Antonio di Pietro Averlino ou Antonio di Pietro Averulino, alcumado Il Filarete, "o que ama a virtude", nado en Florencia contra 1400 e finado en Roma contra 1469, foi un escultor e arquitecto italiano.
Traxectoria
Florentino, fixo o seu aprendizado no taller de Lorenzo Ghiberti. No ano 1445, en Roma, ás ordes do papa Euxenio IV, completou as follas en bronce para a porta da Basílica de San Pedro: cada folla estaba dividida en tres recadros sobrepostos, no de embaixo á esquerda figurou o martirio de san Paulo; san Paulo e Cristo sedente nun trono; no de embaixo á dereita representou o martirio de san Pedro; san Pedro entregando as chaves a Euxenio IV e máis a Madonna no seu trono; os recadros estaban enmarcados con decoración de emperadores mostrados en perfil, nos espazos intermedios entre estes perfís colocou escenas do pontificado de Euxenio IV.
Entre 1460 e 1464, compuxo os 25 libros do seu Trattato di Architettura (Tratado de Arqitectura), que non sería publicado até 1490, escrita en lingua romance e dedicada a Francesco Sforza. O tratado contén o plano da primeira cidade ideal completa: Sforzinda, a cidade está inserta nun cerco amurallado en forma de estrela de oito puntas. O proxecto non foi nunca levado a cabo na realidade. De seguido traballou en diversas cortes, en Florencia no ano 1488, e no ano seguinte en Venecia.
Para Filarete o debuxo era unha actividade intelectual, un instrumento de comunicación do pensamento, forma sensíbel da idea, "fondamento e via d’ogni arte che di mano si faccia" (fundamento e vía de toda arte manual). Unha concepción moi similar á mantida por Leon Battista Alberti que definía o debuxo como "un tracciato preciso e uniforme, concepito nella mente, eseguito per mezzo di linee ed angoli, e condotto a compimento da persona dotata d’ingegno e di cultura" (un trazado preciso e uniforme, concibido na mente, executado por medio de liñas e ángulos, e levado a fin pola persoa dotada de enxeño e de cultura).