Un encoro, presa, represa, vaira ou encalco[1] é unha barreira fabricada con pedra, formigón ou outros materiais, que se constrúe nun río coa finalidade de depositar parte da auga para un posterior aproveitamento en abastecemento ou regadío, para elevar o seu nivel co obxectivo de derivala a canalizacions de rego, ou para a produción de enerxía mecánica ao transformar a enerxía potencial do almacenamento en enerxía cinética, e esta novamente en mecánica ao accionar a forza da auga un elemento móbil. A enerxía mecánica pode aproveitarse directamente, como nos antigos muíños, ou de forma indirecta para producir enerxía eléctrica, como se fai nas centrais hidroeléctricas.
Historia
A construción dos primeiros encoros fixeronse en Mesopotamia no Oriente Medio. Os encoros foron usados para controlar os niveis da auga dos ríos Tigris e Éufrates que eran moi variables e difícil de prever en función da climatoloxía da zona.
A presa máis antiga coñecida é a presa de Jawa que se atopa en Jawa, a uns 100 km ao nordeste da capital de Xordania, Amán. Trátase dunha presa de gravidade orixinalmente de 9 m de altura e 1 m de ancho, feita de pedra e soportada por unha ampla rampla de terra de 50 m de lonxitude. Esta estrutura foi datada no 3000 a.C.[2][3]
A presa de Sadd el-Kafara situada en Wadi al-Garawi, a uns 25 km ao sur do Cairo, foi construída no antigo Exipto, ao redor do ano 2800[2] ou 2600 antes de Cristo,[4] tiña 102 metros de longo e constaba de dous muros paralelos duns 24 m na base separados por 36 m reenchidos de entullos. Tratábase dun encoro (barreira) para controlar o uadi, pero foi destruído polas fortes choivas durante a súa construción ou pouco tempo despois.[2][4]
A presa máis antiga aínda en funcionamento sería a de Quatinah, situada en Siria, que sería construída na época do faraónSeti I[5] (que reinaría entre os anos 1290 e o 1279 a.C.), e sería ampliada durante o período romano. Con todo hai autores[6][7] que consideran que o encoro é totalmente romano e foi construído en tempos de Diocleciano (245 - 312) co propósito de prover auga para a rega. Hoxe en día aínda proporciona auga a cidade de Homs, situada a uns sete quilómetros ao noroeste do encoro.
Os romanos tamén foron uns grandes construtores de presas, a máis grande coñecida é a que había preto de Subiaco (Italia) sobre o río Aniene (o Anio romano) , construída entre os anos 54 e 68, esta tiña 50 metros de altura e foi a máis grande do mundo ata a súa destrución, ocorrida en 1305.[9] Ademais do encoro de Homs, hai dúas construcións da época romana que aínda están en funcionamento, trátase dos encoros de Cornalvo e Proserpina, ambos de pequeno tamaño e situados na provincia de Badaxoz (España). A técnica construtiva máis utilizada, con moita diferenza, polos romanos foi a presa de gravidade, pero foron os primeiros en utilizar o encoro de arco no encoro de Glanum (século I, situada preto de Saint-Rémy-de-Provence, no departamento francés de Bocas do Ródano), ou o encoro de arcos múltiples (século I, encoro de Esparragalejo, provincia de Badaxoz).
O encoro de Kallanai ou Grand Anicut é un encoro de derivación construída sobre o río Kaveri en Tamil Nadu (India), durante o século II. Esta foi construída con pedra, durante a dinastía Chola,[10] para desviar auga para a irrigación, ten 300 metros de longo, 4,5 m de altura e 20 m de anchura e aínda se utiliza.[11]
En Persia os encoros ponte foron utilizados para aproveitar a enerxía hidráulica por medio de rodas hidráulicas, a miúdo utilizadas para elevar a auga. A primeira foi construída en Dezful para abastecer de auga á cidade. Tamén se coñecían os encoros de derivación de auga.[14]
Tipos de presas
Segundo a súa planta, pódense distinguir tres tipos:
Planta recta.
Planta curva.
Planta mixta.
Segundo a súa estrutura poden ser:
De gravidade, cando o peso da presa abonda para aguantar o pulo da auga. Poden estar feitos de formigón, pedra, escollera con núcleo de material impermeábel, unha combinación de varios etc...
De gravidade alixeirada: caracterízanse pola busca da optimizacion de materiais, o corpo de presa e moi esvelto pero reforzado con contrafortes para así compensar os pulos hidrostáticos. Un exemplo seria o encoro de Chandrexa, no concello de Chandrexa de Queixa, na provincia de Ourense.
De bóveda: constrúense en forma de cunca co lombo cara á auga de xeito que o pulo hidrostático se transmite cara ás paredes naturais do terreo. Ademais conta con curvatura vertical de xeito que o pulo vertical do peso da auga na parte superior compensa as traccións de arranque nos cimentos da mesma. Un exemplo é o encoro das Portas, situado no concello de Vilariño de Conso en Ourense.
A combinación de formas e tipoloxías de estrutura dan unhas construcións dignas de ser vistas e case sempre diferentes unhas das outras.
Os encoros de Galicia
A principal utilidade dos encoros galegos é a de produción de enerxía hidroeléctrica. Dos 11 000 megavatios instalados, o 65% proceden das centrais hidráulicas e eólicas.[15]
Os principais encoros por potencia instalada son:[16]
↑Mamdouh Shahin, Water Resources and Hydrometeorology of the Arab Region, Springer Netherlands, 2007, ISBN 978-1-4020-4577-6, DOI 10.1007/1-4020-5414-9
↑Schnitter, Niklaus, Römische Talsperren, Antike Welt 8 (2), 1978, páx.39
↑Smith, Norman, A History of Dams, Londres, Peter Davies, 1971, páx. 31, ISBN 0-432-15090-0
↑Charles Allen Burney, Historical dictionary of the Hittites, Scarecrow Press, 2004, ISBN 0-8108-4936-4, 9780810849365, páx.78.
↑Hodge, A. Trevor, Roman Aqueducts & Water Supply, Londres, Duckworth, 1992, ISBN 0-7156-2194-7
↑Needham, Joseph. Science and Civilization in China: Volume 4, Part 3. Taipei: Caves Books, Ltd, 1986
↑Donald Routledge Hill (1996), "Engineering", páx. 759, en Rashed, Roshdi; Morelon, Régis (1996). Encyclopedia of the History of Arabic Science. Routledge. pp. 751–795. ISBN0415124107.