Félix Javier Carnero Correa, nado en Bouzas (Vigo) o 1 de xuño de 1948 foi un xogador, adestrador e directivo de fútbol galego.
Foi pai do tamén futbolista Pablo Carnero.
Traxectoria
Como futbolista
Iniciouse nos conxuntos infantís de Apache e Amanecer, pasando na categoría xuvenil ao Celta de Vigo e despois ao Rápido de Bouzas. Volvendo despois ao Celta, esta vez ao primeiro equipo. Non logra asentarse no equipo, polo que na tempada 1968-69 é traspasado ao Castellón por 100.000 pesetas. Permanecería no levante seis tempadas, nas que acada o ascenso a Primeira División e chega a disputar unha final de Copa.
No ano 1974 volve ao Celta, pero o club non completaría unha boa campaña descendendo a Segunda División pese ao que a actuación de Félix é moi regular, xogando 30 partidos e marcando dous goles. En segunda, nunha tempada na que é o máximo anotador do equipo con nove tantos, o Celta fai moi bo ano conseguindo o ascenso. Porén a tempada seguinte volveu descender e déuselle a baixa, pasando a formar parte do equipo técnico.
Como adestrador
Na tempada 1981-82 desempeñou a tarefa de segundo adestrador do primeiro equipo xunto a Milorad Pavić. Posteriormente converteuse en primeiro adestrador do Celta na tempada 1983-84, trala dimisión de Luis Cid Pérez, Carriega. Ao ano seguinte continúa no posto, conseguindo o ascenso a Primeira.
O seu último ano como adestrador do Celta foi a campaña 1985-86 sendo substituído por José Luis García Traid na décimo terceira xornada. Posteriormente adestrou o Arousa e o Lugo.
Como directivo
Pasados uns anos Félix Carnero ocuparía os postos de Secretario Técnico e Director Deportivo do Celta durante un período longo e frutífero para o club vigués.
Finalmente abandonou o club a finais do ano 2007 ao non contar no proxecto do novo presidente do Celta, Carlos Mouriño, e foi substituído por Ramón Martínez.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas