GOCE (acrónimo de Gravity field and steady-state Ocean Circulation Explorer) é un satélite artificial da Axencia Espacial Europea lanzado o 17 de marzo de 2009 mediante un foguete Rokot KM desde o cosmódromo de Plesetsk.[2][5][6]
A misión de GOCE é medir o campo gravitatorio da Terra para crear mapas de moi alta resolución do xeoide para estudar as correntes oceánicas e os cambios de nivel do mar e das terras.[2]
GOCE mide 5 metros de longo por 1 metro de ancho. Leva paneis solares fixos que producen ata 1,4 kW de potencia. As medicións da gravidade fainas mediante seis acelerómetros de alta sensibilidade e colocados ó longo dos tres eixos da nave. Para facer as medicións o satélite debe orbitar á menor altura posible, a menos de 300 km, pero as órbitas baixas teñen o problema de que a atmosfera a esas alturas, a pesar de ser extremadamente tenue, exerce un leve rozamento continuo que interfire nas medicións e produce un decaemento que faría reentrar ao satélite na atmosfera inferior, coa destrución consecuente. Para solucionar este problema, GOCE ten forma aerodinámica, en frecha, e ademais leva a bordo un motor iónico para compensar o rozamento.[2]