Barcelona–Sants é a principal estación de ferrocarril de Barcelona e Cataluña. Foi inaugurada en 1979 e é a primeira estación de España en percorridos internacionais. É a segunda estación de España, tras a de Madrid-Atocha cun volume de viaxeiros próximo aos 30 millóns anuais dos cales algo máis de 18 millóns correspóndense co tráfico de proximidades.[1]
Os seus traxectos de Longa e Media Distancia, usando tanto a rede convencional como a rede de alta velocidade conectan Barcelona con destinos nacionais e internacionais. Concentra o maior tráfico de proximidades da cidade ao confluír nela as liñas R1, R2, R3 e R4 da rede de Rodalies.
A estación, propiedade de Adif, atópase no distrito de Sants-Montjuïc, con entrada pola praza dos Països Catalans (ao sur) e a praza Joan Peiró (ao norte). Conta con dúas plantas, unha baixa e outra subterránea. Sobre a estación hai construído un hotel da cadea Barceló, e xunto á praza Joan Peiró hai dársenas de autobuses.
Vías
A estación conta con 14 vías, 6 de largo internacional (1 a 6) e 8 en largo ibérico. Dende setembro de 2007 prestan servizo as vías de largo ibérico e as de largo internacional dende o 20 de febreiro de 2008.
Cabeceira desta liña para 2 ou 3 trens diarios por sentido con destino ou orixe Maçanet-Massanes, este destino compleméntase con trens rexionais cadenciados con destino Cerbère ou orixe Portbou.
Algúns trens da R-2 non efectúan parada entre Barcelona-Sants e Gavà.
Ata a finalización da construción do túnel da rúa Mallorca e da estación da Sagrera, Sants será o inicio de todas as liñas de alta velocidade que circulen dende Barcelona ata o resto de España, así como de servizos en largo internacional. Finalizada a construción da estación da Sagrera será esta a terminal das circulacións que teñan orixe e final en calquera lugar de España e veñan ata Barcelona, mentres que a estación de Sants será cabeceira das liñas que veñan de calquera cidade de Europa a Barcelona.
Transporte metropolitano
Metro
Sants Estació é unha estación das liñas 3 e 5 do Metro de Barcelona que se sitúa baixo a estación de ferrocarril. Inaugurouse anos despois de existi-la estación de ferrocarril a medida que creceu o metro de Barcelona. Concretamente, en 1969, inaugurouse a estación da liña 5, máis próxima á estación de ferrocarril, co nome de Roma Estación Renfe. En 1975 inaugurouse a estación da liña 3 que está algo máis lonxe da estación de ferrocarril. Finalmente, en 1982, reordenáronse as denominacións das liñas de Metro de Barcelona e cambiouse o nome polo actual de Sants Estació.
Pódese acceder á estación de metro dende a de ferrocarril ou ben a través do acceso que hai na rúa Numancia.
Autobús de longo percorrido: xunto á praza de Joan Peiró, no lado norte do edificio da estación, hai algunhas dársenas das que parten e ás que chegan autobuses con destino a concellos do eixe pirenaico.
Notas
↑Datos do ano 2010 extraídos do Anuario do ferrocarril 2011 editado pola Fundación dos Ferrocarrís Españois e Vía Libre