Comezou a súa carreira deportiva no Parma, no que ingresou aos 13 anos, debutando profesional co primeiro equipo en 1995. Tras permanecer seis tempadas no equipo parmesano, co que gañou unha Copa Italia, unha Supercopa e unha Copa da UEFA, foi traspasado á Juventus de Turín en 2001. Militou durante 17 tempadas consecutivas no club piemontés, gañando dezanove títulos a nivel nacional (nove Series A, unha Serie B, catro Copas Italia e cinco Supercopas de Italia), ademais de disputar tres finais da Liga de Campións.
En 2018 fichou polo Paris Saint-Germain, co que conquistou a liga francesa e a Supercopa de Francia, antes de regresar á Juventus, coa que gañou tres títulos máis (unha liga, unha Copa e unha Supercopa). No 2021, xa con 43 anos de idade, volveu ao seu primeiro club, o Parma, na Serie B.
En 2004, foi incluído na lista de xogadores FIFA 100 elaborada polo exfutbolista Pelé a petición da FIFA.[1] Foi nomeado mellor porteiro do mundo cinco veces pola Federación Internacional da Historia e Estatística de Fútbol. Así mesmo, obtivo diversos títulos individuais como o Premio Lev Yashin, o Balón de Prata ou o premio ao porteiro do ano na Serie A, entre outros. Foi elixido como "Mellor Porteiro do Mundo do Cuarto de Século" e "Mellor Porteiro do Mundo durante a 1ª década do século XXI" pola IFFHS.[2][3]
Con 657 partidos na Serie A, é o xogador con máis partidos na historia da competición, despois de superar en 2020 os 647 de Paolo Maldini.[4]