A familia da ribonuclease pancreática é unha familia (ou superfamilia) de endonucleases específicas da pirimidina atopadas en grande cantidade no páncreas de certos mamíferos e dalgúns réptiles.[1]
Estes encimas interveñen no corte endonucleolítico de 3'-fosfomononucleótidos e 3'-fosfooligonucleótidos que acaban en C-P ou U-P con intermediarios 2',3'-fosfato cíclico. A ribonuclease pode desenrolar a hélice do ARN acomplexándose cun ARN monocatenario; o complexo orixínase por unha interacción multisitio catión-anión estendida entre residuos de lisina e arxinina do encima e grupos fosfato dos nucleótidos.
A ribonuclease pancreática bovina é o membro mellor estudado da familia e serviu como sistema modelo en investigacións sobre o pregamento de proteínas, formación de pontes disulfuro, cristalografía de proteínas e espectroscopia, e dinámica de proteínas.[2] O xenoma humano contén 8 xenes que comparten estrutura e función coa ribonuclease pancreática bovina, con 5 pseudoxenes adicionais. A estrutura e dinámica destes encimas están relacionadas coas súas diversas funcións biolóxicas.[3]
Outras proteínas que pertencen á superfamilia da ribonuclease pancreática son: ribonucleases cerebrais e da vesicula seminal bovinas; ribonucleases non secretoras renais;[4] ribonucleases de tipo hepático;[5] anxioxenina, que induce a vascularización de tecidos normais e malignos; proteína catiónica do eosinófilo,[6] unha citotoxina e helmintotoxina con actividade de ribonuclease; e a ribonuclease hepática de ra e a lectina que se une a ácido siálico de ra. A secuencia das ribonucleases pancreáticas contén catro pontes disulfuro conservadas e tres residuos de aminoácidos implicados na actividade catalítica.[7]
Os xenes humanos que codifican proteínas que conteñen o dominio da ribonuclease pancreática son:
Algúns membros da familia da ribonuclease pancreática teñen efectos citotóxicos. As células de mamíferos están protexidas destes efectos debido á súa afinidade extremadamente alta polo inhibidor da ribonuclease, o cal protexe o ARN celular da degradación polas ribonucleases pancreáticas.[8] As ribonucleases pancreáticas que non son inhibidas polo inhibidor da ribonuclease son aproximadamente tan tóxicas coma a alfa-sarcina, a toxina ditérica ou a ricina.[9]
Dúas ribonucleases pancreáticas illadas dos ovocitos da ra Lithobates pipiens (anfinase e ranpirnase) non son inhibidas polo inhibidor da ribonuclease e mostran citotoxicidade diferencial contra células tumorais.[10] A ranpirnase foi estudada nun ensaio clínico en fase III como candidata para o tratamento do mesotelioma, pero o ensaio non demostrou unha efectividade estatisticamente significativa.[11]
Este artigo incorpora textos en dominio público procedentes de Pfam e InterPro IPR001427