Florida española

Modelo:Xeografía políticaFlorida española

Localización
Estado históricoImperio Español
VicerreinadoVicerreinado de Nova España Editar o valor en Wikidata
CapitalSaint Augustine (pt) Traducir
Pensacola (pt) Traducir
Santa Elena (en) Traducir (1566–1587) Editar o valor en Wikidata
Poboación
Lingua oficiallingua castelá Editar o valor en Wikidata
Xeografía
Parte de
Datos históricos
Precedido por
Creación1513 Editar o valor en Wikidata
Disolución1818 Editar o valor en Wikidata
Sucedido porTerritório da Flórida (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata

A Florida española (castelán: La Florida, inglés: Spanish Florida) refírese a un territorio español de Florida, que formou parte da Capitanía Xeneral de Cuba, do Vicerreinado de Nova España e do Imperio Español. Orixinalmente estendida sobre o que hoxe é o sueste dos Estados Unidos, pero sen fronteiras definidas, Florida formaba parte da colonización española de América e da expansión do Imperio Español. Expedicións de amplo alcance desenvolvéronse no hínterland durante o século XVI, pero España nunca obtivo un control completo sobre La Florida máis alá da área que hoxe ocupan os estados de Florida, sur de Xeorxia, sur de Alabama, sur de Mississippi e sueste de Luisiana, nas denominadas Parroquias de Florida. No que respecta ao Texas colonial, pertencía a unha Capitanía Xeneral diferente, polo que non cómpre incluílo aquí.

Descubrimento e primeiras exploracións

Florida no Planisferio de Cantino de 1502

Planisferio de Cantino

Probablemente mariñeiros portugueses anónimos foron os primeiros europeos en cartografar o sueste dos futuros Estados Unidos. Segundo o Planisferio de Cantino de 1502, Portugal explorou a costa atlántica e o leste do golfo de México nalgún momento na seguinte década á primeira viaxe de Cristovo Colón (Colón nunca chegou sequera a albiscar Norte América en ningunha das súas expedicións). Porén, mantiveron os seus descubrimentos en segredo e non fixeron intentos de estabelecerse ou explorar o interior.[1]

Juan Ponce de León (Santervás de Campos, Valladolid). Foi un dos primeiros europeos en chegar aos actuais Estados Unidos porque liderou unha das primeiras expedicións á Florida, á que deu seu nome.

Juan Ponce de León

En 1512 Juan Ponce de León, gobernador de Porto Rico, recibiu permiso real para buscar terras ao norte de Cuba. O 3 de marzo de 1513, a súa expedición partiu de Punta Aguada, Porto Rico, navegando ao norte en tres navíos[2]. A finais de marzo, divisou unha pequena illa (con seguridade, unha das Bahamas), pero non desembarcou nela. O 2 de abril, Ponce de León viu a costa leste da península de Florida e achegouse á terra nun lugar do que hoxe descoñécese con exactitude a súa localización[3]. Supuxo que tiña descuberto unha grande illa, así que reclamou a terra para España e chamouna La Florida, porque era o tempo da Pascua Florida e moita da vexetación estaba en flor[4]. Despois dunha breve exploración da área ao redor do lugar de desembarco, a expedición volveu ás súas naves e navegou cara ao sur para cartografar a costa, encontrándose coa Corrente do Golfo na viaxe. A expedición seguiu pola costa de Florida, rodeando os Caios da Florida e virando ao norte para debuxar nos planos unha parte da costa de Florida do Suroeste, antes de volver a Porto Rico.

A lenda popular conta que Ponce de León estaba buscando a Fonte da xuventude cando descubriu Florida. Porén, a primeira mención á busca de Ponce de León da auga que cura a idade deuse vinte anos despois da súa viaxe de descubrimento, e a primeira que situou a Fonte da Xuventude en Florida foi trinta anos despois. É moito máis probable que Ponce de León, como outros conquistadores españois nas Américas, estivera buscando ouro, terra que colonizar e gobernar para España, e indios que converter ao cristianismo ou escravizar[5].

Ponce de León probablemente non foi o primeiro español en alcanzar a Florida[6], aínda que foi o primeiro en facelo co permiso da Coroa española. As evidencias suxiren que as expedicións españolas desde o Caribe foron levadas a cabo á Florida para escravizar indios[6]. Os nativos americanos aos que enfrontouse Ponce de León foron hostís nun primeiro contacto, e mesmo coñeceu a un indio en Florida que sabía algunhas palabras en español[7].

Axiña seguiron outros viaxes de españois á Florida tralo regreso de Ponce de León. Nalgún momento entre 1514 e 1516, un tal Pedro de Salazar escravizou a uns 500 indios ao longo da costa atlántica do actual sueste dos Estados Unidos. Por outra banda, Diego Miruelo visitou en 1516 o que probablemente é a Baía de Tampa, Francisco Hernández de Cordova alcanzou o suroeste de Florida en 1517, e Alonso Álvarez de Pineda navegou e cartografiou toda a costa do golfo de México en 1519.

Primeiros intentos de colonización

En 1521, Ponce de León saíu de Cuba con 200 homes en dous barcos para establecer unha colonia na costa suroeste da península de Florida, probablemente preto do actual Charlotte Harbor. Pero, os ataques dos nativos Calusa expulsáronnos en xullo dese mesmo ano. Ponce de León foi ferido nunha escaramuza e morreu a consecuencia das feridas tras o regreso da expedición a A Habana[8].

Tamén en 1521 Pedro de Quejo e Francisco Gordillo escravizaron a 60 indios na Baía de Winyah, en Carolina do Sur. Quejo, co apoio de Lucas Vázquez de Ayllón, volveu á rexión en 1525, deténdose en varios lugares entre a illa de Amelia e a Baía de Chesapeake. En 1526 Vázquez de Ayllón dirixiu unha expedición dunhas 600 persoas á costa de Carolina do Sur. Despois de explorar posibles localizacións tan ao sur como a Enseada de Ponce de León, en Florida, fundouse o establecemento de San Miguel de Guadalupe (inglés: San Miguel de Gualdape) nas proximidades da Illa Sapelo, no estado de Xeorxia. Enfermidades, fame, frío e ataques de nativos fixéronlles abandonar o lugar dous meses despois. Uns 150 superviventes regresaron aos asentamentos españois[9]. Os freires dominicos Antonio de Montesinos e Antonio de Cervantes foron algúns deses colonos. Dado que naquel tempo os sacerdotes estaban obrigados a dar misa diaria, historicamente pódese asegurar que os ditos dominicos foron os primeiros en dicir unha Misa Católica no territorio que hoxe son os Estados Unidos, aínda que datos específicos como o lugar e a data non se poidan concretar[10].

Expedición de Narváez

Artigo principal: Expedición de Narváez.

En 1527 Pánfilo de Narváez deixou España con cinco naves e preto de 600 persoas nunha misión para explorar e asentarse na costa do golfo de México situada entre os asentamentos españois en México e Florida. Despois de sufrir tempestades e atrasos, a expedición tocou terra preto da Baía de Tampa o 12 de abril de 1528, apenas con 400 superviventes e moi escasas subministracións. Confuso debido á localización da Baía de Tampa (Milanich observa que a guía de navegación que empregaban os pilotos españois naquel tempo, situaban a baía de Tampa case 150 quilómetros máis ao norte), Narváez enviou os seus barcos na súa busca, mentres a maior parte dos expedicionarios marcharon ao norte, supostamente coa intención de encontrarse coas naves na baía.

Tentando atopar a baía de Tampa, Narváez marchou preto da costa, a través do que resultou un gran territorio deshabitado. A expedición viuse forzada a subsistir coas racións que trouxeran con eles, ata que alcanzaron o río Withlacoochee, onde finalmente atoparon indios. Facendo reféns, a expedición chegou a aldea india, na que encontraron millo. Máis ao norte atoparon a un xefe que lles levou á súa vila ao outro lado do río Suwannee. O xefe, Dulchanchellin, tratou de facer dos españois os seus aliados contra os seus inimigos, os apalaches.

Empregando aos indios como guías, os españois viaxaron cara ao noroeste no territorio apalache. Milanich suxire que os guías leváronlles a través da ruta máis tortuosa que puideron encontrar. En todo caso, non atopou as vilas máis grandes dos apalaches. No momento no que a expedición chegou a Aute, unha vila preta á Costa do Golfo, resultou que tiña sido atacada polos arqueiros indios durante días. Cercado polas enfermidades, as escasas racións e a hostilidade dos indios, Narváez decidiu navegar cara a México en lugar de continuar por terra. Douscentos corenta e dous homes embarcaron en cinco bastas balsas. Todas elas naufragaron na costa texana. Despois de oito anos, catro superviventes, incluíndo a Álvar Núñez Cabeza de Vaca, chegaron a Nova España (México). Un quinto, Juan Ortiz, escapou da súa catividade dos indios despois de doce anos.

Expedición de De Soto

Artigo principal: Hernando de Soto.

Hernando de Soto foi un dos tenentes xefes de Francisco Pizarro na conquista española do Imperio Inca, e regresou a España sendo un home rico. Foi nomeado Adiantado da Florida e Gobernador de Cuba, e organizou unha gran expedición para conquistar a Florida. O 30 de maio de 1539, De Soto e os seus compañeiros desembarcaron na Baía de Tampa, onde atoparon a Juan Ortiz, quen foi capturado polos indios da zona unha década antes cando foi enviado desde un barco na busca de Narváez terra dentro. Ortiz informou que na terra dos apalaches encontrarían riquezas, incluíndo ouro, e De Soto partiu con 550 soldados, 200 cabalos e algúns curas e freires. A expedición de De Soto viviu do que lle ofrecía a terra pola que marchaba. De Soto seguiu unha ruta máis ao interior que a da expedición de Narváez, pero os indios lembráronse dos recentes trastornos que causaron os españois e foron cautos no seu proceder, cando non abertamente hostís. De Soto empregou indios como guías e carrexadores.

A expedición alcanzou o territorio Apalache en outubro e instalouse na principal vila apalache, Anhaica, para pasar o inverno. Alí encontraron unha gran cantidade de comida almacenada, pero pouco ouro ou outras riquezas. Na primavera, De Soto encamiñouse ao nordés, cruzando o que hoxe é Xeorxia e Carolina do Sur cara a Carolina do Norte; despois, xirou ao oeste, cruzando as Grandes Montañas Fumarentas no Tennessee, e marchou cara ao sur en Xeorxia. Volvendo ao oeste de novo, a expedición cruzou Alabama. Perderon toda a súa equipaxe nunha loita cos indios preto de Choctaw Bluff, no río Alabama, e pasaron o inverno en Mississippi. En maio de 1541 a expedición cruzou o río Mississippi e deambulou no actual Arcansas, Missouri e posiblemente Kansas antes de pasar un novo inverno en Oklahoma. En 1542 a expedición retornou cara ao río Mississippi, onde De Soto morreu. Trescentos tres superviventes volveron da expedición en 1543.

Ochuse e Santa Elena

Aínda que os españois perderan as esperanzas de atopar ouro e outras riquezas na Florida, viuse que o territorio era vital para a defensa das súas colonias en México e no Caribe. En 1559 Tristán de Luna y Arellano deixou México con 500 soldados e mil civís nunha misión para establecer colonias en Ochuse (na baía de Pensacola) e Santa Elena (na sonda de Port Royal). O plan era desembarcar a todos en Ochuse e que a maioría dos colonos marcharan por terra cara a Santa Elena. Porén, unha tormenta tropical golpeou cinco días despois da súa chegada a baía de Ochuse á frota, afundindo a dez das trece naves coas subministracións que aínda non foran descargadas. As expedicións que foran enviadas ao interior na busca de novas subministracións de comida, erraron no seu obxectivo. A maior parte da colonia trasladouse ao interior cara a Nanicapana, rebautizada como Santa Cruz, onde atoparon algo de comida, pero insuficiente para soportar á colonia. Así que os españois retornaron á baía de Pensacola. En resposta a unha Real Orde que cominaba a ocupar de xeito inmediato Santa Elena, Luna enviou tres pequenos barcos, pero foron danados por unha tormenta e volveron a México. Ángel de Villafañe substituíu o desacreditado Luna en 1561, con ordes de retirar a maioría dos colonos de Ochuse e ocupar Santa Elena. Villafañe dirixiu 75 homes cara a Santa Elena, pero outra tormenta tropical danou os seus barcos antes de que puidera desembarcar, forzando á expedición a volver a México.

Asentamento e fortificación

Castelo de San Marcos en San Agustín.

O establecemento de asentamentos permanentes e fortificacións en Florida polos españois foi unha resposta ao desafío feito pola Florida francesa: o capitán francés Jean Ribault encabezou unha expedición a Florida e fundou en 1562 Charlesfort no que hoxe é Parris Island, Carolina do Sur. Non obstante, as Guerras de Relixión impediron a Ribault a regresar ao forte para reabastecelo e os homes foron abandonados[11]. Dous anos despois, René Goulaine de Laudonnière, tenente de Ribault na anterior viaxe, dispúxose a encontrar un refuxio para os colonos protestantes hugonotes en Florida. Fundou Fort Caroline no que hoxe é Jacksonville en xullo de 1564. Unha vez máis, porén, unha misión de reabastecemento impediu chegar a Ribault, ameazando á colonia. Algúns amotinados fuxiron de Fort Caroline para enrolarse na piratería contra as colonias españolas, causando alarma no goberno español. Laudonnière estivo preto de abandonar a colonia en 1565, pero finalmente chegou Jean Ribault con subministracións e novos colonos en agosto.[12]

Ao mesmo tempo, en resposta as actividades francesas, o rei Filipe II de España nomeou a Pedro Menéndez de Avilés Adiantado da Florida, co encargo de levar a aventureiros non-españois desde as terras de Terra Nova á baía de Saint Joseph (na costa norte do golfo de México)[13]. Menéndez de Avilés chegou a Florida ao mesmo tempo que Ribault en 1565, e estableceu unha base en San Agustín (galego: Santo Agostiño), o asentamento europeo habitado de xeito continuo máis antigo dos Estados Unidos continentais[14]. Menéndez de Avilés rapidamente atacou Fort Caroline, indo por terra desde San Agustín. Pola súa banda, Ribault navegou desde Fort Caroline, tentando atacar San Agustín desde o mar. A frota francesa, porén, foi expulsada mar dentro e decimada por unha tormenta. Entre mentres, os españois ficaron asombrados da escasa defensa de Fort Caroline, salvando só a mulleres e nenos[15][16]. Só foron capaces de escapar vinte cinco homes. Cando os españois regresaron ao sur e atoparon aos sobreviventes do naufraxio, Menéndez de Avilés ordenou a execución de todos os hugonotes[16]. O lugar comezou a coñecerse como a Canle de Matanzas[17].

Despois da expulsión dos franceses, os españois rebautizaron Fort Caroline como Fuerte San Mateo[16]. Dous anos máis tarde, Dominique de Gourgues reconquistou o forte aos españois, matando a tódolos defensores[18].

Misións e conflitos

Fortificacións e misións españolas en Florida antes do 1700.

En 1549 o Padre Luis de Cáncer e outros tres dominicos emprenderon a primeira expedición exclusivamente misioneira da Florida. Despois de décadas de contactos entre nativos e expediciones laicas españolas que habían ignorado sistematicamente a Bula de Paulo III de 1537, que condenaba a escravitude de xeito indiscutible, os esforzos da orde relixiosa abandonáronse só seis semanas máis tarde de ter comezado debido ao brutal martirio de Cáncer polos nativos Tocobaga. A súa morte causou conmoción na comunidade misioneira dominicana de Nova España durante moitos anos.

En 1566, os españois fundaron a colonia de Santa Elena no que hoxe é Parris Island, Carolina so Sur[19]. Juan Pardo comandou dúas expedicións (1566-67 e 1567-68) que saíron de Santa Elena cara ao leste de Tennessee, establecendo seis fortes temporais no interior. Os españois abandonaron Santa Elena e a área circundante en 1587[20].

En 1586, o capitán inglés Francis Drake saqueou e queimou San Agustín, incluíndo unha fortificación que estaba en construción, mentres volvía de asaltar Santo Domingo de Guzmán e Cartaxena de Indias no Caribe[21][22]. As súas incursións puxeron en evidencia a incapacidade española para defender apropiadamente os seus asentamentos[22].

Os xesuítas comezaran a establecer misións cos nativos americanos da Florida en 1567, pero retiráronse en 1572 despois de ter varios encontros hostís con eles[22][23]. En 1573, os franciscáns asumiron a responsabilidade das misión neste territorio, desenvolvendo ducias de operacións entre as tribos Guale, Timucua e Apalache[24]. Estas misións non estiveron exentas de conflitos e, finalmente, os Guale rebeláronse o 4 de outubro de 1597 no que hoxe é a costa xeorxiana[25].

A extensión do sistema de misións tamén proporcionou unha vantaxe estratéxica ás tropas británicas chegadas do norte[23]. Durante os máis de cen anos de expansión da actividade misioneira, as enfermidades traídas polos europeos tiveron un significativo impacto nas poboacións nativas, así como o crecente poder de franceses e británicos[26]. Durante a Guerra da Raíña Ana, os británicos desmantelaron moitas das misións[26]. Sobre 1706, os misioneiros abandonaron as súas misións e retornaron a San Augustín.

Período de amizade

Detalle do plano anglo-americano do Mapa Mitchell, mostrando o norte da Florida Española, a vella estrada da misión de San Agustín a San Marcos e texto descritivo das incursións carolinas de 1702–1706.

O gobernador español Pedro de Ibarra traballou para promover a paz coas culturas nativas ao sur de San Agustín. Existe un relato do seu encontro cos grandes caciques indios[27]. Ybarra (Ibarra) enviou en 1605 ao cartógrafo Álvaro Mexía a unha misión máis ao sur para establecer e desenvolver lazos diplomáticos coa nación india dos Ais, ademais de para realizar un mapa da rexión. A súa misión tivo éxito.

En febreiro de 1647 os apalaches rebeláronse[28]. A revolta cambiou as relacións entre as autoridades españolas e o pobo Apalache. Trala rebelión, os homes apalache foron forzados a traballar en obras públicas en San Agustín e en facendas de españois[29]. En 1656, os timucuas tamén rebeláronse, alterando ás misión españolas de Florida. Tamén afectou aos ranchos e ás subministracións de comida de San Agustín.

A través do século XVII, colonos ingleses e escoceses das colonias de Carolina e Virxinia foron paulatinamente empurrando a fronteira cos españois cara ao sur. A principios do século XVIII, os asentamentos franceses ao longo do río Mississippi e a Costa do Golfo invadiron os límites occidentais do territorio español.

A comezos de 1680, soldados ingleses e escoceses da Carolina e os seus aliados de nativos americanos, atacaron repetidamente as aldeas das misións españolas e San Agustín, queimando misións e matando e escravizando indios. En 1702, James Moore encabezou un exército de colonos e nativos americanos dos pobos Yamasi, Talapuches, Alabamas e outros guerreiros Creek, baixo o liderado do xefe Yamasi Arratommakaw. O exército atacou e arrasou a vila de San Agustín, pero non puido obter o control do forte. Moore en 1704 fixo unha serie de incursións na Provincia de Apalache na Florida, saqueando e destruíndo a maior parte dos restos das misións españolas, e matando e escravizando a maior parte da poboación india. Sobre 1707 os poucos superviventes indios que quedaban fuxiran cara ás españolas San Agustín e Pensacola, ou á francesa Mobile. Algúns dos nativos americanos capturados polo exército de Moore foron trasladados ao longo dos ríos xeorxianos de Savannah e Ocmulgee.

En 1696 os españois fundaran Pensacola preto do antigo lugar de Ochuse, que foi capturado polos franceses en 1719.

Durante o século XVIII, os pobos nativos americanos que se converterían nos seminole deron comezo ás súas migracións á Florida, que fora gravemente despoboada polas incursións en busca de escravos dos carolinos e os Yamasi. O poder da Carolina Británica foi danado e a colonia case destruída durante as Guerras Yamasi de 1715–1717, despois das que o comercio de escravos cambiou substancialmente.

Posesión británica

O territorio expandido de Florida Occidental en 1767.

En 1763, España cedeu Florida a Gran Bretaña a cambio de recuperar o control da Habana, en Cuba, que fora capturada polos británicos durante a Guerra dos Sete Anos. Como os ingleses derrotaran aos franceses na guerra, apropiáronse de todo o territorio da Luisiana francesa ao leste do río Mississippi, agás Nova Orleáns. Pareceulles un territorio demasiado amplo para gobernalo todo xunto, polo que os ingleses dividiron a área meridional en dúas provincias separadas polo río Apalachicola: Florida Oriental (a península) e Florida Occidental (a franxa ou panhandle, en inglés).

Os británicos deron comezo a unha agresiva campaña para recrutar colonos para a área, ofrecendo terra de balde e apoio ás empresas exportadoras. En 1764, os británicos moveron a fronteira setentrional da Florida Occidental cara a unha liña que se estendía desde a bocana do río Yazoo ata o leste do río Chattahoochee (32° 22′ latitude norte), que comprende aproximadamente o terzo interior dos actuais estados de Mississippi e Alabama, incluíndo o valioso distrito de Natchez.

Durante este tempo, os indios Creek comezaron a migrar cara a Florida, encabezando a formación da tribo seminole. Os pobos aborixes da Florida tiñan sido devastados por guerras e enfermidades, e se pensa que a maior parte dos sobreviventes acompañaron aos colonos españois cando deixaron o territorio en 1763 para ir a outras colonias (principalmente francesas). Isto deixou enormes extensións de terreo aberto aos Creek Inferiores, que levaban anos en conflito cos Creek Superiores de Alabama. Orixinalmente os seminoles ocuparon as áreas boscosas do norte da Florida. Baixo a presión dos colonos e o Exército dos Estados Unidos durante as Guerras Seminoles, migraron cara a Florida central e meridional, aos Everglades. Moitos dos seus descendentes viven hoxe en día nesta área como unha das dúas tribos seminoles recoñecidas federalmente no Estado.

Gran Bretaña mantivo o control sobre a Florida Oriental durante a Guerra de Independencia, pero os españois, que nese tempo estaban aliados cos franceses que, á súa vez, estaban en guerra cos británicos, recapturaron a meirande parte da Florida Occidental. Ao fin da guerra, pola Paz de París (1783) entre os reinos de Gran Bretaña e España, cedeuse o control español tanto a Florida Oriental como a Occidental, aínda que sen especificar os límites das fronteiras.

Segundo período español

Baixo a lei española, Florida dividiuse seguindo a fronteira natural do río Suwannee entre Florida Occidental e Florida Oriental (mapa de 1822 de Carey e Lea)

Así pois, España recuperou a posesión das Floridas de Gran Bretaña pola Paz de París, continuando coa separación administrativa e de goberno que os británicos puxeran en práctica, é dicir, a división entre Florida Occidental e Florida Oriental. Cando España adquiriu a Florida Occidental en 1783, a fronteira oriental estaba no río Apalachicola, pero moveuna en 1785 cara ao leste ata o río Suwannee[30][31]. O obxectivo era transferir San Marcos e o distrito de Apalache da Florida Oriental á Florida Occidental[32][33].

Despois da independencia norteamericana, a falla dunha clara definición fronteiriza conduciu a unha disputa cos novos Estados Unidos coñecida como a Controversia de Florida Occidental. Os dous tratados de 1783 que deron fin á Guerra da Independencia Norteamericana tiveron diferenzas no tema das fronteiras. O Tratado de París entre Gran Bretaña e os Estados Unidos fixaron a fronteira entre a Florida Occidental e o novo país no paralelo 31 norte[34]. Porén, no Tratado de Versalles entre Gran Bretaña e España, a Florida Occidental foi cedida a España sen que as súas fronteiras foran delimitadas. O Goberno español asumiu que a fronteira era a mesma que no acordo de 1763 polo que entregaran o seu territorio floridano a Gran Bretaña, así que reclamaron que a fronteira setentrional da Florida Occidental estaba no paralelo 32° 22′ Norte segundo estableceuse cos británicos en 1764 despois da Guerra dos Sete Anos. A liña británica dos 32° 22′ Norte estaba próxima á vella reclamación española dos 32° 30′ Norte, que databa do Tratado de Madrid de 1670[35]. Os recentemente independizados Estados Unidos insistiron en que a fronteira estaba marcada polo paralelo 31° Norte, segundo se especificaba no seu Tratado de París cos británicos.

España reclamou máis terra da antiga Florida Occidental británica, incluíndo o lado leste do río Mississippi ao norte dos ríos Ohio e Tennessee[36]. Esta demanda ampliada baseábase nas exitosas operacións militares dos españois contra os británicos durante a guerra. España ocupou ou mesmo construíu varios fortes ao norte da vella fronteira da Florida Occidental británica , incluíndo o Forte Confederación, o Forte Nogales (hoxe en día Vicksburg) e o Forte San Fernando (hoxe por hoxe Memphis)[37][38]. España tentou resolver rapidamente a disputa, pero os Estados Unidos demorárono sabendo que o tempo xogaba ao seu favor[36]. Polo Tratado de San Lorenzo de 1795 cos Estados Unidos, España recoñeceu o paralelo 31 como a fronteira, rematando a primeira Controversia de Florida Occidental. Andrew Ellicott cartografiou este paralelo en 1797 como a fronteira entre os Estados Unidos e os territorios españois.

En 1798, Ellicott informou ao Goberno que catro xenerais americanos estaban recibindo pensións de España, incluíndo o Xeneral James Wilkinson.

A principios do século XIX, España ofreceu xenerosos paquetes de terra en Florida para atraer novos colonos, e así o fixo cun número considerable tanto de españois como estadounidenses. Despois dos ataques de colonos a aldeas indias, os nativos radicados na Florida comezaron a asaltar asentamentos en Xeorxia, supostamente a instancias dos españois. O Exército dos Estados Unidos realizou incursións cada vez máis frecuentes no territorio español, incluíndo a campaña filibusteira de 1810-1812 comandada por George Mathews (coa participación da Mariña), que foi coñecida como a Guerra Patriótica da Florida Oriental, e a campaña de 1817–1818 contra os seminoles encabezada por Andrew Jackson que coñeceuse como a Primeira Guerra Seminole. Despois da guerra os Estados Unidos pasaron a tomar o control efectivo da Florida Oriental. Nese tempo, os Estados Unidos tamén estaban preocupados polos negros fuxitivos armados da Florida española, que eran coñecidos como os seminoles negros (inglés: Black Seminoles). Os donos de escravos reclamaban estes escravos fuxidos e cazadores de escravos entraron no territorio español.

O Tratado de Adams-Onís foi asinado entre os Estados Unidos e España o 22 de febreiro de 1819 e entrou en vigor o 17 de xullo de 1821. De acordo aos termos to tratado, os Estados Unidos adquiriron a Florida e, a cambio, renunciaban a todas as súas reclamacións sobre Texas. Centos de seminoles negros fuxiron polo Cabo Florida ás Bahamas a comezos da década de 1820, para poñerse a salvo dos cazadores de escravos norteamericanos.

Notas

  1. "Exhibit maps Florida history". StAugustine.com (en inglés). Consultado o 5-4-2015. 
  2. Na Táboa Redonda do 500 Aniversario do Descubrimento da Florida (inglés: 500TH Florida Discovery Council Round Table), segundo a PROCLAMACIÓN presentada por Dennis O. Freytes (Presidente/Facilitador).
  3. Miller, Toni-Ann. "Court tries, fails to determine Ponce de Leon’s landing site". palmbeachpost.com (en inglés). Consultado o 8-2-2016. 
  4. (Bennet & Lawson 1890, p. 9)
  5. Greenspan, Jesse (2-4-2013). "The Myth of Ponce de León and the Fountain of Youth". History.com (en inglés). Consultado o 8-2-2016. 
  6. 6,0 6,1 (Milanich 1995, p. 107)
  7. (Milanich 1995, p. 106-110)
  8. "Juan Ponce de Leon - biography - Spanish explorer". Encyclopedia Britannica (en inglés). Consultado o 5-4-2015. 
  9. (Milanich 1995, p. 111–115)
  10. "CATHOLIC ENCYCLOPEDIA: Antonio Montesino". newadvent.org (en inglés). Consultado o 5-4-2015. 
  11. (Sauer 1975, p. 196–199)
  12. (Sauer 1975, p. 199-200)
  13. (Bushnell 1981, p. 2–3) En 1573 o territorio de Menéndez de Avilés estendíase ata o río Pánuco, en Nova España.
  14. National Park Service . U.S. Department of the Interior (ed.). "St. Augustine Town Plan Historic District" (en inglés). Consultado o 29-2-2016. 
  15. (Sauer 1971, p. 200–202)
  16. 16,0 16,1 16,2 (Marley 2008, p. 94)
  17. (Sauer 1971, p. 202)
  18. (Brevard & Bennett 1904, p. 97)
  19. (Marley 2008, p. 95)
  20. John Worth. Universidade de Florida Occidental, ed. "Missions of Spanish Florida 1565 - 1763" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 03-03-2016. Consultado o 1-3-2016.  Mapa que mostra as misións españolas da Florida no século XVI.
  21. (McAlister 1984, p. 429)
  22. 22,0 22,1 22,2 (Burkholder & Johnson 1990, p. 145)
  23. 23,0 23,1 (McAlister 1984, p. 311)
  24. (Middleton & Lombard 2011, p. capítulo 15, sección 1ª)
  25. (Tucker, Arnold & Wiener 2011, p. 954)
  26. 26,0 26,1 (Young 1999, p. 24)
  27. (Rouse 1951)
  28. (Tucker, Arnold & Wiener 2011, p. 27)
  29. (McEwan 1991)
  30. (Wright 1972)
  31. (Weber 1992, p. 275): «España nunca trazou unha liña clara para separar as dúas Floridas, pero a Florida Occidental estendeuse cara o leste para incluír a Baía de Apalache, que España pasou desde a xurisdición de San Agustín á máis accesible de Pensacola.»
  32. 10th Circuit Court of Florida (ed.). "The Evolution of a State, Map of Florida Counties - 1820" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 03-02-2016. Consultado o 4-3-2016. Baixo o dominio español, Florida foi dividida segundo a separación natural do río Suwanee entre Florida Occidental e Florida Oriental. 
  33. Klein, Hank (4-9-2015). "History Mystery: Was Destin Once in Walton County?". The Destin Log. Consultado o 4-3-2016. O 21 de xullo de 1821, todo o que fora ata entón Florida Occidental foi chamado Condado de Escambia, polo río Escambia. Estendíase desde o río Perdido ata o río Suwanee coa sede condal en Pensacola. 
  34. Our Documents (ed.). "Transcript of Treaty of Paris (1783)" (en inglés). Consultado o 4-3-2016. Artigo 2º: (...) Desde alí por unha liña debuxada ao longo do medio do dito río Mississippi ata que sexa cortado a parte máis setentrional polo trixésimo primeiro grao de latitude norte; ao sur, por unha liña debuxada desde o leste da determinación da liña antes mencionada na latitude de trinta e un graos do ecuador á metade do río Apalachicola ou Catahouche (N.de T.: Chattahoochee) (...). 
  35. (Meyers 2008, p. 14-15)
  36. 36,0 36,1 (Weber 1992, p. 277-279)
  37. Mast, Brian (25-5-2011, coa última actualización de 11-9-2014). "Fort Tombecbe". Encyclopedia of Alabama (en inglés). Consultado o 4-3-2016. 
  38. Harkins, John E. (25-12-2009, coa última actualización de 1-1-2010). "Fort San Fernando De Las Barrancas". The Tennessee Encyclopedia of History and Culture (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 03-03-2016. Consultado o 4-3-2016. 

Véxase tamén

Outras ligazóns

Bibliografía

Ligazóns externas


Strategi Solo vs Squad di Free Fire: Cara Menang Mudah!