A Exposición Rexional Galega de 1909 foi un macroacontecemento celebrado en Santiago de Compostela en 1909, primeiro Ano Santo do século XX, concretamente no parque da Alameda e mais no colexio de San Clemente.[1]
Historia e características
Organizada pola Sociedade de Amigos do País de Santiago de Compostela, foi o presidente do seu comité executivo Pedro Pais Lapido. Contaba con once pavillóns e arredor de 600 expositores e 10 000 pezas de valor arqueolóxico así como tamén obras de arte.[2] Foi inaugurada o 24 de xullo polo rei Afonso XIII e mais polo daquela presidente do goberno, Antonio Maura, e recibiu un total aproximado de 53 000 visitantes. Algúns dos edificios construídos para o evento ficaron tras o remate deste, como o Centro Galego da Habana, cuxo patrón arquitectónico foi usado para configurar posteriormente o Campus Sur da Universidade de Santiago de Compostela. Así mesmo, a actual escola infantil de Santa Susana, obra de Antonio Palacios, foi, durante a Exposición, o pavillón de Recreo Artístico e Industrial.
Fixéronse eco algúns diarios locais como El Eco de Santiago ou Diario de Galicia, ademais de españois como o madrileño El Imparcial ou o rotativo catalán La Vanguardia. Tamén foi obxecto de atención das revistas gráficas do momento (a viguesa Vida Gallega ou a madrileña Nuevo Mundo).
Galería de imaxes
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Outros artigos
Ligazóns externas