O Festival da Canción de Eurovisión Júnior (Junior Eurovision Song Contest, en inglés) é un concurso organizado pola Unión Europea de Radiodifusión, a imaxe e semellanza do Festival de Eurovisión, pero para nenos de entre 8 e 16 anos.
O ano anterior á primeira edición celebrouse un festival similar, o Melodi Grand Prix Nordic, no que só participaron tres países escandinavos; este festival gañouno Razz por Dinamarca coa canción Kickflipper. A imaxe deste festival, a Unión Europea de Radiodifusión decidiu organizar o Festival de Eurovisión Júnior 2003, que tivo lugar en Copenhaguen o 15 de novembro de 2003.
Iniciouse con varios países da Europa Occidental, con todo, ano tras ano aumentaron os países de Europa do Leste e fóronse retirando os que iniciaron o concurso.
Segundo o posicionamento, tanto Belarús como Armenia son os países máis exitosos na historia do festival, con cinco posicionamentos no top 3. Belarús e Xeorxia son os únicos países en gañar o festival máis dunha vez; o primeiro tivo dúas vitorias no 2005 e 2007, e o segundo gañouno no 2008 e 2011.
A maior vitoria foi a da cantante española María Isabel no 2004 que logrou 171 puntos, batendo un récord que aínda non foi superado, con 8 puntuacións máximas. A canción Antes muerta que sencilla segue sendo a de máis éxito do festival.
Nas primeiras seis edicións (do 2003 ao 2008), o festival tivo boa aceptación en países interesados en participar. A partir da edición do 2009 celebrada en Ucraína, o festival empezou un declive que se agudizou nas edicións do 2012 e 2013, ao participar só 12 países, a maioría novos. Na edición do 2014 que se celebrou en Malta, igualouse o número de participantes das edicións do 2003 e 2005, un total de 16. Cómpre destacar o retorno de Bulgaria (ausente dende o 2012), Chipre (ausente dende o 2010) e Serbia (ausente dende o 2011) e o debut de tres países: Eslovenia, Italia e Montenegro. En contraste, Azerbaidján, Macedonia e Moldova son os tres países que participaron no 2013 e non no 2014.