidade de coches equipados co KERS a tres[10].
Ademais, os equipos e condutores italianos indicaron o seu apoio ás vítimas do terremoto de L'Aquila de 2009 a través dunha iniciativa de caridade co lema "Abruzzo nel cuore" (Abruzos no meu corazón) fomentada polos condutores italianos Jarno Trulli e Giancarlo Fisichella.[11][12] Ferrari mostraba o texto "Abruzzo nel cuore" sobre os seus coches, mentres que Trulli tiña o logo na súa funda[13]. E os coches de Toro Rosso tiñan a mensaxe "Vicini All'Abruzzo" (Todos veciños dos Abruzos)[11].
Adestramentos libres e clasificación
"O coche parecía un pouco mellor. Podo sentir máis estabilidade e mellor carga aerodinámica na parte frontal. Definitivamente demos un paso adiante de cara a esta carreira. O coche parece moito máis forte polas esquinas e creo que conseguimos unha liña de base moi positiva para o que resta de fin de semana. Na miña primeira execución das opcións sentíao bastante consistente."
—Lewis Hamilton, sobre o rendemento do seu coche durante as sesións de práctica do venres[14]
Celebráronse tres sesións de práctica antes da carreira; dúas sesións o venres, 17 de abril de 2009, cada unha de 90 minutos, e outra de 60 o sábado, 18 de abril de 2009. O McLaren do Campión do Mundo Lewis Hamilton foi o máis rápido ao final da primeira sesión de práctica a mañá do venres, quedando por diante dos coches de Brawn GP de Jenson Button e Rubens Barrichello. O compañeiro de equipo de McLaren de Hamilton, Heikki Kovalainen, era o cuarto máis rápido[15]. Hamilton, cuxo McLaren MP4-24 estaba en posesión dun difusor provisional e un alerón frontal novo, rexistrou a súa volta máis rápida cun tempo de 1:37.334, ao redor dunha décima de segundo por riba de Button[16]. O Red Bull de Mark Webber foi quinto na sesión, con Trulli e Timo Glock de Toyota sexto e oitavo. Fernando Alonso, Nico Rosberg e Sébastien Bourdais compleban a táboa dos dez mellores tempos[17]. Button foi o máis rápido na segunda práctica do venres, seguido de Rosberg e Barrichello. Os pilotos de Red Bull Webber e Sebastian Vettel, quen foron os que encabezaron as follas de tempos durante as fases iniciais da sesión, clasificaban ao final cuarto e quinto respectivamente[18]. Os coches de Toyota de novo obtiveron resultados competitivos, con Trulli e Glock na sexta e oitava posicións e co Williams de Kazuki Nakajima entre eles. Os dous McLaren non puideron repetir os resultados da sesión matinal: Kovalainen acabou noveno e Hamilton, décimo terceiro[17].
O Williams de Rosberg foi o máis rápido na sesión de práctica da mañá do sábado. Rosberg, que esvaraba e saía fóra da pista á grava ao comezo da sesión, cronometrou un tempo de 1:36.133, seguido por Trulli e Hamilton[19]. Button acabou cuarto, seguido do Renault de Nelson Piquet, Jr., que rexistrou a quinta volta máis rápida da sesión. Por outra banda, o compañeiro de equipo de Piquet, Fernando Alonso, cuxo Renault R29 estreaba un difusor novo e corría sen o sistema KERS, podería soamente obter un tempo bo abondo para acadar a 19ª praza[20]. O BMW Sauber de Robert Kubica, quen tamén retiraba o seu KERS para esta sesión, melloraba significativamente os seus resultados da sesión anterior[17]. Ademais, o Toyota TF109 de Timo Glock sufriu problemas na caixa de cambios moi cedo na sesión e tiña que a cambiar para a seguinte sesión, a de clasificación. Deste xeito, Glock recibía unha sanción consistente na perda de cinco lugares na grella por este cambio[21].
"...se soamente tes unha volta e cometes calquera erro, se vas cargado ou o que sexa, non hai segunda posibilidade e significa que é a fin. Non era fácil pero estou moi, moi feliz. Incriblemente conseguimos a pole position ao final."
A sesión de clasificación da tarde do sábado foi dividida en tres partes. Sebastian Vettel logrou a súa segunda pole position da súa carreira deportiva e a primeira do seu equipo, Red Bull Racing[23]. Vettel, quen só correu unha volta lanzada en cada unha das dúas primeiras partes da sesión debido a problemas cos palieres do seu coche, desprazaba a Fernando Alonso por dous décimas de segundo nos últimos momentos da terceira parte[24]. O outro piloto de Red Bull, Mark Webber, acabou en terceiro lugar, inmediatamente diante dos coches Brawn GP de Barrichello e Button. Kimi Räikkönen, despois dunha actuación decepcionante durante práctica, asegurou a oitava posición detrás dun Trulli sexto e dun Rosberg en sétimo lugar. Hamilton e o Toro Rosso de Sébastien Buemi completaron as dez primeiras posicións da grella[25]. Nick Heidfeld, Heikki Kovalainen, Felipe Massa, Timo Glock e Kazuki Nakajima fixeron tempos para saír desde o undécimo ata o décimo quinto posto na grella. Os pilotos eliminados na primeira sesión e que clasificaron desde a décimo sexta á vixésima praza foron Sébastien Bourdais, Nelson Piquet, Robert Kubica, Adrian Sutil e Giancarlo Fisichella[25]. Debido á sanción de cinco lugares, Glock foi atrasado ata o décimo noveno lugar e Nakajima, Bourdais, Piquet, Kubica e Sutil avanzaron unha posición na grella de saída[26].
Carreira
Robert Kubica e Timo Glock empezaron desde o pit lane. Debido á forte chuvia, as primeiras oito voltas da carreira foron dirixidas polo coche de seguridade. Sutil, Rosberg e Alonso facían a súa primeira parada durante o tempo no que estivo o coche de seguridade en pista, así que quedaron ao final da fileira de monoprazas cando se deu bandeira verde. Lewis Hamilton conseguiu un rápido progreso e adiantou a Jarno Trulli e Kimi Räikkönen, antes de que na volta 12 un trompo o volvese atrasar ata a décima posición. Mentres tanto, Jenson Button adiantou a Rubens Barrichello e colocouse terceiro despois de que o brasileiro se fose longo na trazada.
Trulli e Räikkönen foron bastante lentos nas primeiras voltas e foron perdendo posicións. Hamilton volveu progresar unha vez máis e acadaba o posto sete na volta 11, antes de cometer outro erro que o deixaba nun lugar máis atrás. Webber fixo a súa primeira parada programada na volta 14 e Vettel na seguinte. Neste punto, Button desfíxose de Barrichello, Vettel, Buemi, Massa e Webber.
Na volta 17, Robert Kubica chocou contra Jarno Trulli tras ir emparellados ata o final da última curva. Kubica danou o seu aleron dianteiro e Trulli o seu traseiro, o que lle fixo arrastrarse lentamente unha volta ata o pit para retirarse. O coche de seguridade saíu de novo debido a algúns anacos de restos dos coches deixados na pista. Mentres evitaba ao lento Trulli, Vettel sufriu unha colisión menor con Buemi, danando a súa parte dianteira. Buemi fixo entón a súa parada, xunto con Sutil e cos dous pilotos de Brawn GP.
Felipe Massa sufriu un problema eléctrico co coche de seguridade en pista, que o obrigou a deterse na recta posterior. Na reanudación, Sébastien Bourdais trompeou antes da bandeira verde e baixou moitos lugares. A carreira continuou con Vettel na cabeza, por diante de Button, Webber, Räikkönen, Hamilton, Barrichello, Kovalainen e Buemi (conformando as oito primeiras posicións).
Piquet chocou na volta 28 e danou a parte frontal, aínda que foi quen de continuar. Na volta seguinte, Button non conseguiu frear a tempo, permitindo a Webber o adiantamento. Webber saiuse do asfalto dúas voltas máis tarde e Button recuperou o posto que perdera, ata que Webber o pasou pola zona exterior na curva 7.
Hamilton fixo a súa única parada programada na volta 33, e o seu compañeiro de equipo Kovalainen facía o mesmo unha volta máis tarde. Vettel parou na volta 37 e Webber na 39, mentres que os dous coches de Brawn continuaron ata a 42 (Button) e a 43 (Barrichello). Buemi foi o último condutor en facer a parada, na volta 45, tras a cal a orde de carreira era: Vettel, Webber, Button, Barrichello, Hamilton, Kovalainen, Sutil e Heidfeld. Nico Rosberg probara pneumáticos intermedios na súa segunda parada pero deu un trompo e volveu ao pit para pór outra vez os de mollado.
Hamilton seguiu con moitos erros, de xeito que Kovalainen e Sutil foron capaces de pasalo. Entón na volta 51, Sutil chocou fortemente antes da curva 5, rematando aí a súa carreira. Heidfeld tivo que evitar o pneumático de Sutil que rodara pola pista e Glock e Buemi adiantárono.
Vettel permaneceu na cabeza ata a fin, logrando a súa segunda vitoria nun Gran Premio e a primeira para o equipo Red Bull Racing. O seu compañeiro de equipo Webber logrou o seu mellor resultado nunha carreira en segundo lugar, mentres que Button, conformando o resto do podio, conseguía o seu terceiro podio consecutivo. Barrichello acababa cuarto, quinto Kovalainen, sexto Hamilton, sétimo Glock e oitavo Buemi.
No podio, houbo unha confusión cando "God Save the Queen", a himno nacional británico soou en honor a Red Bull no canto de "Land der Berge, Land am Strome", o himno nacional austríaco. Red Bull Racing ten a súa base no Reino Unido, pero está rexistrada coa autoridade de carreira nacional austríaca, reflectindo a súa propiedade austríaca.
Clasificación
Os monoprazas que empregaron o sistema KERS están marcados cun "‡".