Giovanni Battista Ramusio

Modelo:BiografíaGiovanni Battista Ramusio

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento20 de xullo de 1485 Editar o valor en Wikidata
Treviso, Italia Editar o valor en Wikidata
Morte10 de xullo de 1557 Editar o valor en Wikidata (71 anos)
Padua, Italia Editar o valor en Wikidata
Embaixador
Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónescritor, historiador, xeógrafo, diplomático, cartógrafo Editar o valor en Wikidata
Obra
Obras destacables
Familia
FillosPaolo Ramusio Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteEncyclopædia Britannica Editar o valor en Wikidata
BNE: XX1082724

Giovanni Battista Ramusio, tamén chamado Giovan Battista e Giambattista (e latinizado Jo[h]annes Baptista R[h]am[n]usius)[1], nado o 20 de xullo de 1485 en Treviso e finado o 10 de xullo de 1557 en Padua, foi un diplomático, xeógrafo, tradutor e editor italiano do renacemento. Foi secretario do senado veneciano en 1515 e do Consello dos Dez en 1533. A súa obra principal é Delle Navigationi et Viaggi, na que compilou unha gran colección de documentos sobre viaxes, traduciunos e editounos xunto cun grupo de colaboradores a cuxa cabeza estivo.

Traxectoria

Nacemento e familia

Ramusio naceu o 20 de xullo de 1485 no seo dunha antiga e ilustre familia oriúnda de Rimini. Era un dos sete fillos de Paolo Ramusio "o Vello", e Tomaris Machachiò.[2] Tanto o seu pai como o seu tío paterno, Girolamo Ramusio "o Vello", estudaron na Universidade de Padua, Paolo, leis, e Girolamo, medicina. Paolo escribiu varios libros e traduciu do latín De re militare de Valturio[3], e Girolamo, exiliado no Levante asiático, escribiu, ademais de tratados médicos, poesía, estudou literatura grega e árabe e traduciu Avicena.[4]

Paolo, fuxindo da inestabilidade política, a mediados do século XV trasladouse á República de Venecia, onde foi nomeado maxistrado. Alí, na cidade de Treviso, onde fora designado xuíz, naceu Giovanni Battista, que foi levado á cidade de Venecia xa de pequeno. En 1524 casou con Francesca (ou Franceschina) Navagero, quen era á vez parente súa pola parte da súa nai Tomaris, e parente do amigo e colaborador de Ramusio, Andrea Navagero. O matrimonio tivo un só fillo, Paolo "o Novo", en 1532.[5]. O neto de Giovanni Battista Ramusio, Girolamo Ramusio "o Novo", tamén dedicouse á diplomacia e ás angueiras intelectuais escribindo as súas propias obras e traducións, entre elas, a historia da propia familia Ramusio.[6]

Formación

Andrea Navagero e Girolamo Fracastoro. Debuxo de Rinaldo Padovano a partir de dous medallóns feitos por Giovanni da Cavino encargados por Giovanni Battista Ramusio para honrar os seus amigos.[5]

Giovanni Battista Ramusio, como o seu pai e o seu tío, foi a estudar na Universidade de Padua, quizais dereito.[7] Alí foi alumno do folósofo Pietro Pomponazzi.[8] Sábese que coñecía o grego e o latín, mais tamén tiña coñecementos de portugués, castelán, francés e as linguas italianas. Con todo, parecería que non acadou a obter ningún grao, talvez porque sería chamado temperamente a Venecia a exercer un cargo diplomático.[7] Tamén estudou en Venecia, na Accademia Aldina (promotora da publicación dos clásicos grecolatinos e italianos) onde fixo amizade con outros importantes humanistas, a maioría dos cales devirían colaboradores na súa obra como xeógrafo. É o caso de Aldo Manuzio,[8] Andrea Navagero, Girolamo Fracastoro, Pietro Bembo, Bernardino Donato, Raimondo e Giovanni Battista della Torre.[9] Ramusio tamén foi colaborador nas labores intelectuais dalgún deles como Navagero, Fracastoro e Bembo,[10] e mantivo unha relación persoal ou ben unha frutífera correspondencia coa maioría dos devanditos intelectuais, así como con persoas importantes tanto de Venecia -Vettor Fausto (profesor de grego e arquitecto naval), Giovita Ravizza (ou Rapicio, gramático e literato)- como do estranxeiro -Baldassare da Castiglione (nuncio papal en España), Gonzalo Fernando de Oviedo (historiador do emperador Carlos V)[11], Sebastián Caboto (mariño, explorador e cartógrafo, fillo de Xoán Caboto)-, entre outros.[12]

Da súa correspondencia e escritos colíxese a súa familiaridade coa obra dos clásicos como Plinio, Aristóteles, Livio[13], Tolomeo e Estrabón.

Carreira diplomática

Como diplomático, Giovanni Battista Ramusio desenvolveu unha importante carreira. Aos 20 anos de idade, en 1505, foi admitido entre os extraordinarios da chancelaría veneciana, e entre os ordinarios en 1513. En 1515 chegou a ser secretario do Senado, e en 1533 do Consello dos Dez.[14]

En total serviu como diplomático 54 anos,[15] durante os cales encomendáronlle importantes misións. Estivo en Roma, en Suíza e en Francia, onde Lois XII fíxoo viaxar por case todo o reino.[16] Alí formou parte da comitiva do embaixador Alvise Mocenigo, futuro doge de Venecia. Quizais tamén viaxara a África.[17]

Anos finais e morte

Xa na súa vellez, Ramusio obtivo a dimisión ao cargo de secretario do Consello dos Dez e retirouse a Villa Ramusa (ou Ramusia), preto de Padua, ás súas posesións patruciais. Cando enfermou[18] foi trasladado á cidade de Padua, onde finalmente morreu á idade de 72 anos, o 10 de xullo de 1557. Os seus restos foron trasladados á cidade de Venecia, onde foron depositados, segundo a vontade do propio defunto, na tumba que mandara erixir para a súa nai, na Igrexa de Santa María dell'Orto.[19] Cando faleceu, a súa obra maior, Delle Navigationi e Viaggi, aínda non fora publicada enteiramente.

Obra

Delle Navigationi et Viaggi

Na época de Ramusio Venecia continuaba a ser unha potencia cuxa principal fonte de ingresos era o comercio e por tanto había na República un grande interese polas descubertas xeográficas que estaban a levar a cabo outros países europeos. A grande actividade da Serenísima e a súa relativa estabilidade política atraían inmigrantes do resto de Italia. Isto pode verse no feito de que parte dos homes involucrados na obra de Ramusio, como a propia familia Ramusio, tiñan unha orixe foránea. Por exemplo os Giunti (impresores provenientes de Florencia[20], aínda que Tommaso Giunti, editor e amigo de Ramusio, xa era nativo de Venecia), ou Giacomo Gastaldi (cartógrafo piamontés)[21]

Non se sabe con certeza cal foi o incentivo para que arredor de 1520 Ramusio emprendera o labor de recompilar, traducir e editar os escritos circulantes en Europa sobre as viaxes exploratorias. Quizais fora por suxestión de Girolamo Fracastoro[22], quizais por mor da encarga que recibira de tratar co navegante Sebastián Caboto, para que entrase ao servizo de Venecia.[23] Sexa cal sexa o caso, Ramusio comezou unha ampla recollida de documentos xeográficos. Para isto contou coa axuda dos devanditos colaboradores. O primeiro en procurar tales documentos foi Navagero en España, quen de feito, adquiriu textos de Oviedo e Pedro Mártir de Anglería co obxectivo de traducilos e publicalos. Mais á súa morte deixou inconclusa á obra, que Ramusio rematou. Parte deste material incorporouno á súa propia Delle Navigationi et Viaggi.[24] Mais o principal compañeiro de traballo para a elaboración da obra de Ramusio foi o cartógrafo Giacomo Gastaldi.[10]

Daquela ampla compilación xurdiu unha monumental antoloxía composta por tres tomos en folio. De cada un fixéronse varias edicións, todas en Venecia e na casa dos Giunti.

Mapa de América publicado no Tomo III de Delle Navigationi et Viaggi, 1565.
  • O Tomo I publicouse por primeira vez en 1550 (e foi reimprentado en 1554, 1563, 1588, 1606 e 1613). Abrangue narracións de viaxes ás Indias Orientais, tanto antigas como recentes, máis dous relatos atribuídos a Américo Vespucio, e outros dous sobre a viaxe de Magalhães.
  • O Tomo II publicouse postumamente, en 1559, e despois de publicado o III. Segundo o impresor Tommaso Giunti, porque os materiais para o Tomo III se recolleron primeiro. Ademais as probas do Tomo II foron danadas polo incendio que destruíu a imprenta dos Giunti en novembro de 1557, catro meses após a morte de Ramusio. O incendio quizais destruiría tamén o proxecto dun Tomo IV, tamén sobre América, anunciado por Ramusio na reimpresión de 1565, do Tomo III.[25] Este hipotético Tomo IV probablemente trataría de Suramérica e do misterioso continente do hemisferio austral de cuxa existencia todo o mundo estaba convencido pero que ninguén descubrira.[21]
  • O Tomo III tivo a súa primeira edición en 1556, e volveu ser imprimido en 1565 e 1606. Trata o continente americano, aínda que a reimpresión de 1606, póstuma, contén tamén dúas obras alleas á descrición do Novo Mundo.[26]

A obra atinxiu un amplo éxito por toda Europa, en parte por non estar circunscrita ao latín. Ramusio escolleu escribila na lingua toscana vernácula –que deviría en italiano- bastante coñecida na Europa de entón.[21]

Obras menores

Ademais da súa monumental Delle Navigationi et Viaggi, consérvanase algúns escritos que Cigogna enumera:[27]

  • Unha oración fúnebre pola morte do chanceler Francesco Fasioli titulada In funere Francisci Faseoli Magni Venetiarum Cancellarii.
  • Un estudo sobre as mareas titulado Trattato del flusso e riflusso del Mare.
  • Un debuxo e descrición dun cedro do Líbano.
  • Un epigrama en latín que enxalza Pomponio Gaurico.
  • Colaboración no libro de Girolamo Fracastoro De Sympathia et Antipathia rerum.
  • Unha tradución ao latín dunha inscrición grega.
  • Anotacións e correccións marxinais a unha copia do Dioscoride grego.
  • Revisión e corrección en colaboración con Navagero, do Quintiliano, por ancargo de Aldo Manucio.
  • Unha tradución da Conquista de Constantinopla de Geoffroi de Villehardouin, completada polo seu fillo Paolo Ramusio.
  • Unha relación sobre David Ebreo.
  • Unha tradución ao toscano dunha carta en castelán de "a súa Cesarea Maxestade a Dom. Lopes de Soria, o seu embaixador en Venecia."
  • Un rexistro dos libros do cardeal Besarión na Biblioteca Marciana distribuídos entre 1545 e 1548 a diferentes estudosos.
  • Inscricións nun códice conservado na Biblioteca Vaticana.
  • Quizais catro táboas xeográficas que representan as navegación dos mariños venecianos máis célebres.

Referencias

  1. Cicogna, principal fonte sobre Ramusio, atesta Johanes con e sen "h" e Rhamnusius con e sen "h" e con e sen "n". Tamén menciona as diferentes versións do apelido que el mesmo atapou: Rannusius, Ramnusius, Rammusius, Rhamusius. (Emmanuele Antonio Cicogna, Inscrizione Veneziani, Volume II. Venecia, Giuseppe Picotti Stampatore, 1827, p. 310-337).
  2. Cicogna, 1827, p. 313.
  3. Jerome Randall Barnes, Giovanni Battista Ramusio and the History of Discoveries: An Analysis of Ramusio's Commentary, Cartography, and Imagery in "Delle Navigationi Et Viaggi" Arquivado 28 de xaneiro de 2016 en Wayback Machine.. The University of Texas at Arlington. 2007, p. 17-18. No libro chámase a obra traducida por Paolo Ramusio Precepta Militria, pero o nome latino é De Re Militare e a parte do título en toscano máis parecida ao que dá o libro é "...precepti militari..." (Cicogna, 1827, p. 314).
  4. Cicogna, 1827, p. 310
  5. 5,0 5,1 Cicogna, 1827, p. 320.
  6. Cicogna, 1827, p. 335-537.
  7. 7,0 7,1 Randall Barnes, 2007, p. 19-20.
  8. 8,0 8,1 Claudio Paganelli, Notas biográficas da entrada Giovan Battista Ramusio, Liber Liber. Consultado o 21 de xaneiro de 2016.
  9. Randall Barnes, 2007, p. 20.
  10. 10,0 10,1 Randall Barnes, 2007, p. 24.
  11. O cronista español non soamente sería tamén unha das súas fontes, senón que aparentemente foron mesmo socios de negocios pois fixeron investimentos xuntos no comercio de produtos entre Venecia e Santo Domingo, na Española, vía Cadiz. (Randall Barnes, 2007, p. 30-32, citando Marica Milanesi, Tolomeo sostituito, studidi storia delle conoscenze gregráfiche nel XVI sécolo. Milán, UNICOPLI, 1984, p.65).
  12. Cicogna, 1827, p. 317.
  13. Randall Barnes Arquivado 28 de xaneiro de 2016 en Wayback Machine., 2007, p. 23.
  14. Cicogna, 1827, p. 315-316.
  15. Cicogna (p. 316) corrixe á versión de Johann Gottlieb Krause (Apparatus ad P. Manutii vitam. Leipzig, 1669), de que foran soamente 43 anos.
  16. Cicogna, 1827, p. 316.
  17. Alessandro Marzo Magno, Bound in Venice: The Serene Republic and the Dawn of the Book, Europa Editions, 2013, tradución ao inglés de Gregory Conti, ISBN 978-1-60945-152-3
  18. Segundo Cicogna (p. 321), de petequias, roturas de vasos capilares cuxo sangrado interno maniféstase con manchiñas cutáneas bermellas ou púrpuras (Kumar, Vinay; Abbas, Abul K.; Fausto, Nelson; & Mitchell, Richard N. (2007). Robbins Basic Pathology (8th ed.). Saunders Elsevier. p. 86. ISBN 978-1-4160-2973-1)
  19. Cicogna (p. 321)
  20. Randall Barnes, 2007, p. 22.
  21. 21,0 21,1 21,2 Marzo Magno, 2013
  22. Editors of Encyclopædia Britannica. Giovanni Battista Ramusio. Italian geographer and author. Encyclopædia Britannica. Consultado o 18 de xaneiro de 2016. A Britannica afirma que Ramusio emprendeu a obra directamente por suxestión de Fracastoro, pero Cicogna (p. 319) soamente di que "foi dos primeiros en estimulalo a tecer e publicar a devandita compilación".
  23. Paganelli. Consultado o 21 de xaneiro de 2016.
  24. Randall Barnes, 2007, p. 20-21 e 28.
  25. Giovanni Battista Ramusio, Discorso sopra el discoprimento et conquista del Peru, no t. III, f. 371r. (1556); Tommaso Giunti alli lettori no t. I, f. 6v,
  26. José Rovira Collado, "La Visión de Anáhuac": Reyes recupera a Ramusio. Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes, 2005.
  27. Cicogna, (p. 324-327)

Strategi Solo vs Squad di Free Fire: Cara Menang Mudah!