Fallout 3 é un videoxogo de rol e acción, o terceiro da serie Fallout e o primeiro desenvolvido por Bethesda Game Studios, publicado nos Estados Unidos o 28 de outubro de 2008, en Europa e Australia o 30 de outubro para Microsoft Windows, PlayStation 3 e Xbox 360. Tras o seu lanzamento, Fallout 3 recibiu moi boas críticas en particular polo seu final aberto e o seu carácter flexible. NPD Group estima que o xogo vendeu 610.000 unidades no seu primeiro mes.
Características
O xogo ten un sistema de combate típico e os atributos típicos dos xogos RPG de acción pero tamén incorpora elementos dos xogos de acción de primeira persoa e dos xogos de supervivencia. Unha característica importante é que Fallout 3 a diferenza dos xogos anteriores da serie, que tiñan un 3D isométrico, é un auténtico 3D en primeira persoa grazas ó motor de The Elder Scrolls IV: Oblivion.
Sinopse
Fallout 3 ten lugar no ano 2277, 36 anos despois de Fallout 2 e 200 anos despois da guerra nuclear entre os Estados Unidos e a China que devastou o mundo nunha Guerra fría alternativa. O xogo pon ó xogador no papel dun habitante de Vault 101, un refuxio subterráneo designado para protexer da chuvia radioactiva un pequeno número de humanos superviventes. Cando o pai do xogador desapararece en circunstancias misteriosas, o xogador debe escapar do búnker e viaxar ás ruínas de Washington, D.C. na súa busca. Ó xogador asísteno un certo número de humanos superviventes da catástrofe e debe loitar contra un amplo número de mutantes inimigos que agora habitan ese páramo.